Inicio » Nacional, Movemento xuvenil, Movementos sociais » 24 de outubro: Folga Xeral do ensino!

24 de outubro: Folga Xeral do ensino!

O 24 de outubro está convocada unha Folga Xeral do ensino contra a LOMCE na que participan todos os sectores educativos, desde o profesorado ao alumnado, así como pais e nais. O obxectivo común é a defensa da Educación coma un dereito básico de tod@s @s galeg@s, e polo tanto público, galego e de calidade.

A educación no sistema capitalista contén unha contradición latente: por unha banda, precisa preparar a clase traballadora para que faga o seu labor na perpetuación do sistema e pola outra, é consciente dos efectos negativos que pode implicar a formación desta clase para, precisamente, a continuidade da lóxica capitalista.

O ministro de Educación, Wert, déixanos palpar o medo dos poderosos a un posible ou mesmo inevitable cambio da Historia cando nos impón a súa reforma, a LOMCE e, seguindo coa segunda fase do Plan Boloña, a EU2015. Estas normativas fomentan a desigualdade ao clasificar as subvencións por rendemento académico do centro, ao someter a un seguimento continuo ao profesorado, ao favorecer o ensino privado, mesmo nos casos en que se disgrega por sexo, ou ao introducir axentes privados tanto nos centros de ensino medio como nas Universidades.

Entán creando, e pretenden facelo aínda con maior efectividade, profesionais ao servizo do capitalismo, converténdonos nunha mercadoría máis do Capital. É algo que percebemos cada día cando vemos que non é toda a clase obreira quen está a loitar por manter os servizos públicos, por non falar xa da loita por conseguir unha sociedade máis xusta. A clase traballadora é cada día comprada, alienada e atemorizada, por iso non sempre somos conscientes do maltrato ao que nos somete a oligarquía dominante.

Porén, este sistema xera profesionais que non se identifican coas necesidades reais da sociedade. Accedendo á educación superior, o estudantado aumenta o valor da súa forza de traballo, pero a sobreprodución de profesionais xera un aumento da taxa de paro ao tempo que desvaloriza cada vez máis a forza de traballo, deixándoa nas gadoupas do empresario.

Para crear unha nova cultura non precisamos descubrimentos individuais, senón difundir verdades xa descubertas e socializalas, converténdoas na base de accións vitais. Que a poboación sexa conducida a considerar o presente real é un feito máis importante que un xenio descubra unha nova verdade conservándoa como patrimonio de pequenos grupos intelectuais, así nolo explicaba Gramsci.

Precisamos un ensino diferente, nin nos serve a LOMCE nin ningunha outra reforma que se dera a partir da transición, queremos unha educación pública e universal, laica, de calidade, científica, galega e en galego e non patriarcal.

Non se nos presenta unha loita sectorial, neste campo reside o futuro de tod@s nós!

O día 24 de outubro, o pobo decide e di: NON Á LOMCE!

Únete!