Inicio » Outras voces, Sobre o imperialismo » A verdade sempre vencerá

A verdade sempre vencerá

En 1958 un mozo Rupert Murdoch, daquela propietario e editor de The News de Adelaide, escribiu: “Na carreira entre o segredo e a verdade, semella inevitábel que sempre venza a verdade”.

É posíbel que a súa observación reflectise a revelación de seu pai, Keith Murdoch, de que as tropas australianas estaban a ser sacrificadas innecesariamente por comandantes británicos incompetentes nas costas de Gallipoli. Os británicos trataron de silencialo mais Keith Murdoch non deixou que o fixesen e os seus esforzos levaron ao fin da desastrosa campaña de Gallipoli.

Case un século despois, WikiLeaks tamén publica intrepidamente feitos que deben ser coñecidos polo público.

Medrei nunha localidade no campo en Queensland onde a xente dicía abertamente o que pensaba. Non había confianza no gran goberno, considerábase que podería corromperse se non se vixiaba coidadosamente. Os escuros días da corrupción no goberno de Queensland antes da investigación Fitzgerald demostran o que sucede cando os políticos amordazan aos medios para que non digan a verdade.

Non esquecín esas cousas. Wikileaks creouse ao redor deses valores centrais. A idea, concibida en Australia, foi utilizar tecnoloxías de Internet de novas maneiras para informar da verdade.

Wikileaks acuñou un novo tipo de xornalismo: xornalismo científico. Traballamos con outros medios para levar as noticias á xente, e tamén para probar que son verídicas. O xornalismo científico permíteche que leas unha noticia e que logo fagas clic en liña para ver o documento orixinal no que se basea. Así podes xulgar ti mesmo. É verdadeira a historia? Informaron exactamente os xornalistas?

As sociedades democráticas necesitan medios fortes, e Wikileaks forma parte deses medios. Os medios axudan a manter honesto ao goberno. Wikileaks revelou algunhas verdades duras sobre as guerras de Iraq e Afganistán, e desvelou historias sobre a corrupción corporativa.

Hai xente que di que me opoño á guerra. Para que se saiba, non é así. Algunhas veces as nacións teñen que ir á guerra, e hai guerras xustas. Pero non hai nada peor que un goberno que mente ao seu pobo sobre esas guerras e logo pide a eses mesmos cidadáns que poñan en xogo as súas vidas e os seus impostos por esas mentiras. Se unha guerra está xustificada digan logo a verdade e a xente decidirá se quere apoiala.

Se lestes algún dos arquivos sobre as guerras de Afganistán ou Iraq, algún dos telegramas das embaixadas estadounidenses ou algunha das historias sobre as cousas das que informou Wikileaks, considerade que importante é que todos os medios poidan informar libremente sobre esas cousas.

Wikileaks non é o único que publica os telegramas das embaixadas de EUA. Outros medios noticiosos, que inclúen The Guardian de Gran Bretaña, The New York Times, El País en España e Der Spiegel en Alemaña, publicaron os mesmos telegramas.

Con todo é Wikileaks, como coordinador desoutros grupos, o que foi obxecto dos ataques e acusacións máis malignos do goberno de EUA e os seus acólitos. Fun acusado de traizón, aínda que son australiano e non cidadán estadounidense. Houbo ducias de chamamentos serios en EUA para que eu sexa “eliminado” por forzas especiais dese país. Sarah Palin di que deberían “cazarme como a Osama ben Laden”, hai unha lei republicana ante o Senado de EUA que trata de que me declaren “ameaza internacional” e me traten pois en consecuencia. Un asesor da oficina do primeiro ministro canadense fixo un chamamento na televisión nacional para que me asasinen. Un blogueiro estadounidense pediu que secuestren e manquen a meu fillo de 20 anos, que está aquí en Australia, só para facerme dano.

E os australianos deberían ver sen orgullo como Julia Gillard e o seu goberno fan o xogo a eses sentimentos. Os poderes do goberno australiano parecen estar totalmente a disposición de EUA en canto á cancelación do meu pasaporte australiano, ou a que se espíe e acose a seguidores de Wikileaks. O Fiscal Xeral australiano fai todo o posíbel por colaborar cunha investigación estadounidense que se orienta claramente a incriminar a cidadáns australianos e envialos a EUA.

A primeira ministra Gillard e a secretaria de Estado Hillary Clinton non expresaron unha soa palabra de crítica cara outras organizacións mediáticas. É porque The Guardian, The New York Times e Der Spiegel son antigos e grandes, mentres Wikileaks aínda é novo e pequeno.

Somos os desamparados. O goberno Gillard trata de matar o mensaxeiro porque non quere que se revele a verdade, incluída a información sobre os seus propios tratos diplomáticos e políticos.

Houbo algunha reacción do goberno australiano ás numerosas ameazas públicas de violencia contra a miña persoa e outros membros do persoal de Wikileaks? Poderíase pensar que unha primeira ministra australiana debería defender aos seus cidadáns contra cousas semellantes, mais só houbo afirmacións de ilegalidade sen ningunha confirmación. A primeira ministra e especialmente o fiscal xeral deben cumprir os seus deberes con dignidade e manterse por riba da pelexa. Mais podedes estar seguros, eses dous só queren salvar a súa pel. Non o lograrán.

Cada vez que Wikileaks publica a verdade sobre abusos cometidos por axencias estadounidenses, os políticos australianos recitan un coro evidentemente falso xunto co Departamento de Estado: “Arriscades vidas! Seguridade nacional! Poredes en perigo aos soldados!”. Logo din que non hai nada de importancia no que publica Wikileaks. Non poden ser as dúas cousas ao mesmo tempo. Cal delas, entón?

Ningunha das dúas. Wikileaks ten unha historia editorial de catro anos. Durante ese tempo cambiamos gobernos enteiros, mais non hai unha soa persoa, que se saiba, que fose danada. Pero EUA, coa complicidade do goberno australiano, matou a miles só nos últimos meses.

O secretario de defensa de EUA, Robert Gates, admitiu nunha carta ao Congreso estadounidense que ningunha fonte ou método confidencial de intelixencia foi comprometida pola revelación das bitácoras da guerra afgá. O Pentágono declarou que non hai evidencia algunha de que as revelacións de Wikileaks levasen a que alguén sexa danado en Afganistán. A OTAN en Kabul dixo á CNN que non puido atopar a unha soa persoa que necesitase protección. O Departamento de Defensa australiano dixo o mesmo. Ningún soldado ou fonte australiana resultaron afectados por algo que publicásemos.

Pero as nosas publicacións non deixaron de ser importantes. Os telegramas diplomáticos de EUA revelan algúns feitos sorprendentes:

  • EUA solicitou aos seus diplomáticos que roubasen material humano e información de funcionarios da ONU e de grupos de dereitos humanos, incluíndo ADN, pegadas dixitais, escaneo do iris, números de cartóns de crédito, contrasinais de Internet e fotos de identificación, en violación de tratados internacionais. Presumibelmente, tamén poderían apuntar a diplomáticos australianos na ONU.
  • O rei Abdullah de Arabia Saudita pediu a EUA que ataque Irán.
  • Responsábeis en Xordania e Bahrein queren que o programa nuclear de Irán sexa detido por todos os medios dispoñíbeis.
  • A investigación británica sobre Iraq foi amañada para protexer “intereses estadounidenses”.
  • Suecia é un membro encuberto da OTAN e non se informa ao Parlamento do intercambio de intelixencia con Estados Unidos.
  • EUA está a actuar de maneira agresiva para lograr que outros países acepten presos liberados da Baía de Guantánamo. Barack Obama estivo de acordo con entrevistarse co presidente esloveno só se Eslovenia aceptaba a un prisioneiro. O noso veciño no Pacífico, Kiribati, recibiu unha oferta de millóns de dólares para que acepte detidos.

No seu transcendental ditame sobre o caso dos Papeis do Pentágono, a Corte Suprema de EUA dixo que “só unha prensa libre e sen limitacións pode denunciar efectivamente o engano do goberno”. A tormenta actual respecto de Wikileaks reforza a necesidade de defender o dereito de todos os medios a revelar a verdade.

Tirado de The Australian

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras Voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: ,