Inicio » Nacional, Feminismo » Patriarcado: o substrato do odio

Patriarcado: o substrato do odio

De novo 25 de novembro e a conciencia de que as datas conmemorativas gardan un pouso de hipocrisía por parte do sistema que as institucionaliza. Porén, non sendo o único día, tamén o 25 de novembro é ocasión para reclamar a memoria das irmás Mirabal e, con elas, esixir a erradicación da violencia contra as mulleres polo feito de selo, polo feito de querermos existir como mulleres e non como escravas.

Nos números non hai lugar para a retórica de quen pretenden negar a realidade vexatoria que continuamos a vivir: segundo datos do Ministerio de Igualdade, en Galiza prodúcense máis de 5.000 denuncias anuais e 33 mulleres foron asasinadas nos últimos dez anos. Mentres, no Estado español, malia as medidas de seguimento e as ordes de protección, persiste o macabro dato de 699 mulleres asasinadas na última década. Estas son as cifras da violencia absoluta, pero sabemos que non é a única. A ideoloxía machista, emerxida do sistema patriarcal, acompañada dos valores nacional-católicos imperantes, exercen un continuo ataque contra a nosa integridade e a nosa consideración como persoas libres: velaí a ameazante reforma da lei do aborto demostrando que pretende converternos en elementos dependentes, ao servizo dunha vontade allea, negándonos o dereito inalienábel de sermos nós mesmas as donas das nosas vidas.

Tampouco deixamos de observar e de padecer como, ao mesmo tempo, o capital, o sistema económico deshumanizador, continúa a mercantilizar os nosos corpos en Occidente, transformándonos en obxecto, mentres o seu labor de saqueo e, digámolo claro, de exterminio, nas latitudes máis intereseiramente ocultas do planeta, continúa cabalgando.

Por todo isto, reivindicamos o empoderamento do conxunto da sociedade civil contra as criminais ofensivas do patriarcado e do capital. E defendemos que ese empoderamento só pode ser iniciado e conducido polas mulleres da clase traballadora, as verdadeiras protagonistas dun outro mundo posible. Sen mulleres, non hai revolución; sen revolución, non hai mulleres libres.

Viva sempre a loita feminista!!

– Compostela: 20.30h Praza do Toural – CONCENTRACIÓN

– Ferrol: 20.00h Praza do Concello – CONCENTRACIÓN

– Ourense: 20.30h Praza de Santa Eufemia – CONCENTRACIÓN

– Vigo: 20.00h Farola de Urzáiz – MANIFESTACIÓN