Inicio » Nacional, Defensa da Terra » A FPG diante dos sucesos de Fornelos de Montes

A FPG diante dos sucesos de Fornelos de Montes

A FPG considera que a grave situación que outravolta vivimos a causa dos diversos incendios que devoran o noso territorio nacional está a desvelar o modus operandi dunha administración autonómica que utiliza o cerco mediático e a mentira como ferramentas políticas para soliviantar o posíbel impacto social que podería aparellar unha información veraz sobre a superficie de masa forestal queimada nos últimos días.

A FPG denuncia a xestión das situacións de crise e emerxencia en chaves electoralistas e esixe da Xunta de Galicia unha deposición inmediata da súa práctica escurantista, debendo esta informar ao conxunto do pobo galego baixo os criterios de obxectividade e transparencia. Este é un dereito irrenunciábel que pertence ao conxunto das cidadás e cidadáns de Galiza.

Consideramos urxente tamén que se depuren efectiva e publicamente as responsabilidades laborais que arrodean a morte dos dous traballadores da SEAGA de Tomiño e Nigrán, que faleceron na noite de onte en labores de extinción en terras de Fornelos de Montes, en aras de evitar máis situacións de risco laboral para os traballadores e traballadoras das brigadas.

A FPG quere facer chegar aos familiares e achegados destes dous traballadores o seu pesar por esta triste nova.

Sabemos que só a loita obreira pode previr novos accidentes laborais e converterse nunha ferramenta útil para furar nas fendas do cerco mediático imposto.

Etiquetas: