Inicio » Nacional, XX Aniversario » Intervención de Begoña Martínez

Intervención de Begoña Martínez

Hoxe celebramos aquí, en Aldán, concello de Cangas, en terras de pobo loitador, os vinte anos de andadura da Frente Popular Galega. Foi tamén en xullo, pero do ano 1988, cando tivo lugar a Asemblea Constituínte da Frente, que fora xa ela presentada en sociedade o Día da Clase Obreira Galega. É o noso un partido herdeiro directo das primeiras organizacións marxistas de práctica independentista en Galiza: a UPG histórica, o Partido Galego do Proletariado e o Partido Comunista de Liberación Nacional.

Moitas das mozas e dos mozos revolucionarios galegos inda non nacéramos ou eramos moi pequenos cando a FPG daba os seus primeiros pasos entre mobilizacións populares, detencións, torturas de camaradas, dinamizacións organizativas e loitas diarias continuas. Moitos non nacéramos cando a FPG empezaba pero somos hoxe conscientes da súa importancia histórica e da necesidade actual de proseguir co proceso de liberación nacional e social de Galiza.

Castelao, o compañeiro Daniel, o irmán Daniel, deixou escrito: “a realidade actual dá noxo; pero non podemos fuxir dela por escrupos inúteis, pois para modelar un pobo de barro é forzoso luxar as mans”. A Frente Popular Galega luxa as mans, leva vinte anos facéndoo sen repouso. Luxou as mans na defensa da terra e da nosa lingua. Luxou as mans en defensa do pobo traballador galego e dos pobos asoballados do mundo. Luxou as mans na campaña autodeterminista de 1990, no Prestige, na guerra de Iraq, nas protestas anti-LOU; e luxa hoxe as mans diariamente con Massó en Cangas, coa denuncia do lucro colonial que supoñen as enerxéticas na nosa terra, contra ENCE, REGANOSA, e contra o contrato homologado do sector leiteiro que asinou o Goberno galego.

Representa polo tanto a FPG o único partido que a día de hoxe, como hai vinte anos, continúa a defender os principios inspiradores do independentismo contemporáneo, principios que deron á luz a primeira UPG nos anos sesenta: a independencia nacional, o anticolonialismo, a defensa da terra, o antipatriarcado, a solidariedade internacionalista, a igualdade, a democracia popular… Os da mocidade revolucionaria galega recollemos a herdanza destes principios, e leváronnos eles a fundar, en outubro do 2004, a organización de mocidade revolucionaria ADIANTE. Na nosa Asemblea Constituínte asegurábamos que “o noso movemento ten que se sustentar non en ideas abstractas e moito menos en infantilismos esquerdistas senón en toda a experiencia, análise e historia acumulada en séculos de loita popular e anti-imperialista en Galiza e no mundo”. O partido comunista e independentista galego, a Frente Popular Galega, foi dende os comezos nosos un referente para nos guiar no camiño, e a finais do 2007 ámbalas dúas organizacións establecían un acordo de colaboración.

Sabemos que son tempos moi duros para as capas máis novas do noso pobo. Andamos moitas mozas e mozos sen traballo, ou se cadrar, andamos, con sorte, a traballar por salarios de explotación; non vemos posibilidade de nos facer cunha vivenda, andamos cun futuro hipotecado, sen dereitos ou alienados… Vémonos obrigados, e non infrecuentemente, a emigrar, para seguir sendo nós precarios en calquera outro país; vémonos obrigados a repetir ata a infinidade inútiles períodos de prácticas, ou, dito isto sen eufemismo, a facer supostas prácticas que son na realidade un traballo non remunerado, man de obra gratis para o capital, voltamos á casa dos pais porque non temos posibilidades de independencia económica. Obríganos a esmagadora lóxica do capital non só a traballar gratis, senón tamén a nos formar profesionalmente a niveis cada vez máis específicos no plano teórico, total para, na práctica todo quedar en nada, con case nula efectividade no plano laboral: másters, posgraos, etc, son, na súa meirande parte privados ou están eles semiprivatizados, supoñen un forte investimento sen nos proporcionar a cambio garantía ningunha de traballo. A especialización chega ao punto do ridículo: cursos privados para ser camareiras e camareiros, dependentes de negocios, recepcionistas de hotel… O capitalismo imponnos unha competencia brutal, un círculo vicioso que, ben entrando nel, ou ben quedando á marxe del, preséntanos un futuro negro.

A precariedade laboral aféctanos á práctica totalidade da mocidade galega, e cando conseguimos saír dese círculo de traballo non remunerado batemos co contrato lixo como única forma de relación laboral. Traballamos en negro, sen seguro, sen contrato, facendo horas extraordinarias que non se pagan, dependentes de empresas de traballo temporal e coa imposibilidade de ficar na mesma empresa máis dun ano e de obter algún tipo de garantía ou dereito laboral. O que isto implica nas nosas vidas diarias non é indiferente: emigración forzada, mortes en accidentes laborais, paro estrutural, dependencia doméstica…

Á nosa situación económica e laboral (que se vén agravando e se agravará inda máis coa crise económica) temos aínda que engadir a imposibilidade, individual e colectiva, de exercer os nosos dereitos nacionais. Dende as primeiras institucións de socialización, na escola, incúlcannos un sistema elitista, alleo á realidade da nosa nación e que se orienta a perpetuar o modelo de dominación social e nacional sobre Galiza e a súa clase traballadora. Apréndennos a reproducir o auto-odio estrutural, odio a sermos galegos e a ser clase traballadora; ensínannos a odiar a nosa lingua, os valores da nosa cultura… O Estado imponnos moitas trabas ás fillas e aos fillos dos traballadores para acceder ao ensino medio superior. Vivimos na época das grandes privatizacións, taxas de matrícula universitaria escandalosas, falla de residencias estudiantís e de centros educativos.

As e os que somos conscientes, a mocidade coerente, crítica e anticapitalista, sabemos que o único camiño que queda é a loita organizada. Se non loitamos non temos futuro. Se non nos organizamos non temos futuro. Se non somos intelixentes, coerentes, honrados e autocríticos, non temos futuro. Por iso para nós a traxectoria da Frente Popular Galega é un referente: con erros, pero sen manchas; con acertos, pero sen fachendas.

Alédanos ver hoxe tantas xeracións reunidas, e unidas polas mesmas arelas de liberdade e democracia, é dicir, de independencia nacional camiño do novo socialismo. Xeracións unidas polo amor á xustiza, á igualdade e á sociedade sen clases.

As mozas e mozos revolucionarios sabemos que sen a unidade de vontades que representa esta ferramenta que é o noso Partido a loita é inútil. Hoxe aquí estamos estudantes, operarios, intelectuais, desempregados, precarios, xubilados ou comerciantes, pero todos cos mesmos desexos, cos mesmos intereses, cos mesmos soños: sermos un pobo libre nunha Patria liberada, construirmos a primeira República Galega.

Por unha República Galega e Socialista!

Viva Galiza Ceibe! Venceremos!