Inicio » Nacional, Solidariedade » Lingua, cultura, política.

Lingua, cultura, política.

Lingua, cultura, política.

Ferrín na Academia.

Nos 25 anos de historia da Frente Popular Galega, especialmente a partir dos últimos relanzos do século XX, resultou con frecuencia moi chamativo o contraste entre o escaso eco electoral das súas concorrencias ás eleccións (agás o caso senlleiro de Cangas) e o poderoso impacto ideolóxico do seu discurso político, por unha banda, e o prestixioso capital simbólico asociado ao partido desde o campo cultural e literario, por outra.

O emblema e horizonte da futura República Galega, rescatado do arredismo de Manoel Antonio pola FPG e polas Redes Escarlata e hoxe parece que asumido por outros sectores nacionalistas, é todo un síntoma do papel vangardista e da fortaleza ideolóxica do independentismo que a Frente Popular Galega representa historicamente.

No campo cultural e literario, que nos procesos de emerxencia das nacións subalternas, como tamén dicía Manoel Antonio, é de primeirísima importancia para aquelas con lingua propia, a forza e a presenza da FPG foron en todos estes anos especialmente destacadas.

E ben: Xosé Luís Méndez Ferrín representa todo isto. En política representa a resistencia histórica dun partido e dunha opción ideolóxica minoritarios, mesmo no campo nacionalista. Representa como intelectual unha firmeza insubornábel ao pensamento crítico. E como escritor non só é unha referencia indispensábel da literatura galega contemporánea, senón que é o seu representante máis unanimemente recoñecido.

O acceso de Méndez Ferrín á presidencia da Real Academia Galega, despois das de Fernández del Riego e de Barreiro Fernández, supuxo toda unha reafirmación estratéxica nesta institución histórica nacional de primeirísima importancia e en momentos especialmente convulsos. Ferrín, máis ca ningún outro presidente anterior, visibilizou social e politicamente a RAG grazas ao seu prestixio intelectual e literario. Ninguén, absolutamente ninguén nega os seus méritos e os do seu equipo á hora de dignificar economicamente a institución, en Madrid e en Compostela, á hora de actualizar o perfil do Día das Letras Galegas e, moi especialmente, á hora de defender o idioma galego diante dos ataques do propio goberno da Xunta.

Así e todo, como se por primeira vez a RAG fose alguén no panorama cultural e político, tamén recibiu as críticas de certos sectores feministas (“O xogo das cadeiras”) e nacionalistas (servilismo co PP), absolutamente calados diante de institucións neste sentido realmente criticábeis e mesmo impresentábeis. No fondo, tratábase de deslexitimar un traballo ímprobo e de evidentes resultados capitaneado por quen representaba o que política, ideolóxica e intelectualmente representa Méndez Ferrín. Un traballo que en determinados momentos fixo volcar de xeito totalmente unánime a prol da RAG, ademais de a todo o arco político parlamentario, a toda a prensa galega nas súas demandas de financiamento.

Mais a situación mudou radicalmente a partir dun feito político de importantes dimensións: o resultado electoral das eleccións autonómicas de 2012. A exitosa irrupción de AGE rachou o mapa político dos últimos decenios en Galicia. Por un lado, o sector neopiñeirista vinculado a Compromiso por Galicia fracasou estrepitosamente. Por outro, o historicamente hexemónico BNG víase superado de xeito por unha alianza de perfil claramente nacionalista e de esquerdas. En realidade, por primeira vez na súa historia, a FPG convertíase nun centro de especial protagonismo electoral. O traballo da súa militancia alí onde ten implantación foi modélico dentro de Anova e dentro de AGE e moi efectivo na elaboración e difusión do manifesto para o mundo da cultura, que tanto impacto tivo nos días inmediatos ás eleccións. Pero, sobre todo, a FPG tivo un papel determinante á hora pórlle unha proa inequívoca á coalición: a unidade popular, o horizonte da transformación, a esquerda. E Xosé Luís Méndez Ferrín  participou publicamente na fundación de Anova e en dous actos da campaña de AGE (Cangas e Ourense), algo que non se lle perdoou en moitos sectores.

Este resultado electoral e esta participación de Ferrín, indisociados, non foron nada ben encaixados nin polo neopiñeirismo de CxG, con ampla representación na RAG, nin polo nacionalismo pequeno-burgués e esencialista que aínda rexe en boa parte do BNG. Mais a estratexia de impedir a reelección de Méndez Ferrín precipitouse cando, xusto o día que a RAG mantiña un pulso coa Xunta a causa do financiamento, a prensa de extrema dereita española inicia o ataque persoal contra o presidente da RAG (comunista e independentista) e de paso contra a institución valéndose de falsidades (nepotismo, luxoso coche oficial, soldos…). Precipitouse porque a ese ataque foron sumándose, por motivos distintos, o neopiñeirismo e parte do BNG. O neopiñeirismo porque vía así aberta a posibilidade de facer unha tomada da RAG, aínda que fose cruenta, e parte do BNG porque é esa parte que sempre odiou a Méndez Ferrín e todo o que representa política, intelectual e literariamente.

Non importaba o prestixio de Méndez Ferrín, o do combatente histórico do nacionalista de esquerdas e o do escritor nacional galego de Con pólvora e magnolias, nin tampouco importaba a institución. Dentro e fóra da Academia, aliados cos inimigos do idioma galego, como auténticos voitres que a historia retratará, as súas gadoupas intentaron a demolición. Pero, moi lonxe de toda esa baixeza, a reacción do presidente da RAG de dimitir e a abandonar a súa cadeira vitalicia puxo ó descuberto estas manobras, que son as dun grupo redivivo e nefasto, de ambición desmedida, cuxo obxectivo é o control en tódolos ámbitos, en tódalas instancias e en tódalas institucións onde haxa poder. É o grupo que, goberne quen goberne, quere representar oficialmente a cultura galega.

Queda o pulo, a abertura e a presenza social da RAG que nunca tivo. Pero tamén fican dous feitos especialmente simbólicos: a presentación das contas diante do plenario, feito realizado por primeira vez na historia da RAG, e a presentación do recurso de casación contra o decreto do PP e en lídima defensa da lingua, feito que blinda a Academia momentaneamente contra calquera intento de neutralización, veña de onde veña, e que, dada a súa xestión, podemos considerar heroico nestes tempos de imbéciles e escuros.

De todo este episodio a FPG queda polo tanto coa última lección do mestre, que é unha lección constante da súa vida e da súa obra: en garda contra o fascismo, en garda contra os aprendices de Ramón Piñeiro e García-Sabell, en garda contra o galeguismo esencialista e pequeno-burgués. E, en definitiva, en garda sempre e infatigábel contra os inimigos da lingua galega.

A FPG con Xosé Luís Méndez Ferrín e coa súa Xunta Directiva na RAG.

Adiante, camarada!

Etiquetas: , , ,