Inicio » Outras voces, Sobre o imperialismo » Exipto: os movementos sociais, a CIA e o Mossad

Exipto: os movementos sociais, a CIA e o Mossad

Os límites dos movementos sociais

Os movementos de masas que obrigaron á retirada de Mubarak revelan á vez a fortaleza e as debilidades dos levantamentos espontáneos.

Por unha banda, os movementos sociais demostraron a súa capacidade para mobilizar por centos de miles de persoas, quizais millóns, nunha exitosa loita sostida que culminou co derrocamento do ditador dunha maneira que os partidos de oposición e as personalidades preexistentes non puideron ou non quixeron facer.

En cambio, por outra banda, a falta dun liderado político nacional, os movementos non foron capaces de tomar o poder político e facer realidade as súas demandas, o que permitiu aos altos mandos militares de Mubarak tomar o poder e definir o post mubarakismo, garantindo a continuidade da subordinación de Exipto aos Estados Unidos (EUA), a protección da riqueza ilícita do clan Mubarak (70 millóns de dólares), o mantemento das numerosas empresas en propiedade da elite militar e a protección das clases altas.

Os millóns de persoas mobilizados polos movementos sociais para derrocar á ditadura foron excluídos na práctica pola nova xunta militar, autoproclamada “revolucionaria”, á hora de definir as institucións e as políticas, por non falar das reformas socioeconómicas necesarias para atender as necesidades básicas da poboación (o 40% da poboación vive con menos de dous dólares ao día e o desemprego xuvenil ascende a máis de 30%). Exipto, como no caso dos movementos sociais e estudantís populares contra as ditaduras de Corea do Sur, Taiwan, Filipinas e Indonesia, é unha demostración de que a falta dunha organización política nacional permite que personaxes neoliberais e conservadores “de oposición” substitúan ao réxime. Estes personaxes proceden a establecer un réxime electoral que continúe servindo aos intereses imperiais dependentes e defenda o aparello estatal existente. Nalgúns casos, substitúen aos vellos colegas capitalistas por outros de novo cuño. Non é casual que os medios de comunicación encomien a “espontánea” natureza das loitas (non as demandas socioeconómicas) e presenten baixo unha luz favorábel o papel dos militares (sen ter en conta os 30 anos nos que foron un baluarte da ditadura). As masas son louvadas polo seu “heroísmo” e os mozos polo seu “idealismo”, pero en ningún caso se recoñecen como actores políticos centrais no novo réxime. Unha vez caída a ditadura, os militares e a oposición electoralista “celebraron” o éxito da revolución e movéronse rapidamente para desmovilizar e desmantelar o movemento espontáneo, co fin de dar paso ás negociacións entre os políticos liberais electoralistas, Washington e a elite militar no poder.

Mentres a Casa Branca pode tolerar ou mesmo fomentar movementos sociais que conduzan ao derrocamento (“sacrificio”) das ditaduras, teñen todo o interese en preservar o Estado. No caso de Exipto, o principal aliado estratéxico do imperialismo de EUA, non é Mubarak, é o exército, co que Washington estivo en constante colaboración antes, durante e despois do derrocamento de Mubarak, asegurándose que a “transición” á democracia (sic) garanta a permanente subordinación de Exipto aos intereses e as políticas para Oriente Próximo de EUA e Israel.

A rebelión do pobo: os fracasos da CIA e o Mossad

A revolta árabe demostra unha vez máis varios fallos estratéxicos en institucións tan cacarexadas como a policía secreta, as forzas especiais e as axencias de intelixencia de EUA, así como no aparello estatal israelí, ningún dos cales foi capaz de prever, non digamos xa intervir, para evitar esta exitosa mobilización e influír nas políticas dos seus gobernos cara aos gobernantes lacaios que estaban en perigo.

A imaxe que a maioría de escritores, académicos e xornalistas proxectan da imbatibilidade do Mossad israelí e da omnipotente CIA foi sometida a unha dura proba, co seu fracaso en recoñecer o alcance, a profundidade e a intensidade do movemento de millóns de persoas que derrocou a ditadura de Mubarak. O Mossad, orgullo e alegría dos produtores de Hollywood, presentado como un “modelo de eficiencia” polos seus ben organizados compañeiros de viaxe sionistas, non foi capaz de detectar o crecemento dun movemento de masas nun país veciño. O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, mostrouse sorprendido (e consternado) pola precaria situación de Mubarak e o colapso do seu cliente árabe máis prominente, precisamente por mor de erros de intelixencia do Mossad. Do mesmo xeito, a Washington, cos seus 27 organismos de intelixencia ademais do Pentágono, pillárono desprevido, a pesar dos centenares de miles de axentes pagos e os seus orzamentos de miles de millóns de dólares, os masivos levantamentos populares e os movementos emerxentes.

Impóñense varias observacións teóricas. Demostrouse que a idea duns gobernantes ferozmente represivos que reciben miles de millóns de dólares de axuda militar de EUA e que contan con preto dun millón de policías, militares e paramilitares para garantir a hexemonía imperial non é infalíbel. A suposición de que manter vínculos a gran escala e longo prazo con tales gobernantes ditatoriais salvagarda os intereses imperiais de EUA foi refutada.

O globo da arrogancia de Israel e a presunción de superioridade xudía en materia de organización, estratexia e política sobre “os árabes”, foi seriamente picado. O Estado de Israel, os seus expertos, os seus axentes encubertos e os seus académicos das mellores universidades estadounidenses permaneceron cegos ás realidades emerxentes, ignorantes da profundidade do descontento e impotentes para evitar a oposición masiva aos seus clientes máis valiosos. Os publicistas de Israel en EUA, que non adoitan resistirse a calquera oportunidade de glosar a “brillantez” das forzas de seguridade de Israel tanto se se trata de asasinar a un líder árabe en Líbano ou Dubai ou bombardear unha instalación militar en Siria, quedaron temporalmente sen fala.

A caída de Mubarak e o posíbel xurdimento dun goberno independente e democrático significarían que Israel podería perder o seu principal aliado policial. Unha opinión pública democrática non vai cooperar con Israel no mantemento do bloqueo de Gaza nin condenar aos palestinos a morrer de fame para crebar a súa vontade de resistir. Israel non poderá contar cun goberno democrático para apoiar as súas violentas ocupacións de terras en Cisxordania e o seu réxime monicreque palestino. Tampouco podería contar EUA cun Exipto democrático para apoiar as súas intrigas en Líbano, as súas guerras en Iraq e Afganistán ou as súas sancións contra Irán. Por outra banda, o levantamento de Exipto serviu de exemplo para outros movementos populares contrarios a outras ditaduras clientes de EUA en Xordania, Iemen e Arabia Saudita. Por todas estas razóns, Washington apoiou o golpe militar co fin de dar forma a unha transición política de acordo co seu gusto e os seus intereses imperiais.

O enfraquecemento do principal alicerce do poder imperial de EUA e do poder colonial israelí no Norte de África e Oriente Próximo pon de manifesto o papel esencial dos réximes colaboradores do Imperio. O carácter ditatorial destes réximes é un resultado directo do papel que desempeñan en defensa dos intereses imperiais. E os grandes paquetes de axuda militar que corrompen e enriquecen ás elites dominantes son as recompensas pola súa boa disposición a colaborar cos estados imperiais e coloniais. Dada a importancia estratéxica da ditadura exipcia, como explicar o fracaso das axencias de intelixencia de EUA e Israel para anticipar as revoltas?

Tanto a CIA como o Mossad colaboraron estreitamente cos servizos secretos de Exipto e baseáronse neles para a súa información, confiando nos seus conformistas informes, segundo os cales todo estaba baixo control. Os partidos de oposición son débiles, están decimados pola infiltración e a represión, os seus militantes languidecen no cárcere ou sofren fatais “ataques ao corazón” por mor de severas “técnicas de interrogatorio”, afirmaban. As eleccións foron manipuladas para elixir os clientes de EUA e Israel, de modo que non houbese sorpresas democráticas no horizonte inmediato ou a medio prazo.

Os servizos secretos exipcios son adestrados e financiados por axentes israelís e estadounidenses, e teñen unha natural tendencia a compracer a vontade dos seus amos. Eran tan obedientes para producir informes que compracesen aos seus mentores, que ignoraban calquera información sobre un crecente malestar popular ou a axitación vía Internet. A CIA e o Mossad estaban tan incrustados no vasto aparello de seguridade de Mubarak que foron incapaces de obter calquera outra información sobre os movementos populares, descentralizados e florecentes, todos eles movementos independentes da oposición electoral tradicional que controlaban.

Cando os movementos de masas extraparlamentarios estalaron, o Mossad e a CIA contaban co aparello estatal de Mubarak para tomar o control a través da típica operación da cenoria e o pau: dar concesións simbólicas transitorias e sacar á rúa ao exército, a policía e os escuadróns da morte. A medida que o movemento crecía de decenas de miles por centos de miles e a millóns de persoas, o Mossad e os principais congresistas estadounidenses partidarios de Israel instaban a Mubarak a “aguantar”. A CIA limitouse a presentar á Casa Branca os perfís políticos de funcionarios militares fiábeis e de personaxes políticos flexíbeis, “de transición”, dispostos a seguir os pasos de Mubarak. Unha vez máis, a CIA e o Mossad demostraron a súa dependencia do aparello estatal exipcio para conseguir información sobre quen podería representar unha alternativa viábel pro estadounidense e israelí, facendo caso omiso das esixencias elementais das masas. O intento de cooptar á vella garda electoralista dos Irmáns Musulmáns a través de negociacións co vicepresidente xeral Omar Suleiman fracasou, en parte debido a que os Irmáns Musulmáns non tiñan o control do movemento e en parte debido a que Israel e os seus seguidores estadounidenses opuxéronse. Por outra banda, a á xuvenil dos Irmáns presionou para que a organización se retirase das negociacións.

Os fallos en materia de intelixencia complicaron os esforzos de Washington e Tel Aviv de sacrificar o réxime ditatorial para salvar o Estado: nin a CIA nin o Mossad tiñan vínculos con ningún dos novos líderes emerxentes. Os israelís non puideron achar ningún “novo rostro” que tivese un seguimento popular e que estivese disposto a desempeñar o pouco decoroso papel de colaborador da opresión colonial. A CIA estivera totalmente comprometida no uso dos servizos secretos exipcios para torturar a sospeitosos de terrorismo (as “entregas extraordinarias”) e na vixilancia dos países árabes veciños. Como resultado, tanto Washington como Israel buscaron e promoveron o golpe militar para adiantarse a unha maior radicalización.

En última instancia o fracaso da CIA e o Mossad para detectar e previr o xurdimento do movemento democrático popular pon de manifesto a precariedade das bases do poder imperial e colonial. A longo prazo, non son as armas, os miles de millóns de dólares, a policía secreta, nin as cámaras de tortura as que deciden a historia. As revolucións democráticas prodúcense cando a gran maioría dun pobo se alza e di “basta”, toma as rúas, paraliza a economía, desmantela o Estado autoritario e esixe liberdade e institucións democráticas sen a tutela imperial ou a submisión colonial.

¦¦ Tirado de Rebelión

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: