Inicio » Día da Patria 2004 » Autodeterminación

Autodeterminación

As Bases Democráticas Galegas constitúen unha iniciativa promovida por un grupo de persoas diversas vencelladas a diferentes ámbitos de Galiza. Esta proposta xorde da necesidade de situar en primeiro plano algúns dos aspectos fundamentais que lle permiten a toda colectividade recoñecerse como suxeito político e construír o seu presente e o seu futuro libremente. Pensar nun proxecto colectivo de Nación Galega implica rescatar o valor de principios irrenunciábeis: autodeterminación e democracia nos seus significados plenos, defensa da lingua e da cultura de Galiza e un marco galego de relacións laborais. As Bases Democráticas Galegas configuran unha iniciativa non partidaria de mulleres e homes que promoven a articulación dun proxecto de resistencia fronte á orde existente, unha proposta activa de encarnación dun novo poder constituínte.

O feito nacional galego e o seu ámbito propio de decisión son negados sistematicamente polo actual cadro xurídico-político, que non recoñece máis suxeito soberano ca as súas propias institucións. Hoxe os alicerces culturais, económicos e identitarios que nos caracterizan como pobo diferenciado están en perigo de esmorecer por mor da presión cotiá e por veces opaca do capitalismo e do irrealizábel proxecto de nación española co que Galiza entra nunha contradición só superábel co exercicio efectivo da autodeterminación. O proxecto imperialista español só admite a homoxeneización e a disolución das culturas e nacións peninsulares na obrigada unidade de España consagrada de maneira abertamente coercitiva pola Constitución Española que Galiza nunca aprobou. Velaí o ataque frontal aos dereitos democráticos máis elementais e a persecución política, mediática, policial e xudicial contra toda disidencia, contra calquera discrepancia; unha persecución que abrangue desde a esquerda independentista vasca, aos tres traballadores lugueses condenados por participaren nun piquete nunha Folga Xeral; que prohibe o exercicio da liberdade de expresión e reprime e condena persoas de diferentes colectivos sociais, nomeadamente a militancia da esquerda independentista; que se manifesta na gravísima e recente sentenza do TSXG sobre a folga da empresa de transporte “CASTROMIL”.

Nin Galiza nin o Estado español son unha illa no mundo. Nestas datas asistimos como espectadores —outro papel non nos é outorgado— ao chamado proceso de construción europea. Mais a Europa que se institucionaliza non responde ás necesidades democráticas e de liberdade dos pobos que a conforman; moito menos aos intereses das súas clases populares. É un proxecto pensado por e para as corporacións capitalistas, para fixar en lei as súas aspiracións de dominio absoluto sobre os pobos, as mulleres e a clase traballadora. Os suxeitos soberanos da Constitución europea non son os pobos, senón os estados e as súas elites gobernantes, xestoras dos negocios do Capital. A reivindicación democrática dunha Europa dos pobos, das súas culturas e das súas linguas, é profundamente contraditoria con un proxecto constitucional europeo que nega o dereito de autodeterminación como alternativa á uniformización e ao proxecto excluínte da chamada globalización capitalista. Falarmos da Constitución europea implica posicionarnos politicamente e evidenciar a súa profundidade antidemocrática, denunciar a súa transcendencia relixiosa e os intereses neoliberais e imperialistas. É unha constitución xenófoba, que consagra a liberdade do Capital ao tempo que impide o libre movemento das persoas, lexitima e perpetúa a dominación e explotación das mulleres. É antidemocrática, antisocial e belicista. Institucionaliza a Europa do Capital, dos Estados, do Patriarcado e da Guerra. Nega os dereitos dos pobos e dos traballadores e traballadoras.

O Capital non admite barreiras á explotación. A guerra imperialista é unha das manifestacións deste proceso de supeditación de toda forma de vida aos designios do mando capitalista. A espoliación de recursos, o reparto desigual da riqueza e os seus efectos en pobos e continentes enteiros profundiza na exclusión dun número crecente de seres humanos e crea as condicións da confrontación. A xenofobia e o patriarcado son instrumentos de control que xeran un freo significativo para a mellora das condicións de vida e do benestar de todos os seres humanos. A destrución dos sectores públicos e a despolitización da economía, a súa independencia das decisións políticas, a creba dos servizos públicos, a reclusión da participación democrática nas canles estritamente institucionais, a privatización do mundo na súa totalidade; velaí o proxecto de capitalismo global ao que nos enfrontamos.

Nunca tanta riqueza potencial, tanto desenvolvemento das forzas produtivas xerou tanta pobreza, tanta explotación e tantas formas de exterminio masivo. A supervivencia do planeta está en perigo. É tempo de construírmos outro mundo, hoxe, desde unha Galiza concibida como simple peza prescindíbel da engrenaxe da acumulación capitalista. Nunha Galiza en situación de crise prolongada, de destrución sistemática do seu tecido produtivo, de sometemento ás políticas clientelares que proxectan convertela nun deserto humano atravesado de autovías que conducen á emigración, á destrución do patrimonio cultural e natural, á sobreexplotación, a ningures… Seguimos acreditando na necesidade de os galegos e as galegas construírmos sen pexa ningunha o noso futuro colectivo, de os traballadores e as traballadoras apropiármonos do produto do noso traballo.

Porque, con todo, Galiza vive un tempo intenso que nos dá leccións e desmentidos se analizamos a realidade alén do estreito marco da cadea electoralista a que é sometida a política. A nación da que falamos achega a súa forza a esoutro mundo posíbel que atravesa nacións e continentes con múltiplas manifestacións de resistencia. E faino demostrando a súa singularidade e vontade de existencia: protagonizando as maiores mobilizacións estudantís de Europa ao berro de Non á LOU, mediante o que a nosa mocidade impugnou radicalmente un futuro de explotación e sometemento; manifestándose contra a Europa do Capital e contra a Globalización, solidaria con todas as resistencias ao capitalismo; erguéndose masivamente en Folga Xeral contra os ataques aos dereitos conquistados polo proletariado; chantando o clamor do Nunca Máis contra o atentado social e ambiental e os seus responsábeis e substituíndo na práctica o Estado pola autoorganización asemblearia, verdadeira institución política das multitudes; facendo das rúas a negación decidida da guerra imperialista; movéndose contra a violencia machista, unha das expresións máis brutais do patriarcado. Galiza, contra o que nos di o sentido común do sistema e do réxime, é viva; emerxe nestas e outras manifestacións de resistencia recollendo o mellor da nosa tradición emancipadora, feminista, nacional e de esquerda, e faino falando en galego.

Por iso pensamos, por riba de particulares encadramentos partidarios, na necesidade de organizar a nosa potencia constituínte como pobo, que non ten cabida como suxeito soberano no actual cadro xurídico-político, o cal é o mesmo que dicir que este non permite unha Galiza dona de seu. Por esa razón, as Bases Democráticas Galegas queren ser unha iniciativa que encarne as aspiracións colectivas de ruptura democrática e popularice e resitúe na rúa as teses autodeterministas e o norte irrenunciábel de edificación dun proxecto de emancipación nacional, de xénero e social.

Esta convocatoria do Día da Patria é apenas o primeiro paso nese camiño que nos propoñemos andar colectivamente. É posíbel grazas ao esforzo non xa dos convocantes, senón sobre todo das forzas que apoian esta manifestación. Nun primeiro termo, CUT, FPG, Nós-UP e PCPG, que xenerosamente decidiron renunciar ás súas mobilizacións para facer real esta manifestación unitaria.

CONTRA O IMPERIALISMO
CONTRA O PATRIARCADO
POLA EMANCIPACIÓN DA CLASE TRABALLADORA
POLA AUTODETERMINACIÓN DE GALIZA
VIVA GALIZA CEIBE!