Inicio » Feminismo » ¨A Fronte Ampla con anteollos violeta¨, Xiana López Penedo

¨A Fronte Ampla con anteollos violeta¨, Xiana López Penedo

Polo interese do mesmo, reproducimos a continuación o texto da camarada Xiana López Penedo lido na palestra titulada “A Fronte Ampla con anteollos violeta”, organizado por ANOVA o pasado día 1 de decembro en Vigo.

Foto0065

Decidín comezar esta intervención facendo un pouco de memoria, e retomar, dende un punto de vista historicista, a evolución dos procesos de fronte ampla, analizándoo dende unha perspectiva de xénero,  a recuperar a algunhas mulleres que forman parte da nosa loita e que xa foron, no seu tempo, quen de ver a necesidade de conformar unidades de acción amplas protagonizadas, evidentemente, por mulleres, ante os ataques do fascismo.

Falar de fronte ampla lévanos a falar de Dimitrov, secretario xeral da internacional comunista, quen propuxo, alá nos anos trinta do século pasado, a necesidade de crear frontes únicos ante a auxe fascismos na Europa de entreguerras.

Teño agradecerlle ás compañeiras que propuxeron esta temática, xa que me obrigaron a facer un pequeno traballo de submersión acuática empregando, iso si, uns anteollos violetas. E así fun dar coa historia de Bernardette Cottaneo, dirixente comunista belga que traballou na creación dunha asociación de carácter internacional agrupadora das mulleres, dun xeito unitario, contra o fascismo e os plans de guerra de Alemaña e Italia, coñecida co nome de Mulleres contra a Guerra e o Fascismo. Este modelo, tivo tamén a súa expresión en diversos estados, creándose, tamén, no estado español, a Unión de Mulleres Antifascistas-UMA. Esta estrutura frontista, baseou a súa organización na creación de comités de carácter provincial,aglutinadores de mulleres que viñan de diferentes culturas políticas da esquerda, e aquí temos que destacar, polo lugar no que nos atopamos hoxe, o de Vigo, e facendo un chamado a recuperar para a nosa historia feminista, a relevancia que ten, para nós, como feministas, o traballo feito pola camarada Urania Mella, quen fora presidenta da sección Viguesa da UMA.

E no resto das expresións que a fronte ampla foi collendo polo mundo daquel contexto, tamén me gustaría recordar o importante papel xogado polas mulleres do Fronte Popular de Francia, cuxo goberno foi o primeiro en contar nas súas fileiras con mulleres, cando aínda nin sequera tiñamos, por aquela altura, o dereito ao voto.

Salvador Allende, e Chile, e o seu goberno de Unidade Popular, tamén camiñou á par do Movemento pro Emancipación das Mulleres de Chile, o MENCH.

E non podo evitar tampouco, falando de fronte ampla, destacar o papel xogado pola nosa compañeira, Carmiña Graña, de aló do outro lado da ría, da defensa da Posición Soto e da necesidade de aglutinar a toda a esquerda para chimpar daquela a Fraga Iribarne e o seu goberno de fascistas da Xunta de Galiza.

E este breve apunte histórico, compañeiras, para por en valor, e cuestionarme tamén, como pode ser posible que, a pesar do importante papel que sempre xogamos as mulleres nos procesos de emancipación social, esteamos ausentes da historiofrafía oficial da esquerda, e lembrarme, e a quen queira tamén, que a tradición feminista no seo dunha fronte ampla ou dunha oposición aberta ao denominémoslle fascismo ou o capitalismo xa ven de vello.

 

E agora, ante o auxe do fascismo dos mercados, da troika, da Igrexa, efectivizado mediante as políticas austericidas no caso do Estado español e de Galicia polo Partido Popular, propoñemos a necesidade de articularnos, de crear un movemento amplo capaz de organizar a maioría social agredida. E volvo a poñer esas lentes violetas coas que moitas mulleres, e por sorte algún home, gostamos de analizar a realidade. E se cando falamos que as mulleres somos a metade da poboación, somos conscientes moitas das hoxe aquí presentes, que cando falamos da maioría agredida, aí si, non como na historia, as mulleres somos as grandes protagonistas. Porque é evidente que a pobreza e a exclusión ten nome do muller, e non me vou por agora a facer unha diagnose da situación porque somos diso ben sabedoras, por que somos nos, as mulleres, quen estamos a padecer as consecuencias máis cruentas desta crise, e quen estamos sostendo, mais unha vez, nas nosas costas, as consecuencias da desaparición de facto dos escasos dereitos e conquistas que tiñamos arrancado despois de moitas batallas.

 

E falamos da necesidade de crear un suxeito político, de dotármonos de ferramentas (a nosa idea é construír nós a ferramenta, sexa a fronte ampla, sexa AGE, sexa Anova), que contribúan á emancipación deste novo suxeito político, conformado polas persoas afectadas polas moitas agresións, pola exclusión, pola desaparición dos servizos públicos, polos copagos e repagos, pola fame, e que no camiño da loita pola súa dignidade, compartan unha mesma causa, a da loita pola liberdade do xénero humano na súa totalidade.

Entón, se queremos ter unha ferramenta útil, precisamos, penso eu, primeiro que sexa de utilidade para as nosas reivindicacións emancipadoras, e logo, que sexamos nós tamén parte dese suxeito que a vai empregar, non? Nós somos suxeito agredido, estamos sendo expropiadas até da nosa máxima esencia, que é o noso propio corpo, estamos sendo as principais vítimas destas farsa denominada crise, ¿como non imos ser suxeito protagonista da nosa propia liberación?. E de feito, xa o estamos a facer, cada vez máis, paseniño, imos sumando, conformando plataformas unitarias, como a de mulleres galegas en loita polos nosos dereito, ou a plataforma galega polo dereito ao aborto, conformada por máis de 60 colectivos, que se di rápido, para min isto si que é  un bo exemplo de fronte ampla.  Somos parte dun dos movemento sociais que máis mudanzas ten conseguido, que máis avances, e que máis innovación na loita ten acadado. Porque non podemos falar de fronte ampla e centrarnos só, unicamente, e máis cando queremos ser unha organización política de novo cuño, na parte institucional, porque esta, sen a alternativa, que onde se está a construír é nos movementos sociais, non vale para nada. Cando falamos de construír un suxeito político, este ten pasar, si ou si, por incorporar a nosa identidade como mulleres, e non imos permitir que estea cuestionada, e moito menos tutelada. E resúltame case, até esperpéntico, non asumir que o dereito a decidir dos pobos como suxeitos colectivos, só se poderá construír dende o dereito a decidir das persoas, de cada unha delas; o que, necesariamente ten que incluír o dereito a decidir das mulleres, sobre as nosas vidas e sobre os nosos corpos. Entón falamos, pois, de crear un suxeito político feminista, porque se non, non será. E falamos tamén de incorporar a loita feminista a esa denominada fronte ampla, porque se non, non será. E falamos da soberanía das mulleres, porque sen a nosa plena soberanía, non haberá, tampouco, soberanía dos pobos. Algúns falaran da construír fraternidade, e nós, de sororidade, da necesidade de crearmos espazos dentro das nosas organizacións para, en base ao apoio mutuo, empoderarnos para ser as protagonistas da noso propio proceso de liberación, que non é outro que o da dignidade social para toda a humanidade, e que evidentemente ten que pasar por acadar espazos de liberdade en todos os espazos nos que estamos presentes. Falemos de creba democrática, claro, loitemos por iniciar un novo proceso constituínte, mais para que? Para superar o sistema de opresión social que padecemos as agredidas polo sistema, mantendo como eixo principal das nosas actuacións a xustiza social, e esta, se non é xustiza de xénero, non será tal.

E en que podemos contribuír as feministas de anova? Pois penso eu, en primeiro lugar, participando do procesos de autoorganización que se están a dar no seo do movemento feminista en Galiza. Facer feminismo hoxe en día, é contribuír o fortalecemento deste novo suxeito político que está emerxendo, dende as bases, camiñando todas xuntas.

Mais tamén temos nós, en base á organización que estamos tratando de construír,  facer de ponte, achegar, o que denominamos, esquerda social e esquerda institucional. Temos que abrir as portas á loita feminista, por un lado, para que esta nos impregne dentro da nosa organización, incorporándoas aos nosos programas políticos, facéndoas nosas. E tamén, contribuír a quebrar os espazos de opresión das obsoletas e inservibles institucións, para que polo menos, sirvan de voceiro para as demandas e as loitas feministas.