Inicio » Nacional, Da Galiza Mártir » Moncho Reboiras e o nacionalismo galego

Moncho Reboiras e o nacionalismo galego

20100809_moncho.reboirasMoncho Reboiras foi un mozo que, como outros moitos, nos últimos anos do franquismo enarborou a bandeira da loita contra un sistema político que reprimía as liberdades e condenaba aos galegos a vivir sen a súa identidade.

Nacido en Imo, no ano 1950, trasladouse coa súa familia a Vigo, establecéndose no barrio de Teis, no que os seus pais rexentaban o bar Noia. Alí cursou o bacharelato e enxeñería industrial, destacando academicamente, o que lle permitiu ingresar en Barreras nada máis rematar, comezando alí o seu contacto directo co mundo laboral.

Moncho era un mozo con inquedanzas, que participa na coñecida publicación crítica de “Peritos” nomeada o “Des…tornillo” e que frecuenta círculos de católicos progresistas e galeguistas, nos que sobresae o padre Seixas.

A súa conciencia nacionalista vaise afortalando máis no contacto con persoas que frecuentan a Asociación Cultural de Vigo, que a comezos dos anos setenta constitúe un referente e cobertura para a actividade do nacionalismo.

Nesa altura Moncho, xa militante da UPG, desprega unha importante labor de proselitismo e captación de membros, dentro do chamado Frente Cultural, campo no que basicamente actuaba naquel entón unha UPG desexosa de introducirse nas empresas.

Os acontecementos do ano 1972 son decisivos para o movemento nacionalista. Por aquel entón, Moncho é un militante activo da UPG que, dende Barreras, participa das mobilizacións, o que lle custou un expediente que o apartou desa factoría, integrándose posteriormente en Álvarez.

Durante as mobilizacións do ano 1972, en Ferrol e Vigo, Moncho ten un papel protagonista no acercamento da UPG a un grupo de traballadores que, escindidos de CC.OO., forman a Organización Obreira, así como outros das Xuventudes Comunistas, e que logo terán un papel importante na formación do Frente Obreiro da UPG.

É este o momento no que se botan a andar xermes sindicais en toda Galicia, que ao redor de publicacións como o “Eixo” van espallando a conciencia nacionalista nas empresas e formando as estruturas clandestinas ou xermes sindicais, que logo deron lugar ao Sindicato Obreiro Galego, xérmolo inicial da INTG, que trala fusión coa CTG deu lugar á actual CIG.

Nesta proletarización da UPG, Moncho xoga un papel moi importante, primeiro en Vigo, máis tarde na Coruña, onde despregará o seu labor traballando en Intelsa.

A UPG precisa de máis medios para facer frente ás necesidades organizativas e tamén para dar respostas noutro nivel ao réxime franquista. A experiencia revolucionaria doutras organizacións a nivel mundial e no propio Estado, unida ao golpe de estado chileno, agudizan o debate sobre a necesidade de dotar á Organización dun brazo militar que complemente a loita política. Vai nacer a Frente Armada da UPG.

Novamente aquí, Moncho mostrou o seu grao de entrega, o seu entusiasmo. Como membro do Comité Central, foille encomendada a tarefa da creación desa Frente, para a que contou con outros destacados membros da UPG, de características e entrega semellantes.

Dende esta Frente desenvólvense algunhas accións destinadas a fornecer de medios á UPG, sendo o máis destacado o asalto da comisaría de Lugo, onde se apropiarían de miles de DNI en branco, que servirían para protexer a identidade dos membros na clandestinidade e para realizar operacións como alugueres de pisos francos.

A gran actividade desenvolvida pola UPG nos distintos frentes, estimulada pola caída do réxime fascista en Portugal, fixo que a policía político social (BPS) se centrase de maneira especial na súa represión.

A comezos do ano 1975 son xa moitos os militantes da UPG que, sen apenas infraestructuras, son capaces de desenvolver unha enorme actividade en todos os campos, en toda Galiza, configurándose como unha alternativa con prestixio, non só no campo da cultura e no mundo estudiantil, senón tamén nas empresas, no agro, no mar… sectores aos que acoden tamén militantes que abandonan os seus estudos para crear estruturas e asegurar que as bandeiras da UPG se ergan en todas as loitas.

Neste contexto, o 12 de agosto de 1.975 marcará un fito importantísimo na represión contra o nacionalismo. Ese día Moncho foi acribillado nas rúas de Ferrol.

O día anterior, 11 de agosto de 1.975, nun piso franco ferrolán que, ocasionalmente, Moncho compartía con dous militantes da frente política da UPG, comentoulles que algo ía mal. Que lle tiñan fallado dúas citas de seguridade e que había que tomar precaucións.

Segundo discorría a tarde os moradores do piso franco foron eliminando os documentos comprometedores, ao tempo que ían notando como se incrementaba a presenza policial na zona, primeiro BPS de paisano, logo ao caer a noite centos de “grises” armados ata os dentes, que acordoaron toda a mazá, dando volta polo barrio de Canido. Un despregue represivo nunca visto.

Cercados como estaban, antes de entregarse e pór en perigo toda a Organización, os tres militantes decidiron que había que intentar escapar separadamente. Moncho tentouno polos tellados das vivendas cercanas, sendo detectado pola policía, alertada polos gritos duns veciños, ao entrarlles na casa pola claraboia. A partir dese momento a policía centrou en Moncho toda a atención, o que facilitou que os outros dous, que conseguiran acceder a outra vivenda, puidesen permanecer ocultos.

Foi unha longa noite de metralletas en Ferrol que culminou de madrugada coa morte de Moncho Reboiras, a man duns trescentos policías, nun portal onde buscaba refuxio.

O cerco do piso franco e os rexistros das vivendas cercanas continuou durante toda a mañá do día 12 sen que a policía franquista lograse dar cos outros militantes escapados, cecais para facer con eles o mesmo que con Moncho, o mesmo que con tantos antifranquistas que pagaron co seu sacrificio a conquista das liberdades políticas e o recoñecemento da nosa Nación.

A trinta anos vista daqueles feitos, as importantísimas conquistas alcanzadas, deben facernos avaliar o custo que tiveron, para non retroceder nelas nunca máis e seguir avanzando, tamén nas actuaias circunstancias dun novo e esperanzador Governo Galego.

E non debemos perder nunca de vista os obxectivos estratéxicos: mentres nalgún lugar do mundo sigan a morrer persoas a mans da represión e da barbarie, ou pola falta de auga, de comida ou de medicinas; mentres os verdugos e xenocidas sigan actuando impunemente tralo poder no que se escudan, a loita ten que continuar.

Etiquetas: ,