Inicio » Feminismo » A agresividade patriarcal

A agresividade patriarcal

O goberno decidiu tomar, co pretexto da crise, medidas de ataque contra a maioría social: á clase traballadora, ao estudantado, á mocidade, ás persoas dependentes… E, como non, a agresividade patriarcal é tamén parte fundamental destas medidas.

A Lei de Familia constitúe un ataque frontal á nosa soberanía; unha forma encuberta de Reforma Laboral que pretende meternos de novo na casa. Normativiza a domesticación dos nosos corpos, a privación dos nosos dereitos reprodutivos e sexuais. A reforma da Lei do Aborto afonda nese ataque á nosa soberanía, trasladándonos en pleno 2012 de volta aos anos 80, coa modificación dos prazos polos tres supostos…

E xunto con estas leis van os recortes, que máis que recortes son insultos á dignidade das mulleres. O aprazamento nas melloras da pensión de viuvez, a falta de  financiamento da Lei de Dependencia en Galiza (relegando ás mulleres, a través tamén da Lei de Familia, a seguir exercendo o papel de coidadoras e desenvolvendo un traballo non remunerado que simboliza o 37% do PIB), os recortes aos programas de apoio ás mulleres vítimas da violencia machista, os ataques continuados aos sistemas público de saúde e servizos sociais, a supresión das axudas a cotitulariedade das explotacións agrarias ou a desaparición do programa Arlinga de axudas ás mulleres redeiras…

Todas estas son ferramentas do capital para precarizarnos aínda máis, facéndonos á vez responsables da crise do seu modelo político, económico e social; culpándonos do desmantelamento do seu Estado de Benestar (por parir menos ca antes, é dicir, por traer ao mundo menos man de obra barata).

As inxustizas crecen, máis tamén medra a resistencia das mulleres que demandamos un cambio de sistema. O patriarcado e o capitalismo retroaliméntanse, mantendo as xerarquías entre clases e xéneros. A autoorganización será a vía que nos leve á liberación. Empoderármonos ao carón das organizacións de clase é o pulo no camiño da acción transformadora que nos levará á igualdade.

—————————-

Este comunicado foi publicado co gallo do 1º de Maio de 2012 no voceiro en papel distribuído nas manifestacións dos sindicatos de clase.