Inicio » Nacional, XX Aniversario » Intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín

Intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín

Camaradas,

encontrámonos na parroquia de Aldán, no concello e antigo couto de Cangas, no Morrazo que na Idade Media lle diu á poesía galega a flor do poeta Xohan de Cangas de San Mamede ou Sanamedio do mar e no século XX e o que levamos de XXI o mellor exemplo ao mundo de resistencia popular contra un alcalde inmundo, resistencia coroada polo éxito e éxito que foi explotado correctamente por nosoutros. Síntome feliz de estar en Aldán, en Cangas, no Morrazo, a máis fermosa e combativa terra de Galicia, cabo do mar maior que nos educou a todos e a todos nos dixo e nos di cada nove ondas que rompen que non hai nada que non poda ser destruido e recomposto outra vez.

Fillos do mar e da rompente e da terra amante do Morrazo, os da FPG de Cangas foron capaces de ser o fío de aceiro que no interior da estacha da esquerda nacionalista galega converte esta en irrompible, indestrutible, imposible de ser anulada por ningunha forza adversa do mundo. Hoxe, esta carballeira é o eixo do ben da Galicia que non se vende, que non se resigna, que non se humilla, que non pacta co seu amo a continuidade da escravitude.

Moitas veces temos lembrado aquela frase célebre na que Castelao se definía a el mesmo como un nacionalista “inatacable aos ácidos e infusible ao soplete”. Con tal imaxe metalúrxica e proletaria podemos hoxe definir a alma de ferro da Frente Popular Galega: “inatacable aos ácidos e infusible ao soplete”. De raiz e orixe pequeno-burguesa, non teñamos medo de decer a verdade, a historia gloriosa do nacionalismo galego sofriu desviacións e colleu camiños tortos que o conduciron non á independencia senón a unha dependencia pactada co amo español. Aceptar o marco estatal desta autonomía supuxo o sometemento colonial a unha orde que nos negaba a autodeterminación e a independencia.

Pro tiñamos, pro nós temos no centro da nosa bandeira unha estrela vermella de cinco puntas. O falso nacionalismo que non purra pola autodeterminación e a independencia de Galicia eliminou xa esa estrela que é o corazón que bombea o sangue do noso movemento de liberación nacional. A FPG fai hoxe de tal símbolo, máis ca nunca, o centro das súas aspiracións. A saber: que todos os bens e recursos económicos e culturais da Patria sexan propiedade colectiva do pobo galego. Que todos os pobos e nacións do mundo han de se apropiar dos seus recursos económicos e culturais. Que o capitalismo e o imperialismo como forma última da opresión e da explotación do ser humano por outro ser humano (antes fora o escravismo e a servidume feudal) é un sistema ilícito e eticamente insostible. Que a clase obreira e os seus naturais aliados no seo do pobo é a chamada a ser a condutora da transformación do mundo nun lugar verdadeiramente humano. Eis o que a estrela vermella de cinco puntas representa para a FPG e para o proletariado do pobo galego: inscrita no centro, no mesmo centro, da nosa bandeira da Patria.

Camaradas, hoxe celebramos o vixésimo aniversario da creación da FPG, o partido no que me orgullo de pertencer. Non nacía o noso partido do nada. Antes fora a primitiva UPG, con Moncho Reboiras e outros camaradas de diamante, algúns dos cales están hoxe eiquí e son a flor da esperanza e eu abrazo nas persoas de Carme Graña e García Crego. Nesta UPG orixinaria estaba Lois Soto, que nos unía á tradición dos que antes ca nós diran o paso decisivo adiante: Xohán Xesús González, fusilado en 1936; Benigno Álvarez, morto de padecemento na Serra de San Mamede en 1936; o devandito Lois Soto. Eles fixeron posible que dous meteoros, que viaxaban divorciados polo ceo das ideas e sobre a terra da praxis histórica, chegaran a xuntarse con estrondo e a confundir os seus fogos: o meteoro marxista e o meteoro independentista galego. Hai vinte anos, e despois do proceso dialéctico que diu vida á primitiva UPG, á UPG-Liña Proletaria, ao PCLN, apareceu a FPG que evoluiu so o signo da razón revolucionaria ao estado actual do noso partido. Como non pronunciar agora o nome de quen é o noso portavoz nacional Mariano Abalo, e máxime encontrándonos eiquí tan perto do Cabo de Home que pode ser emblema da nosa persistencia e da nosa condición increbantable!

Foron vinte anos durísimos, os da vida do noso Partido, que forxaron o aceiro das vosas vontades e das vosas intelixencias revolucionarias e da vosa lealtade á Nación. O inimigo, España, e o seu rexime monárquico e falsamente democrático, cercounos con todos os efectivos do seu poder represivo e da súa argumentación ideolóxica e propagandística. O inimigo interno do pesimismo, do hipercriticismo esterilizador, do que, en suma, Soto chamaba “a doenza das dúbidas”, practicou galerías de desconcerto e de auto-odio no interior das nosas fileiras. E aínda así a FPG mantívose en pé debido á cualidade metálica dos homes e mulleres que a integran. E non fomos, non, un grupúsculo marxinal e sectario; antes ao contrario, a FPG produciu ideas, poemas, programas, e manifestouse na práctica operaria e popular como elemento transformador da sociedade galega con éxitos que lle doen na carne aos nosos inimigos. Se nós non estivesemos na vangarda, como estamos, Galicia aínda sería máis fea, máis atrasada, máis pobre do que é hoxe. Vemos cair a URSS, e laiámonos de tal desastre escuro. Vemos a China de Mao pervertir o comunismo deica extremos pavorosos. Pro nós estamos eiquí, en Aldán, en Galicia, no Estado español que detestamos e no Mundo a contemplar como os nosos camaradas de Nepal triunfan e lle aseguran ao proletariado internacionalista que a Historia continúa, que a loita continúa. Nós estamos eiquí e Cuba está eiquí. O Che está eiquí agora collido do ganchete de Moncho Reboiras do mesmo xeito que na realidade Alexandro Bóveda e Benigno Álvarez fixeron as eleccións da Frente Popular en Ourense en 1936.

Un filósofo comunista francés de hoxe, Alain Badiou, un xenio do noso tempo, di que a humanidade coñeceu Spartacus como signo da emancipación dos escravos fronte ao Imperio que outros consideran exemplo de cultura e nós, ao pé do monte do Facho de Donón, cifra do oprobio. Logo o xénero humano fundou na Comuna de París o principio de esperanza dun horizonte vermello e comunista. Lenin e a revolución soviética abriron unha era que rematou co afundimento do socialismo real. E aquí estamos nós, nunha nova xeira, nunha idade de ferro, dispostos, en Galicia, coa FPG, e en todo o mundo, a traballar sen esmorecemento ningún por unha Galicia nosa, nova, popular e democrática; isto é, comunista, independente e republicana. Esta é a misión que nos prescriben os tempos. A misión máis ingrata, a máis difícil. A que nós asumimos como propia e no desempeño da cal estamos sós, irremediablemente sós, como dicía Mao Tse Tung que están sempre e en toda parte os revolucionarios.

Fálavos un vello que gastou desde a adolescencia a hoxe a vida nos labores de resistir por estes principios. Son hoxe feliz e penso que todo o que fixen tivo sentido e de que cando estea morto o noso Partido seguirá activo deica o intre da Vitoria. Pois ese día está nalgún lugar, e non lonxano, do futuro.

REPÚBLICA GALEGA!

VIVA GALICIA INDEPENDENTE E COMUNISTA!