Inicio » Internacional, Internacional, Sobre o imperialismo, Solidariedade » Nicaragua. A Frente Popular Galega contra a Contra.

Nicaragua. A Frente Popular Galega contra a Contra.

 

Un réxime somocista patriarcal, corrupto até os miolos e ben mantido polos EEUU en Nicaragua, foi derrubado en 1979 pola acción armada, política e adecuada á ética universal do Frente Sandinista de Liberación Nacional que a Cuba revolucionaria apoiaba.
O sandinismo ocupou o poder coas bandeiras vermellas e pretas ondeando sobre a Patria. Acto seguido, as forzas coordinadas do departamento de Estado norteamericano, das oligarquías locais e da reacción internacional, fixeron piña e presentaron ás eleccións do 15 de febreiro de 1990 unha candidatura, a de Violeta Chamorro, muller de palla, para contrapola á do sandinismo. Gañaron aquelas eleccións a reacción e os intereses norteamericanos. O sandinismo aceptou a derrota e cedeu o paso.

Pasados os anos, o sandinismo, con Daniel Ortega, regresou ao goberno pola mesma vía pola que chegara Chamorro: unha e outra vez mediante os votos. Foi política do sandinismo gañador unirse en todo á empresa continental de emancipación: CELAC, UNASUR, ALBA, etc. Sempre coa Cuba indiscutible marcando a liña comunista, Ortega e o sandinismo foise abrazar con Venezuela e o chavismo. Con Lula e o Partido dos Trabalhadores. A todo isto, un “comité central” do capitalismo neocolonial latinoamericano conformábase en Miami e internacionalizaba en toda a América os obxectivos mediocres da gusanera cubana. En todo este proceso, o sandinismo popularizou e difundiu a expresión “La Contra”.

Chegados ao día de hoxe, e dentro dunha ofensiva xeral e difundida en toda América Latina, apareceu o momento de derrubar o goberno sandinista revolucionario e democrático de Nicaragua. Os laboratorios internacionais acharon, con razón, que non había en Nicaragua lugar para un golpe militar de dereita, visto que o Frente Sandinista liquidara a caste marcial proianqui e mercada polo capitalismo vernáculo. Mobilizaron, pois, vellos aliados e drenaron vellas canles de actuación. Os EEUU e o capitalismo transnacional e local refundaron alianzas. Fomentaron, como xa fixeran, un indixenismo que nada ten que ver co de Mariátegui, nin sequera co retórico de Rubén Darío. Xa os indios misquitos, debidamente instruídos polas igrexas chamadas evanxélicas que alimenta xenerosamente a CIA, serviran á Contra no intre glorioso do triunfo armado sandinista. Agora, renacen e tratan de sumar ás poboacións non hispánicas de lingua crioulo-inglesa da costa atlántica. Unha parte do catolicismo abraza a contrarrevolución en canto que o Vaticano leva as mans á cabeza e non quere comprometerse. O ecoloxismo é, unha vez máis, usado demagóxica e acriticamente. Un renegado sandinista recibe o Premio Princesa de Asturias en España, en canto Ernesto Cardenal, en estado de demencia senil, é usado sen piedade polos axentes estimulantes da disidencia.

Sen posibilidades de promover un golpe militar, os EEUU e a burguesía de Nicaragua integrada no comité central de Miami, recorren a un guión ben experimentado na exURSS e nos países árabes progresistas, con diferentes resultados.
Falamos da INSURRECCIÓN CONTRARREVOLUCIONARIA. Isto é: cando non é posible a vitoria electoral de dereita e cando tampouco o é un golpe militar contrarrevolucionario, o Imperio, cos seus lacaios locais, lanza “revolucións de cores” ou “primaveras”, fórmulas insurreccionais cuxa expresión máis repugnante e fascista foi a que se fixo concreta en Ucraína.

Hoxe, o diñeiro comprou en Nicaragua, e no mundo, vontades, comprou plumas, comprou persoas e desencadeou unha insurrección contrarrevolucionaria.

Na Frente Popular Galega miramos con preocupación como a propaganda antisandisnista está a frear, intimidando, a moitos intelectuais da esquerda pequenoburguesa, como tamén está a reducir ao silencio a boa parte da esquerda política europea. É o intre, pois, de que proclamemos o noso apoio ao pobo soberano de Nicaragua e á causa da súa emancipación, de que expresemos a nosa adhesión ao Frente Sandinista de Liberación nacional e ao goberno, democraticamente electo, de Daniel Ortega, como tamén denunciamos calquera inxerencia imperialista que aconteza no mundo, en todo momento e lugar, como a que hoxe está intervindo na Patria de Augusto César Sandino.

Viva Galicia Independente e Socialista!
Viva o Internacionalismo Proletario!