Inicio » Outras voces, De economía » As responsabilidades penais da banca

As responsabilidades penais da banca

Se un cirurxián opera a un paciente e comete un erro, resultado de neglixencia ou de incompetencia, que causa a súa morte, o cirurxián probabelmente será sancionado, sanción que pode mesmo chegar ao encarceramento e perda da súa licenza para exercer a súa profesión, a cirurxía. É o que se chama mala práctica médica. Tal sistema de sancións é necesario para protexer á cidadanía de incompetencias e neglixencias de profesionais cuxas accións poden afectar o seu benestar e calidade de vida. E se un empresario debido á súa neglixencia e/ou imprudencia dana a saúde dos seus traballadores, pode recibir sancións que inclúan tamén o seu encarceramento. Estas normas e sancións existen na maioría de países da OCDE (o club de países máis ricos do mundo). En todos eles considérase necesario que se desenvolvan normas e sancións que protexan á cidadanía do dano causado por terceiros, resultado de incompetencia ou neglixencia. É máis, se estes terceiros sacan proveito e benefícianse de tales danos, a sanción é mesmo maior.

Porén estas normas e sancións foron totalmente ignoradas na situación actual na que os banqueiros, debido ás súas malas prácticas, crearon a maior crise financeira até agora coñecida desde a II Guerra Mundial, crise que causou unha enorme dor e dano a millóns de persoas. A pesar diso, ningún terminou no cárcere. A enorme incompetencia, neglixencia e avaricia de tales banqueiros levou á ruína a millóns e millóns de persoas. E o dano era previsíbel, pois xa a mediados da primeira década do século XXI houbo economistas como Dean Baker en EUA, entre outros, que alertaron de que as malas prácticas bancarias estaban a levarnos a unha situación catastrófica. Mentres, as axencias de avaliación de bonos como Moody, Standard & Poor’s, entre outras, estaban a dar excelentes notas aos bancos que se colapsaron ao día seguinte de que tales axencias lles desen unha nota de sobresaliente. E semellante incompetencia e irresponsabilidade (cando non complicidade) presentouse entre as axencias e institucións supervisoras dos bancos e do sistema bancario, incluíndo os Bancos Centrais de tales países. Ninguén -repito, ninguén- foi sancionado.

Este silencio enxordecedor da actividade sancionadora dos Estados é escandaloso. Pero a situación é mesmo peor. En lugar de levar ao cárcere aos banqueiros e aos seus supervisores (tanto do sector público como do privado), déuselles millóns e millóns de dólares e euros, non só unha senón dúas, tres e catro veces, a fin de evitar que se colapsasen, levando ademais enormes beneficios persoais. Foi o caso máis bochornoso que ocorreu nos últimos cen anos e que expresa a maridanza entre poder financeiro e poder político na maioría de tales Estados. Non é de estrañar que na maioría das sociedades onde o Estado axudou con diñeiro público aos bancos exista un enfado da maioría das clases populares cara ao poder político, enfado que comeza mesmo a cuestionar a lexitimidade de tales Estados. Por iso é polo que se estea tentando dar unha resposta a tal enfado.

A Comisión Europea propuxo hai uns días a homologación entre os países da UE dos sistemas de normas e sancións contra delitos financeiros, tentando frear os excesos na especulación bancaria. Pero incluso estas medidas, bastante moderadas, non han ir máis aló de propostas feitas para tentar dar a impresión de que algo están a facer. Mais son dramaticamente insuficientes. Como ben dixo o Premio Nobel de Economía, Joseph Stiglitz, “até que os banqueiros e responsábeis das institucións supervisoras do sistema financeiro non terminen no cárcere, a crise financeira non se resolverá” (Washington Block, 4 de novembro de 2010).

Mais non só non foron ao cárcere, senón que os representantes da banca e dos Bancos Centrais, incluíndo o Banco Central Europeo, están agora dicindo que os problemas cos que tales sociedades se atopan, como son o elevado desemprego non se deben a eles, senón aos sindicatos e ás supostas rixideces que -segundo a banca- os sindicatos impoñen no mercado laboral en apoio dos intereses dos traballadores. Véxanse os continuas e repetidas declaracións do Gobernador do Banco de España, o Sr. Fernández Ordóñez, atribuíndo o elevado desemprego ás supostas rixideces do mercado de traballo e ignorando a súa responsabilidade por causar a crise ao non previr a burbulla inmobiliaria causada polo complexo bancario-inmobiliario.

Ora ben, a protesta popular a esta situación comeza a ter efecto. E algúns banqueiros e os seus supervisores poden terminar no cárcere. En Islandia, hai un ano e medio, o tres maiores bancos -Kaupthing, Landsbanki e Glitnir- colapsáronse como resultado das súas actividades especulativas. Só a axuda do Estado permitiulles sobrevivir. O Parlamento daquel país vén de publicar o informe dunha Comisión Parlamentaria nomeada para pescudar a causa do ocorrido. No informe documéntase non só a incompetencia, senón as malas prácticas dos equipos de dirección daqueles bancos, así como a incompetencia, cando non a complicidade, das axencias privadas (sistema de auditoría) e públicas, que en teoría deberían supervisalas. Como consecuencia, leváronse aos tribunais aos equipos directivos daqueles bancos, así como aos seus supervisores, con petición de encarceramento e sanción polo seu comportamento, que o informe define como criminal. Sería de desexar que en España as Cortes Españolas nomeasen unha comisión para analizar as causas da crise bancaria española e ver se os equipos de dirección dos maiores bancos e os seus supervisores públicos e privados incorreron nalgunha responsabilidade criminal.

Tirado de Rebelión

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: