Inicio » Nacional, Defensa da Terra » Somos colonia da corte

Somos colonia da corte

A F.P.G. perante o desastre ecolóxico:

Á vista da catástrofe social e ecolóxica da maré negra e afundimento do Prestige, nunca coma hoxe podemos berrar con meirande razón as verbas proféticas dos revolucionarios de 1.846.

GALICIA, VERDADEIRA COLONIA DA CORTE!

Co verquido de fuel sobre o mar galego ficaron desenmascaradas institucións e políticas que a EPG. ven denunciando, case sempre a soas.

A inexistencia de sistemas de protección de desastres nas deputacións, principalmente na máis poderosa, a da Coruña, demostra a idea de que os organismos provinciais son unha antigalla decimonónica só útil para alimentar as redes caciquis. A ausencia de calquera organismo eficiente de protección do medio ambiente na Xunta de Galicia, revela o carácter exclusivamente de pantalla e figuración desta institución marioneta que, na práctica, resulta só unha factoría de deputados sucursalistas en Madrid e unha manxadoira para empregar os políticos á súa prole e a eles mesos.

Aínda así: Se a autonomía Galega estivese administrada pola esquerda nacionalista (mesmo pola F.P.G.) tampouco tería capacidade para se dotar de medios preventivos e de salvamento naval suficientes.

Co Estatuto e a Constitución na man ,¿Podería a Xunta de Galicia promulgar leis marítimas de cum-primento nacional e internacional, normas de navegación e construcción naval, e impor estas sobera-namente nas nosas augas mediante unha mariña de guerra e un corpo de inspección propio?

Non, Galicia carece desas atribucións e de xurisdicción sobre as súas augas territonais, que só nos pare-cen propias se nos deixamos levar pola fantasía. O mar galego e a zona marítimo-terrestre son do Estado Español.

¿E como o goberno de España actuou e actúa no desastre que estamos a sufrir? Con incompetencia, ignorancia marítima, prepotencia e ausencia de calquera plan de corrección. Débese engadir a actitu-de falsaria dos medios de comunicación españois, así os fleis ó PP coma os que laboran polo advento do PSOE: fecharon fileiras ó redor do comité central españolista igual que as fechan verbo do conflicto de Euskadi, poñamos por caso.

O goberno de Madrid nin tivo política de tránsito mariño nin de construcción naval, nin pensa tela; tampouco tivo política de eventualidades catastróficas marítimas, nin pensa tela.

Así as cousas, masas de galegos e galegas de todo tipo, ecoloxistas, estudiantes, mariñeiros, profesores, organizacións varias e voluntariado espontáneo puxo mans á obra en operacións de limpeza. Puideron comprobar que os servicios de protección civil (dependentes do goberno de Madrid) non eran senón unha tropa inútil para exhibir en partidos de fútbol e rallys. A descoordenación e a falla total de dirección central e de medios apálpase no noso litoral, mentres o Delegado do Goberno preséntase nas comparecencias públicas como un pallaso petulante.

Mentres a indignación pública se estende igual que a capa de piche, vese o seguinte: nin Fraga Iribarne nin os Ministros da Corte duran ó pe do pavoroso sinistro. Nin sequera finxen; nin calzan as botas de caucho habituais nas inundacións do Pais Valenciá. Aznar non asoma o fociño para líe dar a man a un triste patrón maior do PP.

Fálase de líe botar uns euros ós mariñeiros afectados. Como dicía un deles: ”Cando a un mariñeiro lle dan de beber, ou xa o foderon ou vanno foder”.

¿E os Borbóns, tan bos mariñeiros? Nin o Rei nin o Príncipe veñen cortar o mar coas proas dos seus veleiros, non sexa que se lles lixen. O tremendo iate de Xoán Carlos (vergoña pública e suborno manifesto) non se puxo a disposición dos galegos para paliar, mesmo que fose demagóxicamente, a calamidade pública.

Isto é o que o pobo galego lle debe ás Deputacións, á Xunta, ao Goberno Español e á Monarquía:

NADA E DESPREZO. VELEIQUI POLO CAL O POBO GALEGO DEBE ENDEREITAR XA OS SEUS PASOS HISTÓRICOS DEICA O ÚNICO FIN QUE LLE ACAI AOS SEUS INTERESES. PARA QUE REMATE ESTA VERGOÑA: INDEPENDENCIA E SOCIALISMO!

Etiquetas: ,