Inicio » Formación, Unidade Popular de Chile » Programa básico de goberno da Unidade Popular. Introdución.

Programa básico de goberno da Unidade Popular. Introdución.

Os partidos e movementos que integran o Comité Coordinador da Unidade Popular, sen prexuízo de manteren cada cal a súa propia filosofía e os seus propios perfís políticos, coinciden plenamente na caracterización da realidade nacional exposta a continuación e nas proposicións programáticas que serán a base da nosa acción común e que entregamos para a consideración do pobo.

1

Chile vive unha crise profunda que se manifesta no estancamento económico e social, na pobreza xeneralizada e nas marxinacións de todo tipo que sofren os obreiros, campesiños e demais capas explotadas, así como nas crecentes dificultades que enfrontan empregados, profesionais, empresarios pequenos e medianos e nas mínimas oportunidades de que dispoñen a muller e a mocidade.

Os problemas en Chile pódense resolver. O noso país conta con grandes riquezas como o cobre e outros minerais, un gran potencial hidroeléctrico, vastas extensións de bosques, un longo litoral rico en especies mariñas, unha superficie agrícola máis que suficiente, etc.; conta, ademais, coa vontade de traballo e progreso dos chilenos, xunto coa súa capacidade técnica e profesional. Que é entón o que fallou?

O que fracasou en Chile é un sistema que non corresponde ás necesidades do noso tempo. Chile é un país capitalista, dependente do imperialismo, dominado por sectores da burguesía estruturalmente ligados ao capital estranxeiro, que non poden resolver os problemas fundamentais do país, os que se derivan precisamente dos seus privilexios de clase aos que xamais renunciarán voluntariamente.

Máis aínda, como consecuencia mesma do desenvolvemento do capitalismo mundial, a entrega da burguesía monopolista nacional ao imperialismo aumenta progresivamente, acentúase cada vez máis na súa dependencia o seu papel de socio menor do capital estranxeiro.

Para uns poucos, vender a diario un anaco de Chile é un gran negocio. Decidir polos demais é o que fan todos os días.

Para a gran maioría, en cambio, vender a diario o seu esforzo, a súa intelixencia e o seu traballo é un pésimo negocio, e decidir sobre o seu propio destino é un dereito do cal, en gran medida, aínda están privados.

2

En Chile as receitas “reformistas” e “desenvolvementistas” que impulsou a Alianza para o Progreso e fixo súas o goberno de Frei non lograron alterar nada importante. No fundamental foi un novo goberno da burguesía ao servizo do capitalismo nacional e estranxeiro, cuxos débiles intentos de cambio social naufragaron sen pena nin gloria entre o estancamento económico, a carestía e a represión violenta contra o pobo. Con isto demostrouse, unha vez máis, que o reformismo é incapaz de resolver os problemas do pobo.

3

O desenvolvemento do capitalismo monopolista nega a ampliación da democracia e exacerba a violencia antipopular.

O aumento do nivel de loita do pobo, a medida que fracasa o reformismo, endurece a posición dos sectores máis reaccionarios das clases dominantes que, en último termo, non teñen outro recurso que a forza.

As formas brutais da violencia do Estado actual, tales como as accións do Grupo Móbil, as malleiras a campesiños e estudantes, as matanzas de poboadores e mineiros, son inseparábeis doutras non menos brutais que afectan a todos os chilenos.

Porque violencia é que xunto a quen posúen vivendas de luxo, unha parte importante da poboación habite en vivendas insalubres e outros non dispoñan sequera dun sitio; violencia é que mentres algúns tiran a comida, outros non teñan como alimentarse.

4

A explotación imperialista das economías atrasadas efectúase de moitas maneiras: a través dos investimentos na minaría (cobre, ferro, etc.), e na actividade industrial, bancaria e comercial mediante o control tecnolóxico que nos obriga a pagar altísimas sumas en equipos, licenzas e patentes, dos préstamos norteamericanos en condicións usurarias que nos impoñen gastar en Estados Unidos e coa obriga adicional de transportar en barcos norteamericanos os produtos comprados, etc.

Para mostra un só dato. Desde 1952 até hoxe, os norteamericanos investiron en América latina 7 mil 473 millóns de dólares e levaron 16 mil millóns de dólares.

De Chile o imperialismo arrincou cuantiosos recursos equivalentes ao dobre do capital instalado no noso país, formado ao longo de toda a súa historia.

Os monopolios norteamericanos, coa complicidade dos gobernos burgueses, lograron apoderarse de case todo o noso cobre, ferro e salitre.

Controlan o comercio exterior e ditan a política económica por intermedio do Fondo Monetario Internacional e outros organismos. Dominan importantes ramas industriais e de servizos; gozan de estatutos de privilexio, mentres impoñen a desvalorización monetaria, a redución de salarios e soldos e distorsionan a actividade agrícola pola vía dos excedentes agropecuarios.

Interveñen tamén na educación, a cultura e os medios de comunicación. Valéndose de convenios militares e políticos tratan de penetrar as FF. AA.

As clases dominantes, cómplices desta situación e incapaces de valérense por si mesmas, intensificaron no últimos dez anos o endebedamento de Chile co estranxeiro. Dixeron que os préstamos e compromisos cos banqueiros internacionais poderían producir un maior desenvolvemento económico. Mais o único que lograron é que hoxe en día Chile teña a marca de ser un dos países máis endebedados da terra en proporción aos seus habitantes.

5

En Chile gobérnase e lexíslase a favor duns poucos, dos grandes capitalistas e os seus secuaces, das compañías que dominan a nosa economía, dos latifundistas cuxo poder permanece case intacto.

Aos donos do capital interésalles gañar sempre máis diñeiro e non satisfacer as necesidades do pobo chileno. Se producir e importar automóbiles de alta gama, por exemplo, é un bo negocio desvíanse cara ese apartado valiosos recursos da nosa economía, sen ter en conta que só unha porcentaxe ínfima de chilenos están en condicións de adquirilos e que hai necesidades moito máis urxentes que atender; desde logo, neste mesmo apartado, a de mellorar a locomoción colectiva, dotar de maquinaria á agricultura, etc.

O grupo de empresarios que controla a economía, a prensa e outros medios de comunicación; o sistema público, e que ameaza ao Estado cando este insinúa intervir ou se nega a favorecelos, cústalles moi caro a todos os chilenos.

Para que eles se dignen seguir “traballando”, pois só eles poden darse o luxo de poder traballar ou non, é preciso:

– darlles toda clase de axuda. Os grandes empresarios estruchan o Estado baixo a ameaza que non haberá investimento privado se as axudas e garantías que piden non se lles outorgan;

– permitirlles producir o que eles queiran co diñeiro de todos os chilenos, en lugar de elaborar o que necesita a gran maioría do país;

– deixalos levar as ganancias que obteñen ás súas contas bancarias no estranxeiro;

– deixalos despedir obreiros se estes piden mellores salarios;

– permitirlles manipular a distribución de alimentos, acaparalos para provocar escaseza e desta maneira subir os prezos a fin de continuar enriquecéndose á conta do pobo.

Entre tanto, boa parte dos que efectivamente producen experimentan unha difícil situación:

– Medio millón de familias carecen de vivendas e outras tantas ou máis viven en pésimas condicións en canto a rede de sumidoiros, auga potábel, luz, salubridade.

– As necesidades da poboación en materia de educación e saúde son insuficientemente atendidas.

– Máis da metade dos traballadores chilenos reciben remuneracións insuficientes para cubriren as súas necesidades vitais mínimas. A desocupación e o traballo inestábel sófrese en cada familia. Para innumerábeis mozos a posibilidade de emprego preséntase moi difícil e incerta.

O capital imperialista e un grupo de privilexiados que non pasa do 10 % da poboación, acaparan a metade da renda nacional. Isto significa que de cada cen escudos que os chilenos producen, 50 van parar aos petos de 10 oligarcas e os outros 50 deben repartirse entre 90 chilenos, do pobo e da clase media.

6

A alza do custo da vida é un inferno nos fogares do pobo e, en especial, para a dona de casa. Nos últimos 10 anos, segundo datos oficiais, o custo da vida subiu case nun mil por cento.

Isto significa que todos os días róubaselles unha parte do seu salario aos chilenos que viven do seu traballo. Igual como ocorre cos xubilados e pensionistas, co traballador independente, co artesán, co pequeno produtor, cuxas exiguas rendas son recortadas a diario pola inflación.

Alessandri e Frei aseguraron que porían fin á inflación. Os resultados están á vista. Os feitos demostran que a inflación en Chile obedece a causas de fondo relacionadas coa estrutura capitalista da nosa sociedade e non coas alzas de remuneracións como pretenderon facer crer os sucesivos gobernos para xustificaren o mantemento do sistema e recortar os ingresos dos traballadores. O gran capitalista, pola contra, deféndese da inflación e aínda máis beneficiase con ela. As súas propiedades e capitais valorízanse, as súas contratas de construción co Fisco reaxústanse, e os prezos dos seus produtos soben levando sempre a dianteira ás alzas de remuneracións.

7

Un alto número de chilenos están mal alimentados. Segundo estatísticas oficiais, o 50 % dos menores de 15 anos de idade están desnutridos. A desnutrición afecta o seu crecemento e limita a súa capacidade de aprender, de se instruír.

Isto demostra que a economía en xeral e o sistema agrícola en particular, son incapaces de alimentar aos chilenos, a pesar de que Chile podería sustentar agora mesmo unha poboación de 30 millóns de persoas, o triplo da poboación actual.

Pola contra, debemos importar cada ano centenares de miles de dólares en alimentos de orixe agropecuaria.

O latifundio é o gran culpábel dos problemas alimentarios de todos os chilenos e responsábel da situación de atraso e miseria que caracteriza o campo chileno. Os índices de mortalidade infantil e adulta, de analfabetismo, de falta de vivendas, de insalubridade son, nas zonas rurais, marcadamente superiores ás das cidades. Estes problemas non os resolveu a insuficiente Reforma Agraria do goberno demócrata-cristián.

Só a loita do campesiñado co apoio de todo o pobo pode resolvelos. O actual desenvolvemento dos seus combates pola terra e a liquidación do latifundio abre novas perspectivas ao movemento popular chileno.

8

O crecemento da nosa economía é mínimo. Nos últimos lustros crecemos, en media, apenas a razón dun 2 % anual por persoa; e desde 1967 non crecemos, máis ben retrocedemos, segundo as cifras do propio Goberno (ODEPLAN). Isto quere dicir que en 1966 cada chileno tiña unha maior cantidade de bens da que ten hoxe. Iso explica que a maioría non estea conforme e busque unha alternativa para o noso país.

9

A única alternativa verdadeiramente popular e, xa que logo, a tarefa fundamental que o Goberno do Pobo ten ante si, é rematar co dominio dos imperialistas, dos monopolios, da oligarquía terratenente e iniciar a construción do socialismo en Chile.

Aprobado polos Partidos Comunista, Socialista, Radical e Social Demócrata, o Movemento de Acción Popular Unitaria (MAPU), e a Acción Popular Independente (API), o 17 de decembro de 1969 en Santiago de Chile.

Preme aquí e descarga o documento na íntegra