Inicio » Solidariedade, Venezuela » Acto homenaxe a Hugo Chávez en Vigo

Acto homenaxe a Hugo Chávez en Vigo

cartaz_2[1]

 

Dentro da campaña mundial “Por aquí pasou e no pobo ficou”, as organizacións e colectivos asinantes deste manifesto queremos facer público o noso recoñecemento e respeito a quen foi Presidente da República Bolivariana de Venezuela, e Comandante da “Revolución Bolivariana”, o compañeiro Hugo Rafael Chávez Frías cando se cumpre o Primeiro Cabodano do seu finamento.

Con Chávez prodúcese un cambio de cento oitenta graos, tanto na República de Venezuela coma no ámbito Caribeño e de América Latina: A Nosa América deixa de ser o “patio traseiro” do Gran Irmán do Norte e vai consolidando así a súa autodeterminación e independencia nacional.

Sen Chávez é inconcebíbel o nacemento de institucións supranacionas de integración Latino Americanas tales como a UNASUR, a ALBA, a CELAC … Cómpre salientar a este respeito o grande éxito do último Encontro da CELAC realizado en La Habana no que se declarou a América Latina e ao Caribe como territorio de paz, libre de armas nucleares e onde as diferenzas entre os pobos se resolven mediante o diálogo e as leis internacionais. Asemade, declárase como política de prioridade o combate contra os desequilibrios sociais e o firme propósito de finalizar coa pobreza.

Mentres, na nosa Galiza, o servilismo ás políticas da Troika levan a milleiros de traballadores e traballadoras ao paro e á precariedade, e máis unha vez a nosa mocidade ha marchar á emigración. Amais, estanse a destruír sectores principais da nosa estrutura económica coma o pesqueiro, os estaleiros e a nosa agro-gandaría. Estas políticas “neoliberais” sitúan na Europa, desenrolada e do “ben estar”, a 125 millóns de europeos á beira da pobreza (datos publicados pola Axencia Europea de Estatísticas, Eurostat).

Hogano, na Venezuela Chavista estanse a construír centos de milleiros de vivendas para adxudicar aos máis desfavorecidos e desfavorecidas. En colaboración cos médicos cubanos lévase a sanidade aos lugares máis recónditos dos barrios e ás aldeas, remátase co analfabetismo, aumenta o número de pensionados e pensionadas en máis dun 400%. A Venezuela chavista ten o salario base máis alto de Latino América, contrúe dúcias de universidades e aumenta así, en milleiros, o número de universitarios e universitarias. Así poderíamos seguir até encher moitas follas (todos datos tirados dos organismos internacionais coma CEPAL, FAO, UNESCO e PNUD, entre outros). Alén disto, na Venezuela Bolivariana salienta o proceso constituínte da V Républica no que participa o pobo dende a base, onde a democracia faise participativa e encomiánse as organizacións populares, máis de dous mil consellos comunais, os que inciden moi directamente nas políticas do país. É por todo isto que podemos dicer con forza e firmeza: CHÁVEZ VIVE!, A LOITA SEGUE!.