Inicio » Nacional, Movemento obreiro » Adiante coa loita obreira. A FPG coa Folga Xeral Nacional

Adiante coa loita obreira. A FPG coa Folga Xeral Nacional

A Frente Popular Galega expresa o seu pleno apoio á Folga Xeral Nacional (FXN) convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para o 27 de xaneiro e apoiada, entre outras organizacións sindicais, políticas e sociais, pola Central Unitaria de Traballadores/as (CUT). Chamamos xa que logo ao conxunto dos traballadores e traballadoras galegas a participarmos activamente na FXN e a nos xuntar ao redor das distintas mobilizacións convocadas polas centrais sindicais galegas.

A FPG leva tempo insistindo na necesidade de realizar unha auténtica Folga Xeral en Galiza, na que as agresións antiobreiras e antipopulares do goberno español do PSOE teñen especial e fonda repercusión dada a nosa propia realidade nacional. Hai tempo que se fai necesario pasar dunha estratexia meramente resistencialista e de tipo sectorial a outra cualitativamente superior na que todas as loitas se unan desde unha perspectiva nacional e combativa. Erra, en todo caso, quen pretenda facer desta FXN apenas un trámite, apenas un número máis na estatística ou, peor aínda, se alguén tan sequera pensar nesta FXN como un escenario idóneo para mesquiños cálculos electorais. Desde a FPG consideramos o 27 de xaneiro como o comezo dun proceso de contestación nacional e popular ás agresións da oligarquía española, dos seus lacaios no noso país e do Estado español, auténtica “coveira da canalla” que a todos eles ampara. Será responsabilidade de todos nós, convocantes, adherentes e, en definitiva, das traballadoras e traballadores, a inmensa maioría deste país, impulsarmos decididamente esta convocatoria e o continuar de maneira sostida este movemento iniciado, único garante de suceso ante a brutal ofensiva do capital.

Esta ofensiva sen precedentes é demoledora mesmo ameazando, na nosa nación, as posibilidades dunha Galiza viábel a medio prazo ao atacar con especial saña as bases materiais, e non só, do país. Neste ataque sen precedentes contan ademais coa inestimábel axuda do propio poder autonómico xestionado polo PP na Comunidade Autónoma Galega. Asistimos inermes a un espectáculo grotesco: a autonomía contra a nación. En calquera caso nada que desde a FPG non preveramos frente quen defendía o actual marco xurídico-político como o mellor dos mundos posíbeis.

Non son estes tempos de posicións mornas e acomodadas. A este ataque global cómpre unha resposta global, que tamén desde a esfera política deberemos dar. Neste escenario o autonomismo realmente existente está chamado a ser unha reliquia do pasado polo que, se cadra, é máis preciso do que nunca que a esquerda que poda existir nese conglomerado autonomista rompa definitivamente amarras e se reuna con quen acreditar que outra forma de facer política é posíbel antes de que o naufraxio do buque autonomista arrastre, canda el, as esperanzas de milleiros de galegas e galegos de construir unha Galiza de seu.

Agora é o momento de golpearmos xuntos. E, ademais, só xuntos poderemos encetar o longo camiño cara a República Galega e o socialismo. Unha nova Galiza é posíbel.

Adiante coa loita obreira!

Adiante coa Folga Xeral Nacional!

Viva Galiza Ceibe e Socialista!

Etiquetas: ,