Inicio » Opinión » Por que temos que ser independentistas?

Por que temos que ser independentistas?

Esta é unha cuestión que queremos abordar con seriedade e rigor. Temos que ter claro que non podemos ser independentistas por unha mera cuestión sentimental, subxectiva ou romántica. Desde a CUT, como central sindical marxista e de clase que emprega o materialismo dialéctico e o materialismo histórico para realizar análises científicas e non subxectivas da realidade, temos que explicar en base a nosa realidade social as causas dunha aposta completamente independentista para o proletariado galego que somos e para a nosa nación.

Para comezar, temos que aclarar que o independentismo non é unha ideoloxía en sí (xa que se podería ser socialdemócrata e independentista, conservador e independentista, fascista e independentista…), senón unha opción estratéxica ideoloxicamente transversal e politicamente autodeterminista, como poderían ser o autonomismo, a federación, o cantonalismo, ou a confederación.

Temos que partir da evidencia obxectiva de que Galiza é unha nación colonizada, unha colonia do Estado Imperialista Español. Un estado inventado e artificial que non representa a ningunha realidade nacional concreta e cuxo proxecto “nacional” fracasou estrepitosamente ao longo dos séculos dexenerando por impotencia en guerras, xenocidios e ditaduras. Galiza é, porén, unha colonia na que unha elite xestiona o territorio conquistado cunha finalidade fundamentalmente económica.

Malia que a dominación estranxeira de Galiza ven de atrás, xa desde os séculos XVI e XVII houbo unha crecente patrimonialización foránea do aparello administrativo e institucional galego por parte do poder exterior do Estado Imperialista Español coa chegada a lugares estratéxicos da nosa nación dalgunhas elites da administración españolista, tecnócratas e oficiais do Exército.

Algúns fillos de Galiza puideron acceder tamén a postos de poder e a postos técnicos pasando primeiro polo propio autodesprezo da súa condición de galegos xa que o poder centralista evitou desde sempre o recoñecemento das culturas periféricas, clasificándoas coma subdesenvolvidas e inservíbeis para o proxecto imperialista uniformizador.

Mais adiante nos séculos XIX e XX, atraídos pola inmellorábel posición xeográfica estratéxica de Galiza, producíuse a chegada de burgueses fundamentalmente cataláns (industria conserveira) e vascos (construción naval) que capitanearon a tardía prerrevolución industrial capitalista en Galiza.

Pero hoxe en día, as características polas que evidenciamos que Galiza foi, e segue a ser, unha colonia de España e dos organismos supraestatais dos que ésta fai parte (Unión Europea, OTAN, Banco Mundial, FMI) son moitas e variadas, pero as principais son:

 

1- A meirande parte das grandes empresas presentes en Galiza teñen as súas centrais de decisión lonxe da nosa terra, pero os monopolios estatais españois operan en Galiza extraendo plusvalías á clase traballadora galega e aforro bancario, reinvestindoo fóra da nosa terra. Porén, non existe unha burguesía nacional galega (como en Euskal Herria ou nos Països Cataláns) que poida ter intereses concretos en alianzas coas clases populares de Galiza para contrarrestar estes monopolios foráneos. Existe, iso sí, unha fracción galega (sucursalista) da burguesía española e mundial. Unha burguesía intermediaria colonial que se lucra através de prebendas adminstrativas e de intereses comerciais coa metrópole (Estado Imperialista Español, Unión Europea). Polo tanto Galiza é unha colonia porque na nosa sociedade non existe unha clase burguesa propia, senón unha burguesía autóctona que é subalterna da burguesía oligarca española.

 

2- Galiza ten desempregado o papel de fornecedor de materias primas e de alimento a prol do afortalemento do Estado Imperialista Español. Un papel subsidiario na distribución internacional do traballo polo que, en consecuencia, sufre un subdesenvolvemento forzado da economía. A economía galega non está industrializada, senon terciarizada, e isto é facilmente demostrabél en base á estrutura ocupacional e ao peso minoritario que segue a ter o proletariado industrial entre as clases traballadoras. A isto cómpre sumar a ruína dos sectores produtivos, a reconversión e veto aos estaleiros que significou a entrada do Estado Imperialista Español no Mercado Común Europeo (agora UE) e os coñecidos casos de multinacionais coma Citröen, na procura constante de salarios baixos e de condicións de regalías fiscais que sempre rematan por obter. Polo tanto Galiza é unha colonia porque é unha terra da que basicamante se extraen materias primas e ademais está deficientemente industrializada.

 

3- Valéndose do ensino obrigatorio, da Igrexa católica, da integración de moitos mozos e mozas sen saídas laborais nos aparellos represivos, do negocio do deporte-espectáculo (Real Madrid, Barça, Alonso, La Roja) e dos medios de comunicación e propaganda (TV, radio, xornais), existe unha constante presión cultural e identitaria e unha imposición dunha identidade allea mediante a alienación e a desculturalización forzada do noso pobo. Ésta imposición dunha soa lingua “común”, a españolización da Igrexa e do ensino,  e a creación dun só mercado como alicerce fundamental do artificioso Estado-Nación español, xa desde o cumio histórico do desenvolvemento capitalista, é outro rasgo do carácter colonial de Galiza.

 

4- A apropiación de recursos naturais clave (enerxía hidroeléctrica, eólica e térmica, extraccións minerais) cun valor na exportación que engrosa as arcas estatais españolas sen apenas repercutir positivamente na economía galega e o feito de estar atada a unhas dinámicas políticas alleas nas que priman os intereses das oligarquías foráneas, fan que Galiza sufra coma nación grandes limitacións para o seu propio desenvolvemento.

 

5- Existen numerosas industrias de enclave, que son aquelas que existen na xeografía pero non na economía e, para alén, o défice das exportacións perante as importacións é abismal porque os galegos e as galegas continuamos a ser comercializadores de produtos que se fabrican noutros lugares con materias primas procendentes de terceiros. Polo tanto, a exportación de materia prima con escasa ou nula transformación e a instalación de industrias de enclave cuxo proceso produtivo non se remata en Galiza, e que ademais son contaminantes e producen poucos empregos, coma por exemplo ENCE en Pontevedra, son outro dos rasgos que fan de Galiza unha nación plenamente colonizada.

 

6- A exportación de man de obra barata e a emigración, tanto cualificada coma non-cualificada, segue a ser tamén outro mal endémico que subliña mais aínda o carácter colonial de Galiza. A contradición cidade-rural, tan incómoda para o revisionismo trotskista e socialdemócrata, aínda ten bastante importancia na sociedade galega, polo que a terríbel saída da emigración están a sufríla tanto mozas e mozos das comarcas do interior (cada vez mais despoboadas) coma da costa (cada vez mais envellecidas).

 

7- Boa parte do aparello represivo do Estado Imperialista Español implantado en Galiza está formado por non-galegos, sobretodo no caso dos oficiais. Sendo ademais sipaios, na terminoxía anticolonialista hindú, os galegos e as galegas que fan parte do mesmo. Paralelamente os galegos e galegas que se integran no aparello represivo español (policía, exército, garda civil) son decote enviadas a outras partes do Estado cunha finalidade de estranamento colonial.

 

8- Paralelamente á división en catro cadrículas perfectas (chamadas provincias) que servíu para aplicar ao noso territorio nacional o modelo administrativo foráneo castelán, a arbitrariedade territorial do poder estatal consagrou no século XIX, a golpe de escadra e cartabón, a separación administrativa das comarcas galegas Navia-Eo, As Íbias, O Berzo, A Cabreira e A Seabra aproveitando unha segregación anterior, de herdanza feudal e de base meramente relixiosa.

 

Como se pode ver, unha colonia está definida pola apropiación allea e foránea dos excedentes nacionais e das plusvalías da súa clase traballadora, e Galiza ocupa e  ocupou sempre un papel económico de caracetrísticas subsidiarias, sendo a nosa economía intencionadamente desartallada para atender ás necesidades das clases dominantes foráneas, clases éstas nas que se foron integrando as capas mais favorecidas da sociedade galega. Polo que, ao equiparamos a dependencia colonial coa opresión nacional e de clase, podemos afirmar categoricamente que Galiza é unha colonia do Estado Imperialista Español.

Pois ben. Se temos claro que Galiza é unha colonia sen soberanía e sen dereito a decidir por sí mesma, se temos claro que en calquera sociedade existen un grande número de múltiplas e diferentes contradicións e que todas fan parte do mesmo organismo social pero que unhas son antagónicas e outras non, se temos claro que a loita de clases (contradición burguesía vs proletariado) determina e delimita todas as demais contradicións nun grao cualitativamente superior ás demais contradicións presentes na sociedade, e se temos claro que nunha nación sen soberanía a loita de clases adopta a forma de loita de liberación nacional, o proletariado galego temos que ser radical e firmemente independentistas.

É evidente, desde posicións marxistas e avanzadas como as que adoptamos desde a CUT, que en condicións de independencia total de Galiza existirían maiores posibilidades de defender unha orientación económica soberana e favorábel ás capas traballadoras galegas. De nada nos serviría, por outro lado, unha República Galega independente gobernada e xerida polos mesmos explotadores oligarcas burgueses que o fan actualmente no deficiente rexime autonómico submiso ao Estado Imperialista Español e á Unión Europea.

En conclusión. Na sociedade obxectivamente existente, o enfrontamento é entre, por un lado, o pobo traballador galego coas súas propias organizacións e, polo outro, a oligarquía imperialista española co seu Estado, polo que a nosa aposta, a loita do proletariado galego, debe ser polo tanto a de avanzar cara unha República Galega socialista das traballadoras e dos traballadores. Unha República igualitaria, solidaria, internacionalista e sen clases. A nosa República.

 

Moncho Lareu. Marzo 2012.

[Publicado no nº 11 –segunda xeira- de O Xornal de información obreira da CUT].