Inicio » Comarcal, Compostela » [Compostela] Ante o embargo á Gentalha do Pichel

[Compostela] Ante o embargo á Gentalha do Pichel

A Frente Popular Galega en Compostela fai público o seu rexeitamento á medida levada a cabo contra o Centro cultural e social A Gentalha do Pichel pola que se executa o embargo da súa conta por mor dunha multa de 2000€.

O actual alcalde, Conde Roa, e por extensión o goberno municipal do PP, xa vén manifestando hai tempo a súa animadversión a dito Centro, así como a canta actividade cultural, social ou política que non entre nos parámetros do seu ollar ideolóxico. Neste caso efectiviza un embargo económico, executando unha sanción que, cando menos, debería agardar a ser definitiva, ao estar recorrida.

Consideramos ao actual goberno municipal do PP, como á anterior administración bipartita, responsables desta persecución á liberdade de expresión. En efecto, o anterior goberno municipal é quen fai a denuncia hai dous anos por pendurar unha pancarta, e o actual a executa.

Criminalízase unha pancarta en defensa do idioma galego (“Na Galiza só en galego”) e ademais faise no contexto dunha festa popular ( A Cacharela de San Xoán).

A denuncia, baseada na “ocupación indebida da vía pública”, amosa que aos nosos gobernantes lles amola a presencia do noso idioma nas rúas, así como as festas populares. Para eles non son molestas, nin denunciables, as ocupacións que padecemos, de corte relixioso, deportivo ou político, acordes coa parafernalia do sistema que eles mesmos representan.

Amosamos a nosa solidariedade cos compañeiros/as da Gentalha do Pichel ante tal inxustiza.

Compostela a 19 de decembro de 2011.