Inicio » Liberación nacional » 6D – Nada que celebrar, moito polo que loitar!

6D – Nada que celebrar, moito polo que loitar!

8qrGzNFeAr4x51-nCYjI2FdvFSbZW6TVsXt2lRffphs

Múltiples son os argumentos que demostran ás claras que a cidadanía galega foi e é prexudicada pola Constitución española (C.E) de 1978. Nestes 35 anos foron moitos os suxeitos políticos e sociais que desde a esquerda independentista, soberanista e nacionalista vimos denunciando a trampa que agochaba ese texto alcumado de “consenso”, e que co transcorrer dos anos veunos dar a razón a través da crúa realidade da Galiza actual.

Exemplos temos de sobra. O articulado centralista e negador da realidade e consciencia nacional galega é numeroso. Aquel que nega o dereito democrático da autodeterminación, cos artigos 2, 3 e 8 de reminiscencia franquista e golpista ao fronte, e que pola contra sacraliza a unidade do imperio a través da ameaza do exército, e oficializa que o noso idioma é de segunda categoría e non merece ter o mesmo rango que o español imperial. A hipocresia manifesta cando fala de que todos os “cidadáns” temos dereito a unha vivenda digna promovida polos poderes públicos (art.47), ou no artigo 35 cando di que “os españois” teñen dereito ao traballo e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia.

Nestes 35 anos queda máis ca demostrado que ao Pobo Galego non lle beneficia, e nunca se beneficiou da Constitución de 1978 nin da súa pertenza a España. A realidade é ben teimuda. Desafiuzamentos, problemas de vivenda promovidos desde o Estado español, paro e destrución de emprego desde os poderes públicos, privatización constante dos servizos básicos,  perda de falantes de galego planificada e mesmo de mecanismos legais que posibiliten o exercicio pleno dos nosos dereitos como galegofalantes; O ensino como unha ferramenta máis para españolizar ás novas xeracións de galeg@s; A sanidade pública en perigo e ameaza continúa, ao igual que calquera estrutura que aínda perdure daquel Estado de benestar que nos prometeron.

Se isto fora pouco, véñennos coa chamada Lei de seguridade cidadá. O Poder español e capitalista ten medo. Sabe que a C.E de 1978 xa non é ningún muro de contención de nada, sabe da incongruencia entre o que di e a crúa realidade. Os diferentes gobernos do poder económico e político téñeno claro, a palabra consenso e o café para todos rematou, xa non cumpre a súa función. Os Pobos reclaman o que lles pertence, e nesta estratexia do Estado español, doutra volta a súa Constitución é novamente violada para beneficio só dos seus intereses. Foino para pregarse á Troika, e foino antes para entrar no mercado común.

Non dubidarán en lexislar para reprimir á cidadanía e aos Pobos que ousen reclamar o que lles pertence. A súa soberanía, o dereito a decidir sobre as súas vidas.

As clases traballadoras galegas, o Pobo galego, e as súa plataformas  temos que traballar coa base na unidade de acción, na unidade popular para superar este marco legal, nacido da C.E de 1978 e da segunda restauración borbónica. Só a través da ruptura democrática con base no principio de autodeterminación dos pobos e na transformación social da realidade actual, poderemos construír unha sociedade máis xusta, que para a FPG ten o nome de República Galega, e que será proclamada, coa memoria posta naquela Xunta Revolucionaria liderada por Alonso Ríos no 1931, como a 1ª República Galega, independente e coa base no poder popular galego.

A responsabilidade das comunistas galegas, das xentes de esquerda e d@s galeg@s demócratas en xeral é a de traballar pola superación deste marco xurídico-político que naceu xa caduco, para encetar un proceso constituinte novo baseado no dereito de autodeterminación e na ruptura democrática, que dea lugar a tan necesaria República Galega.