Inicio » Opinión » O ascenso de Arturo Ui

O ascenso de Arturo Ui

En 1941, Bertolt Brecht, daquela exiliado en Finlandia para fuxir dun nazismo que ocupaba case toda Europa, empezou a idear unha parábola en forma teatral do ascenso de Hitler ao poder que, tempo despois, titularía: O evitable ascenso de Arturo Ui. A peza, ambientada no Chicago dos anos 30, describe como un gangster local de segunda fila, Arturo Ui, chega ao poder mediante a violencia, o suborno, a chantaxe e o apoio imprescindible da burguesía local que vía nel a posibilidade de restaurar unha orde ameazada en tempo de crise. A finalidade pedagóxica da obra é evidente: os espectadores da época podían recoñecer sen esforzo nos personaxes de ficción os seus correlatos reais, (Hindenburg, Goebbels ou Ernst Rohm entre outros), así como a complicidade e colaboración de nazis e capitalistas.

En Europa vivimos nestes tempos unha situación semellante á descrita de xeito indirecto por Brecht na Alemaña dos anos 30; crise e ultradereita. As dúas van xuntas sempre, non hai unha sen a outra. Alí onde o Capital se sente ameazado e non lle abonda cos medios normais para manter a orde (xuíces, exército, policía), bota man de inmediato da ultradereita. Os nazis non son máis ca un reforzo da policía, un corpo paramilitar que ten a vantaxe engadida de estar fóra da lei, pero que serve con fidelidade absoluta ao mesmo amo: o Capital. De feito, historicamente e hoxe tamén, moitos nazis foron recrutados da policía ou do exército, estamentos onde lles inculcaron, mediante a repetición infinita, o seu cativo abecedario que, no caso español, se recita así: Viva España, viva el Rey, viva el Orden y la Ley. (Nótese a proximidade fónica entre rei e lei, son case idénticos).

Como están ao servizo do Capital, o inimigo dos nazis é o mesmo que o do seu amo; os comunistas, por razóns obvias, e unha serie longa de elementos variables segundo a ocasión entre os que adoitan estar presentes os inmigrantes, os funcionarios, os gais ou, no caso español, os nacionalismos periféricos, que serven como cortina de fume. Os nazis non aparecen da nada, é preciso que sexan cultivados, e isto non acontece só no interior da policía e do exército, o Capital dispón de todo un gran aparato propagandístico desde os que espallar esta ideoloxía do odio: Intereconomía, a COPE ou El Mundo son os casos máis evidentes de medios filo-nazis, pero moitos outros aparentemente máis moderados suman tamén o seu modesto gran de area na causa común. A súa estratexia política por excelencia é a provocación: son eles mesmos os que sementan a violencia nas rúas e o ataque contra a propiedade para venderlle despois á burguesía a súa protección. Unha vez no poder, o resultado é a guerra imperialista.

Todo isto que xa sucedeu unha vez en Europa está volvendo a pasar. En Italia, Francia, Holanda, Grecia ou Austria medran continuamente os partidos neonazis. En España non porque xa teñen no poder un partido que é herdeiro directo do nazi español por excelencia: Franco, do que nunca se renegaron e que aínda hoxe homenaxean, (lembran aquelas camisas azuis de Aznar, ou a sospeitosa semellanza no nome entre Falange Española e FAES).

Veñen tempos escuros outra vez. En España o PP comezou xa a súa campaña contra o escasísimo autogoberno que lle concederon ás autonomías en 1977. Non importa que os estados que eles pretenden imitar, Alemaña e os USA, teñan modelos administrativos moito máis descentralizados territorialmente que o español, porque en realidade do que se trata é da invención dun inimigo (nós, as nacións periféricas) que sirva de distracción para non falar do que verdadeiramente importa: a cada vez maior acumulación da riqueza en menos mans.