Inicio » Comarcal, Vigo » [Vigo] Conflitos partidistas prexudican o pobo

[Vigo] Conflitos partidistas prexudican o pobo

Aproveitamos estas necesarias chuvias de abril para facer público o seguinte comunicado.

Desde a FPG afirmamos que o pobo de Vigo é vítima dos intereses partidistas de PSOE e PP e das leas que deles derivan. Un exemplo palpable témolo no saneamento das nosas rúas. As inundacións que cada vez que chove temos que sufrir os veciños de lugares como Balaídos ou Santiago de Vigo, por pór dous exemplos, son ben ilustrativas do desgoberno ao que os dous grandes partidos españois nos condenan.

Parácheste a pensar por que será que cada vez que chove un chisco máis da conta rebentan os colectores de auga da rúa Colón e se inunda toda a zona? Canto diñeiro están a malgastar para arranxar unha e outra vez un problema que se debería ter corrixido xa de inicio?

Contextualicemos, por exemplo, o caso da rúa Colón. Hai seis anos, sendo Corina Porro alcaldesa de Vigo e Abel Caballero presidente da Autoridade Portuaria, o concello acometeu obras para mudar a imaxe do centro da cidade e máis o colector de augas pluviais e residuais que baixa desde o Calvario por Urzaiz, pasa por Colón e vai dar á Rúa Marqués de Valadares. Velaí o primeiro erro: realizouse unha obra coa que pretendía modernizarse e mellorar o saneamento de augas, mais non se separaron as augas pluviais das residuais, algo imprescindible para diminuír a contaminación da nosa ría xa que, se non se separan, todas as augas son verquidas ao mar sen pasar por ningún proceso de depuración e sen ter en conta a súa procedencia (da depuración, mellor, xa nin falamos…). Chegados a este punto, é onde chega o “bo” da historia: Abel Caballero non lle deixou daquela ao concello ampliar o último tramo antes de desembocar directamente na ría, que pertence á Autoridade Portuaria. Velaí o por qué das inundacións: cando a auga que baixa topa co último tramo, vello e de menor diámetro có novo,este non soporta o caudal que lle chega e todo bulsa ao exterior. É entón cando rebentan as tapas dos sumidoiros e todo se inunda cunha mistura fedorenta de augas pluviais e residuais.

Mais o esperpento personalista da clase política española non fica aí. Como todas e todos sabemos, tempo despois Corina Porro e Abel Caballero intercambiaron os papeis coma quen intercambia os cromos: ela foi prá Autoridade Portuaria e el para á fronte do goberno local. O novo alcalde quixo retomar as obras e topou coa correspondente negativa revanchista da ex-alcaldesa, así que o antigo e desfasado colector ficou como estaba e con el o problema, que non deixa de crear molestias ao pobo vigués e de queimar inutilmente diñeiro do erario público. Así que cada vez que chove a mentira desta casta política volve inundar as rúas da nosa cidade e a feder polas súas esquinas.