Inicio » Sobre movementos populares » O 22M e a Unidade Popular

O 22M e a Unidade Popular


Polo seu interese, reproducimos a continuación o editorial do 3 de abril da revista dixital Somos Ninguén (http://www.somosninguen.org/)

establishment político e mediático estatal pechou hermeticamente filas arredor da Cultura da Transición co gallo da morte de Adolfo Suárez. E aínda que o colosal despregamento de cinismo obviou certas posicións de política exterior –no que respecta á OTAN ou a Palestina- do que foi o primeiro presidente da II Restauración Borbónica, a Unidade do Partido da Orde español revelouse total. Apenas a belixerancia da fracción catalá da burguesía, á procura desesperada do seu propio lugar ao sol no reparto da torta que se albisca no horizonte, desafina –de momento- no coro dos que mandan.

 O contexto é propicio para tal exhibición impúdica de unidade. A Grosse Koalition entre CDU e SPD na Alemaña, país rector no taboleiro europeo, posibelmente marca un camiño a seguir en calquera lugar onde ese Partido da Orde vexa cuestionada a súa dominación. O recente nomeamento do dereitista e xenófobo Manuel Valls como primeiro ministro en Francia por un François Hollande -quen tras vender o fume de que na actual eurozona aínda se podía facer política socialdemócrata, comprobou, nas súas propias carnes, as estreitísimas marxes de manobra existentes na UE para as alternativas políticas-, é un paso máis dentro do outrora segundo Estado-piar da UE para percorrer a senda da Unidade do Partido da Orde. Os síntomas esténdese ao PSOE de Alfredo Rubalcaba, Felipe González e Juan Luis Cebrián, e mesmo atinxen á súa sucursal galega, en que Gómez Besteiro reconduce a nau cara ao colaboracionismo.

A xeito de conclusión provisional, e diante da alta polarización política esperable nunha eurozona que condena á miseria a capas inmensas de poboación -especialmente nos países e nos Estados do sur- e dun máis que probábel estancamento económico -e polo tanto, de altísimas taxas de desemprego-, o Partido da Orde parece posuír unha folla de ruta ben clara: Unidade.

No Partido da Revolución que o vello Karl opuña ás clases dominantes, as esquerdas continúan enleadas no regate curto, no pensamento débil, no electoralismo sistémico, na autorreprodución burocrática, no institucionalismo inerme. Nesta paisaxe, o éxito mobilizador das Marchas da Dignidade é unha inxección de optimismo en vea. O pasado 22 de marzo converteuse xa en data de referencia no proceso en que, mal como puido, o ciclo iniciado o 15M e continuado polas mareas cidadás ou pola loita contra os desafiuzamentos e mais as esquerdas partidarias e sindicais van converxendo. Con lemas claros e contundentes, de nesgo anticapitalista, as protestas do 22M acolleron a centos de miles de persoas, esas clases subalternas alzadas, que, segundo os adherentes á hexemonía de toda pelaxe, non existían.

O despiste dalgunhas organizacións políticas e sindicais que se mantiveron á marxe desta convocatoria resulta total. Mais o suceso das Marchas da Dignidade xa deu os seus primeiros froitos. Por exemplo, as dúas grandes centrais de traballadoras e traballadores -que, para espanto da cidadanía de esquerdas aceptaban reunirse con Rajoy, Báñez e Rosell pouco antes da gran manifestación de Madrid- víronse forzadas a convocar a súa propia mobilización o 6 de abril. En evidencia quedou que os sindicatos do réxime xa non gozan de hexemonía ningunha dentro da esquerda social. Un novo bloque pugna por emerxer.

Este proceso de acumulación e converxencia que se está a dar na rúa debería ter o seu correlato na esquerda partidaria e sindical. O carácter subalterno do Estado español -no seu conxunto e coas súas propias contradicións territoriais internas- a respecto da estrutura antidemocrática que é a UE debería levar ás distintas esquerdas do Estado a atender a demanda das xentes do común. As subalternas precisan con urxencia dunha gran fronte popular disposta á mobilización política baixo a bandeira dun programa de mínimos –no social e no nacional- asumíbel polas distintas esquerdas e que obrigue ao Partido da Orde a retroceder nos campos de batalla nacionais, estatais e continental.

En tempos excepcionais, solucións excepcionais. Enrocarse nos propios eidos pechados, neste momento, é unha postura obxectivamente conservadora. Tal actitude só contribuirá á que o Partido da Orde nos inflixa unha derrota histórica, cause aínda máis dor e faga das nosas vidas un inferno aínda máis virulento. Lamentarémolo nas vindeiras décadas.

Madrid 22M

 

http://www.somosninguen.org/o-22m-e-a-unidade-popular