Inicio » Movemento xuvenil, Movementos sociais » Pola liberdade de expresión non a manipulación

Pola liberdade de expresión non a manipulación

Perante os últimos feitos que están a acontecer e que degradan o movemento estudiantil de Compostela, desde a Frente Popular Galega, crémonos na obriga de aclarar a nosa posición:

O movemento estudiantil en contra da LOU naceu espontaneamente como un proceso asembleario cun punto de encontro: a oposición a esta lei e a defensa dun sistema educativo público galego, así como un modelo de universidade baseado nos principios de igualdade de oportunidades para todas e todos.

As mobilizacións sostivéronse gracias ás asembleas, á coordinadora (na que están representadas todas as facultades e escolas universitarias a través das súas voceiras e voceiros) e ás distintas comisións creadas ao efecto. Gracias a este sistema, o eixo central de todo o movemento foi o ASEMBLEARISMO; así, desde a FPG consideramos que a unidade mantívose gracias á estructura profundamente democrática das asembleas.

Agora que este movemento unitario de masas entra nunha etapa de refluxo, vemos como o noso labor e o noso capital mobilizador é roubado por aqueles grupos reformistas que intentan instalarse a toda costa nas fendas do poder autoanémico e que, chegados a un punto, intentaron desmobilizar ao estudiantado para facer negocio e recoller dividendos electorais.

Pero tamén desde a miopía política de grupúsculos baseados nun activismo presuntamente radical intentouse, desde un primeiro momento, tensionar á Asemblea de Estudiantes, sen comprender que a unidade é o valor indiscutíbel deste movemento e que esta non é contraria á firmeza.

O clímax deste proceso encontrámolo nun acto organizado na clandestinidade por cúpulas políticas (BNG, CIG, UGT e CCOO), que non teñen vergoña en apropiarse das siglas da Asemblea de Estudiantes de Compostela, sabendo o dano mortal que lle causan a cada un dos e das estudiantes que traballaron e loitaron no seo do movemento estudiantil.

A Frente Popular Galega apostou desde un primeiro momento por un movemento baseado na UNIDADE, na MOBILIZACIÓN e na FIRMEZA, deixando ao lado as lexítimas posturas políticas de cada quen e, por iso, non entendemos como ante a grave situación na que se atopan os nosos compañeiros e compañeiras represaliadas/os, certas organizacións manipulan e monopolizan o nome da Asemblea en beneficio propio.

A Frente Popular Galega apoia con todas as súas consecuencias á Asemblea na súa autonomía e fai un chamamento a todos e todas os/as estudiantes para traballar na súa reactivación, desenmascarando as manipulacións de calquera signo.

¡VIVA A ASEMBLEA DE ESTUDANTES DE COMPOSTELA!
¡¡LOITAMOS UNIDOS, VENCEREMOS LOITANDO!!

Compostela a 23 de abril de 2002