Inicio » Nacional, Movemento obreiro » 29-S: Folga Xeral contra o Capital

29-S: Folga Xeral contra o Capital

Contra as agresións capitalistas construamos o socialismo

O 29 de setembro tod@s á Folga Xeral

Os e as comunistas debemos dicir outra volta con claridade que o principal problema da clase obreira non é a Reforma Laboral, malia o que a gravidade das agresións que esta contén nos leven a esta errónea conclusión. Con todo, a razón de fondo desta reforma é a necesidade da clase propietaria de seguir izando a bandeira do seu lucro sobre a misera da maioría da poboación. Para unha clase todo, para outra a prisión, o medo, a represión activa, a fame, e os dentes dunha panca a nos afogar: sube o custo da vida e derruban aos poucos os nosos dereitos laborais.Nós somos esa maioría social: a clase obreira galega. Nós temos a obriga histórica de responder de fronte aos delirios especulativos da clase propietaria. A reforma laboral non é para nós senón un elo máis nunha longa cadea de agresións aos traballadores e traballadoras que ven de lonxe, que afinca as raíces nunha crise xeral do capitalismo encetada hai máis de corenta anos e que hoxe, logo do estoupido das burbullas inmobiliaria e financeira, amostra o seu rostro máis voraz.

Esta Reforma, primeiro compás da reformulación dun capitalismo en crise, xeraliza o despidimento libre e preventivo, normaliza o tráfico de traballadores e traballadoras a través das ETT’s, obríganos ao enteiro de nós a financiar o despedimento de compañeiras e compañeiros a través do FOGASA, expúlsanos dos nosos postos de traballo con indemnizacións de fame, liberaliza a contratación irregular e sobor de todo é unha porta aberta no camiño de desarmar a ferramenta da negociación colectiva, para individualizar as relacións laborais. Isto é, obriga ao traballador ou traballadora a negociar nunha posición de submisión coa patroal. E aínda daría para máis o explicar esta reforma laboral.

Con todo, sabemos que sobre as mesas dos gabinetes de todos os gobernos de Europa (xaora socialdemócratas, xaora neoliberais) hai torres de papel con máis e máis medidas para aniquilar á clase obreira, escritas e carimbadas polo grande capital. Sabemos que hai máis ordes de transferencia de cartos públicos para que a burguesía (galega, española e/ou transnacional) poida mellorar os dispositivos que garanten o seu poder. E tamén que se o pobo traballador galego non responde con solidez os ventos que veñen de Washington, Bruxelas ou Madrid feden a miseria para a maioría social.

Convocada xa a Folga Xeral, logo de que a esquerda real saíse decote á rúa nos dous últimos anos en Galiza, as centrais sindicais estatais (CCOO e UGT) chamarán ao conxunto da clase obreira a unha batalla de flores. As burocracias sindicais tomarán as roupaxes de “sindicalistas de clase” para no 29 de setembro organizar a entroidada que lles prouguer. Nós sinalamos a responsabilidade do seu inmobilismo, e dicimos unha vez máis que só o seu silencio cómplice permitiu unha agresión contra o proletariado da altura da actual.

Por iso a Frente Popular Galega [FPG] e a organización da mocidade ADIANTE chaman á clase traballadora galega, e ao conxunto do pobo traballador a transformar a procesión de santos que eles queren nunha xornada de combate nas rúas. Na primeira xornada combativa a nivel galego, da man do sindicalismo verdadeiramente clasista, dun tempo que ha ser de loita obreira para derrubar á oligarquía e as súas pretensións. Sentimos a necesidade, como obreiras e obreiros, de que esta Folga Xeral non pase desapercibida para o Capital. De que sexa un aviso daquelas e aqueles que estamos dispostos a seguir tomando as rúas despois do 29 para conseguir para o noso País un estatus de nación liberada, onde construír a única sociedade xusta, a sociedade dos iguais. Daquelas e aqueles que somos conscientes da potencia dun proletariado como o galego e os activos do medio rural unidos baixo a bandeira da emancipación. Baixo os estandartes dunha emancipación que só será conquistada cando golpe a golpe levemos a nación galega a un estado permanente de revolta. Cun pobo traballador ocupando as rúas que un día transitarán as mulleres e os homes libres de Galiza.

Porque só o socialismo pode garantir un goberno dos traballadores e traballadoras. Porque só o socialismo pode coutar o ímpeto de lucro dunha minoría e derrubar estas democracias de cartón. Ábrense as cancelas da loita sen cuartel contra o Capital e a barbarie. Porque só nós habemos decidir por nós.

O 29-S todas e todos á rúa!

Responder ao capital: Folga Xeral!

Etiquetas: ,