Inicio » Internacional, Tunisia » Declaración fundacional da Frente 14 de Xaneiro das forzas nacionais, progresistas e democráticas de Tunisia

Declaración fundacional da Frente 14 de Xaneiro das forzas nacionais, progresistas e democráticas de Tunisia

Para afirmar e asegurar a nosa participación na revolución do noso pobo que loitou polo seu dereito á liberdade e á dignidade nacional, este pobo que deu decenas de mártires e miles de feridos e detidos, e co fin de completar e garantir a vitoria contra os inimigos internos e externos e os que tentan secuestrar os sacrificios do pobo, constituímos “A Frente 14 de Xaneiro” como marco político para promover e asegurar a revolución até acadar os seus obxectivos, e para loitar e derrotar as forzas da contrarrevolución; a Frente agrupa os partidos, forzas e organizacións nacionais, progresistas e democráticas.

Os seus obxectivos e tarefas urxentes son:

1. Derrubar o actual goberno de Ghanouchi ou calquera goberno que inclúa persoas do anterior réxime, que fixeron as políticas antinacionais e antipopulares e serviron aos intereses do presidente derrubado.

2. Disolver o partido do ex presidente, e confiscar as súas sedes, bens, activos financeiros e fondos, porque son do pobo.

3. Formar un goberno de transición que exprese a confianza do pobo, das súas forzas políticas progresistas e das súas organizacións sociais, sindicais e xuvenís.

4. Disolver a cámara de representantes, dos asesores e de todas as institucións, do consello superior da maxistratura e o desmantelamento de toda a estrutura política do antigo réxime, e a preparación das eleccións para unha Asemblea Constituínte para a elaboración dunha nova Constitución democrática e un novo marco legal da vida pública que garanta os dereitos políticos, económicos e culturais do pobo.

5. A disolución da policía política, e promulgar unha nova política de seguridade que respecte os dereitos humanos e as leis.

6. Pedir responsabilidades a todos aqueles que se demostre que saquearon os bens do pobo, cometeron crimes contra el, como a represión, encarceramento, a tortura e os asasinatos decidindo, ordenando e executando, así como a aqueles que se probe a súa mala conduta e mala xestión da propiedade pública.

7. A expropiación dos bens de toda a familia de Zine El Abidine Ben Ali, das persoas próximas e de todos os responsábeis políticos que utilizaron a súa posición para enriquecerse á custa do pobo.

8. Asegurar e xerar emprego para os desempregados e tomar medidas urxentes que garantan o subsidio de desemprego, a cobertura social e de saúde, mellorar o poder adquisitivo do pobo.

9. Construción dunha economía nacional ao servizo do pobo, onde os sectores vitais e estratéxicos estean baixo control do Estado, nacionalizar todas as empresas que foron privatizadas, e a aplicación dunha política económica e social que rompa coa opción capitalista liberal.

10. Garantir as liberdades públicas, individuais, e especialmente a liberdade de manifestación, organización, expresión, de prensa, información e crenza, e liberar todos os presos políticos e promulgar a lei de amnistía.

11. A Frente 14 de Xaneiro saúda o apoio das masas populares e as forzas progresistas do mundo árabe e do mundo e convídalles a continuar sosténdoo.

12. Rexeitar a normalización de relacións coa entidade sionista, criminalizala, apoiar os movementos de liberación nacional do mundo árabe e do mundo.

13. A Frente chama ás masas populares, ás forzas progresistas e patrióticas para continuaren coas mobilizacións e a loita mediante todas as formas lexítimas, especialmente as manifestacións nas rúas, até acadarmos os obxectivos propostos.

14. A Frente saúda todos os comités, asociacións e organizacións populares, e chámalles a ampliar o seu círculo de participación en todos os asuntos públicos e da vida diaria e cotiá.

GLORIA AOS MARTIRES DA INTIFADA E A VITORIA PARA AS NOSAS MASAS POPULARES REVOLUCIONARIAS.

Tunes, 20 de xaneiro de 2011

Asociación de Esquerda – Os Traballadores

Movemento Unionista Nasserista

Movemento dos Nacionalistas Democráticos

Corrente Baazista

Esquerdas Independentes

Partido Comunista Obreiro de Tunisia

Partido Nacional de Acción Democrática

Tirado de Rebelión

Etiquetas: ,