Inicio » Opinión » Massó ou o cabalo de Troia (traxedia en tres actos)

Massó ou o cabalo de Troia (traxedia en tres actos)

Este é un post especial pra amantes do BNG. Estaría ben que as persoas sensatas que poidan habitar este partido reflexionasen sobre o xeito de actuar dos seus representantes en Cangas e no feito de que Clara Millán non teña máis oficio coñecido que vivir do partido, cuestión que sempre me pareceu moi perigosa pra a integridade ideolóxica. En definitiva, esta é unha historia de traizón dende moi dentro e por sorpresa.

Acto I. Pódese ou non se pode?.

Dende o BNG sempre se repetiu coma un mantra a tese artellada pola alcaldesa de que o Concello carece de competencias pra paraliza-la obra. Entendo que dende a militancia se quixese crer cegamente nesta tese da “incapacidade”, é difícil asumir que falta valentía política ou que quizais haxa intereses a maiores. Sempre resulta mellor pensar que o PP ten a culpa de todo neste mundo e aínda que o xérmolo do conflicto fose cousa dos populares a realidade é que Clara si pode paralizar e non o fai. Así o declarou este setembro o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra ó considerar que as obras do porto deportivo precisan de licenza municipal tal como viña sinalando insistentemente o Foro Social, a Confraría de Pescadores San Xosé, o naquela altura concelleiro de Urbanismo Mariano Abalo e o propio José Enrique Sotelo, botándolle papo, dende o PP.

Mais a cousa non queda aí; se a señora alcaldesa tiña medo a prevaricar (precisamente o que está a facer) pero aínda así conservaba a vontade de soluciona-lo problema:

  • ¿pra que asinou un pacto de goberno no que se alude expresamente ó conflicto se non tiña intención de cumprilo?.

Hai que botarlle moitos collóns pra dicir que ‘Massó se parou porque hai unha alcaldesa do BNG‘. Se esas obras están paralizadas señor Lobeira, é polas persoas que se tiraron cinco aniños a facer gardas continuadas (houbo períodos nos que ata de noite), a apandar con multas, a ser detidas, a non ser recibidos pola alcaldesa, a ser expulsados dos plenos e a ser demonizados por unha señora que se negou a facer nada durante os seus catro anos de goberno mentres que cando lle viña ben (na oposición) eran os seus mellores amigos e ía ás manifestacións que fixese falla. Por certo, son esas mesmas persoas as que están a loitar sen tregua nos xulgados e as que denuncian esta animalada nos medios, non Clara Millán.

Entre tanto, entramos no ciclo sen fin no que PP e BNG, ante un PSOE que se limita a ve-los touros dende a barreira, pásanse a pataca quente entre as distintas administracións (Concello, Autoridade Portuaria e Xunta). Ninguén quere cargar co morto mais todos deixan corre-lo tempo a favor da empresa por ver se os opositores do porto se “queiman” e deixan de dar por saco; coido que subestiman o amor propio cangueiro.

Acto II. Nunca morda-la man que che dá de comer.

Moitos fomos os que nos alegramos cando caiu Sotelo e o tripartito chegou á alcaldía, pecamos de inxenuos. É aínda máis frustrante ter que loitar con alguén que di algo por diante e fai o contrario ás costas. En Galiza non se vende preguntábanse hai un tempo: que é o que lle ofreceu Caixanova ós líderes do BNG?.

A pregunta aludía ás seguintes declaracións de Enrique Sotelo (PP) no Faro de Vigo do 06/01/2008

En circunstancias normais importaríame bastante pouco calquera cousa que puidese dicir Sotelo (excepto se fose explicar onde están os cartos dos convenios) pero é certo que o cambio de parecer de Clara Millán respecto a Massó é abraiante, aí o noso “amigo” leva razón. Amais dos centros galegos en América que di Sotelo, canto lle debe o BNG a Caixanova?

Pois ben, como tódolos anos as caixas de aforros teñen a obriga de publica-los informes de goberno corporativo nos que se inclúen as operacións que manteñen cos distintos grupos políticos. Resulta que o BNG, un ano máis, é o grupo máis endebedado con aplastante diferenza. Pra que non haxa dúbida:

No exercicio 2009, o último publicado, o Bloque Nacionalista Galego ten un saldo vivo (débeda) de 2.598.000€ que traducido son 432.270.828 millóns das antigas pesetas. Durante 2008 asinaron coa entidade un crédito de 400.000 € cuns xuros do 5.10% durante o primeiro trimestre e a prazo dun ano. Outro empréstito, tamén a un ano, de 3.000 € a un 7.45% de xuro. E outro máis, este a 10 anos, de 298.000 € cuns xuros do 6%. Ós que lle sumaron outros tres en 2009 de 200.000, 400.000 e 600.000 euros a un 4%.

Supoño que é bo recordar que a obra de Massó está promovida por Residencial Marina Atlántica e Complejo Marina Atlántica, participadas nun 50% por Caixanova. Resulta que Clara Millán era neses momentos a Secretaria de Finanzas da Executiva Nacional do BNG (elexida o 20 de xaneiro de 2007): “Procuraremos que o BNG teña unhas finanzas saneadas, capaces de cobrir as necesidades a nivel nacional e comarcal e os retos que nos esperan, como as campañas electorais.” BNG ao día. nº 21.

Tamén é casualidade que a entidade asinase varios convenios sociais coa vicepresidencia da Xunta, parcelas do goberno que controlaba o Bloque, nun momento no que, ó parecer, o cuñado de Quin (traballador nunha sucursal deles) se apropiou indebidamente de 500.000 € de distintas contas pertencentes a galegos da emigración sen que lle supuxese máis ca un expediente. Non soubemos nada deste asunto até pasado un ano e grazas a unha denuncia da sección sindical da UXT nesa oficina, se non nin iso.

Gráfico da evolución da débeda do BNG coas Caixas Galegas [1998-2008]:

Imaxe vía Kiko das Leiras no antigo Chuza

Acto III. A dimensión electoral e o malestar dentro do Bloque.

Comezan a perfilarse as eleccións municipais no horizonte e coido que a estas alturas xa todos nos decatamos de que Massó se tornou todo un problema político de primeira magnitude en Cangas pero tamén nunha preocupación a nivel nacional pra o Bloque Nacionalista Galego. Ata onte Clara Millán aínda non tiña claro se se presentaba coma candidata á alcaldía e nunhas declaraciós recentes asumía que “Massó nos fará perder votos” É evidente que o que non se consola é porque non quere. Na miña opinión, de mante-la alcaldía sería dunha forma moi precaria e perdendo moito rédito electoral, sinónimo posiblemente de que as cousas non se fixeron a xeito.

Tan importante é o tema que o PP en primeiro lugar e despois o Bloque, sacaron un só número do que se supoñía ían se-los seus voceiros a nivel local; en ámbolos casos o tema a tratar foron xustificacións respecto a Massó. O BNG local, pese a que a postura oficial do partido a nivel nacional é contraria as obras, repartiu o “panfleto” por tódalas casas nos tres días previos á manifestación de xuño de 2009 nun claro intento por desmovilizar, coa de agosto xa nin o intentaron á vista saltan os resultados. Quizais os persoeiros presentes máis coñecidos a nivel nacional fosen Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Mabel Ribera pero tamén había alcaldes e militantes doutras vilas aínda que o dano verdadeiro viulles dende dentro dos propios afiliados cangueiros. Quin, o adalide das redeiras galegas, e Clara deberon ficar parvos ó ver á Evangelina Martínez (cangueira e presidenta deste colectivo) na manifestación. Tampouco lles debeu cair ben que fora Jorge Pérez Rodal (exconcelleiro do Bloque e expresidente da confraría de Aldán), máis cantada estaba a presenza da exconcelleira do BNG Begoña Pérez Santaclara. Podemos seguir, mais a listaxe é moi longa.

O segundo órdago a Clara produciuse o 12 de setembro dese mesmo ano, cando Bieito Lobeira e Teresa Táboas se presentaron nunha concentración por mar convocada polo pósito da vila que foi secundada por tódalas confrarías da Ría de Vigo. Ó mesmo tempo, o BNG comarcal realizaba comunicados de prensa que “entraban en contradicción coa liña que seguían os seus compañeiros en Cangas”. Xa na segunda festa nacionalista do Morrazo, Guillerme chamaba á “unidade” e á eliminación das “liortillas internas” mentres que se vía obrigado a aclarar máis unha vez a postura oficial do partido respecto ó porto deportivo. Pra remata-la, na asemblea de Encontro Irmandiño (á que acudiron Guillerme Vázquez e Aymerich) lévanlle de invitado a Mariano Abalo. Menos mal que o BNG está “máis pacificado ca nunca” Pra min, antes ca unhas siglas vai a miña terra… e pra vós?

¦¦ Tirado de España? Pra que?!

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.