Inicio » Formación, PGP » Xosé Ramón Reboiras: espello de militantes

Xosé Ramón Reboiras: espello de militantes

PERFIL POLÍTICO

Moito se ten falado de Reboiras e poderiamos dicir que todo o dito é tan superficial coma o descoñecemento mesmo que da súa historia e pensamento político teñen aqueles que non tiveron reparos a utilizalo con fins burdos.

Moi poucos son os que coñeceron o importante labor que Pepe Reboiras (o de “Moncho” sería posterior) levou a cabo nos intres en que a UPG escomenzaba a revitalizarse, nunha segunda xeira política. E tanto é así que chégase á mitificación da súa persoa descoñecendo os intres da meirande importancia, desde o punto de vista histórico, que tivo a UPG. Tamén hai que dicilo todo, moitos dos que “agora falan ben del”, parodiando ao poeta que canta a Castelao, noutrora chatárono das piores cousas. Non foron poucas as intrigas dalgúns para desfaceren o labor que Pepe Reboiras levaba adiante, como parte dun plantexamento ambicioso que a dirección política se propuxera: espallamento, consolidación, e reestruturación, que serviría como base para artellar ese grande edificio, que naquel intre pretendía dinamizar e impulsar ao movemento nacional-popular (no seu senso teórico; e non cos vencellos de propiedade que hoxe se lle quere dar a algo que é o resultado dunha manchea de forzas sociais e políticas).

Para unha obra de semellante envergadura comprían arquitectos rexos e entregados a unha laboura senlleira e longa. Moi poucos arrimaron os ombreiros. Foron moitos os que non tiñan fe naquel proxecto e mantíñanse alonxados da primeira liña. O trafego era tanto que o traballo preguiceiro e esquivo daqueles que estiveron, nembargantes, ao axexo de calisquera erro para emendar a plana e xustificar a súa cínica insolidariedade que non ía máis aló dunha conferencia.

Por mor destas actitudes Pepe Reboiras tería que sufrir incomprensións e intrigas. O que máis lle fería aos pequenos burgueses ía ser o xeito de comportamento que os militantes deberían ter na súa vida cotiá.

Enver Hoxha, o líder do Estado Albanés, tiña sido un dos seus predilectos guieiros. Todos coñeciamos aquela obra de Enver Hoxha que lía e relía o noso compañeiro; precisamente por mor dunha conduta militante e revolucionaria algúns arremeteron con saña por considerar aquelas ensinanzas, alí onde derradeiramente desenrolara a súa actividade política, como propias de neuróticos. Non é de estrañar que se dixeran estas cousas cando temos ouvido outras gabándose “de ser cada día menos marxistas”. Pero daquela fracasaron os intentos liquidacionistas de quen xa propoñían “facer o mesmo que a Junta Democrática”, ao querer poñer panza arriba unha UPG que estaba desenrolándose en base a uns ritmos preestabelecidos. Os argumentos dos reformistas consideraban que era o intre indicado para abandonar toda a loita mantida (incluída a incipiente no eido militar), para se inxertar no camiño do pacto, que logo, co pasar do tempo, consumaron. Son os actuais xefes do Bloque.

A estes, Pepe Reboiras dicíalles que a UPG non debería abandoar endexamais, por algúns cambios que houbera. A loita de liberación nacional sería un obxectivo a conquerir con todos os xeitos de loita acordados, e endexamais poderiamos desbotar, baixo calquera concepto, formas de loita inevitábeis na conquista da independencia de Galiza.

Claro está que estas verbas eran escoitadas con cinismo por aqueles que quixeran ter convertido o auténtico partido comunista galego nun lameiro de doutrinas inconclusas e cheas de lagoas intencionadas.

A relación Frente-Partido non se admitía máis que como unha mera fórmula; o seu populismo dereitista foi o que tencionaba asolagar o medre dun partido comunista de liberación nacional, que con xeitos revolucionarios estabamos a construír. A creación mesma da ANPG ía ser o trampolín ideal para afogar unha estrutura de cadros políticos educados no marxismo-leninismo, e non na vaguidade da defensa do idioma unicamente, como fan os pseudo-louvadores do compañeiro Pepe Reboiras.

Foron varias as ocasións nas que o proxecto populista tiña agromado e outras tantas impedido por mor dunha intuición, dunha “corazonada” (a pesares do pouco “marxista” que ten o termo intuición, segundo toda esa caste dos suevos, vándalos e alanos, que de todo hai), de que aquel proxecto. Válido en teoría, pero inoportuno dado quen ían ser os seus condutores, serviría para aconchabarse nun eido organizativo e afogar o Partido (non hai máis que lembrar un CEIBE do mes de agosto do 76, para ollar como a ANPG falaba de “socialismo”).

Pois ben, este sarillo de zigs-zags para alterar todo o proceso de construción da vangarda do movemento nacional-popular (dicíanos somente vangarda), constitúe hoxe, xa que logo, o remate dunha obra destinada a derrubar todo un programa de actuación política do que participaba Pepe Reboiras, co meirande entusiasmo. Un programa amplo no que se conxugaría o movemento obreiro co labrego; o movemento cultural co estudantil; o noso partido (daquela decíamos “Organización”) con outras forzas políticas que inevitabelmente xurdirían no País por mor de vontades alleas a nós. Había que estruturar todo de tal xeito, que faramolo pasar por uns ritmos e unhas prelacións, que ficaron abondo claras cando as conversas de Galicia Socialista coa UPG, cara á fusión; que serviron de guieiro para as conversas, tamén, coa Organización Obreira no ano 72.

Precisamente o plantexamento nidio que o sector máis dinámico e revolucionario do Cumio Executivo tiña, foi o que callou en amplos sectores da vangarda do movemento obreiro naqueles intres. Sen canseira e con claridade Pepe Reboiras, integrante da comisión que negociou a fusión de Galicia Socialista e Organización Obreira coa UPG, foi o grande defensor dun proxecto político cobizoso e hoxe derrubado polo chan.

“Os que agora falan ben del” denantes tivérono aldraxado con calificativos noxentos, pero para el só contaba o traballo arreo para dar cabo a esa obra inconclusa do que debería ser a vangarda do movemento nacional-popular, ou dito noutras palabras, a vangarda revolucionaria do movemento nacional-popular.

NOTA BIOGRÁFICA

Xosé Ramón Reboiras Noia, naceu en Dodro-San Xoán de Laíño, provincia da Coruña, o 26-I-1950. Aínda moi novo trasladouse coa súa familia a Vigo, ao barrio de Teis. O seu pai traballaba como navegante e a súa nai rexentaba un pequeno bar. Ingresa no Instituto de Ensino Medio Santa Irene, en 1960, e cursa alí o bacharelato. Nos derradeiros cursos forma parte dun grupo xuvenil galeguista independente e asiste regularmente aos actos da Asociación Cultural de Vigo, dirixida pola esquerda nacionalista e inclinada á liña da UPG. En 1969 ingresa na organización da UPG. Até a súa morte traballaría incansábel no seu seo, iniciándose no labor de concienciación e organización da Escola de Peritos, na que se gradúa. Nos derradeiros anos dos seus estudos deslígase da súa familia para mellor servir á organización, e traballa como obreiro.

No ano 1971, un infiltrado do españolismo chamado Pepe Torres, estudante de Monforte, pretendeu transformar a UPG nunha organización de masas dependente dun grupúsculo “comunista” madrileño. Reboiras formou parte activa da militancia que resistiu con firmeza tales manobras e contribúe ao desenmascaramento e expulsión de dito personaxe. E foi a partir da crise de Pepe Torres que, en asemblea extraordinaria celebrada na Asociación Cultural de Vigo aquel mesmo verán, a UPG elixe unha nova dirección composta de cadros novos, formados xa no seo da organización, que serán os que inicien o avance de cara adiante, superando a primeira fase desorganizada e indefinida da UPG.

Á vista da súa práctica militante e das súas capacidades, o Cumio Central chama ao seu seo a Reboiras no ano 1972. Ademais das responsabilidades normais de dirección e militancia, Reboiras participa nas discusións habidas con Galicia Socialista e Organización Obreira de que xa temos falado. Simultaneamente, traballa firmemente na construción dun sólido aparato de propaganda, instalando as prensas centrais da organización e responsabilizándose da impresión e difusión da prensa.

Ao mesmo tempo, Reboiras escribe, cun estilo cinguido e minucioso, artigos como os que no “Terra e Tempo” de maio de 1972 informan do proceso de “Barreras” e, en setembro, do iniciado en “Citroen”. A el tamén se lle deben folletos importantísimos na historia do noso partido, como foron “Medidas de seguridade” e “Un mes de represión en Galicia”, considerado unha fonte moi importante para o coñecemento da historia das loitas antifascistas.

No ano 1973 prodúcese un intento de escisión na UPG. Un home chamado Manuel Mera Sánchez (“Americano”) logra gabear até o Cumio Central, ao tempo que desenrola unha grande actividade organizativa entre o estudantado universitario. Deseguida plantexa, a base de intrigas e mentiras, a creación dunha nova organización “verdadeiramente” “comunista”, basada na idea de levar á práctica en Galiza a “guerra popular prolongada” e cousas así. Moitos estudantes seguiron ao “Americano” na súa aventura. Reboiras foi encargado de cortar o proceso escisionista nos lugares onde se producíu, e foi discutindo o infantilismo das teses do traidor Mera en todas e cada unha das células de estudantes. Mera ficou isolado e fixo, máis adiante, outro intento de creación dunha organización “superrevolucionaria”. Hoxe é un home de confianza dos dirixentes pequenoburgueses do Bloque, ostentando cargos importantes na ING e no seu partido.

Unha vez acadadas as condicións mínimas para abrir unha frente armada, Reboiras encargouse a finais do 1973 da súa execución. Organizou e exercitou as accións que se fixeron, así como planificou o aparato de apoio. En 1974, cando se dirixe cun comando a realizar unha acción, o seu coche é seguido pola GC, que lle dá o alto. El desvíase por unha estrada forestal. Desce do coche e pon en fuga aos gardas con fogo de pistola. Rodeado o monte en que se agachaba por centos de gardas civís, foi rescatado e posto a salvo por un comando armado. Identificado a partir de entón pasa á clandestinidade.

Xa na clandestinidade, Reboiras anima e dirixe o proceso de creación de xermes sindicais que, co tempo, terían que ir dando lugar a verdadeiros sindicatos de dirección galega. Dirixe os xornais obreiros “Xerme” e “Eixo” e participa na primitiva estruturación do SOG. O mesmo nome “Sindicato Obreiro Galego” foi unha creación súa, seguindo a liña desenrolada pola organización en “Terra e Tempo” (1972) baixo o rubro de “Partido-Sindicato”.

Reboiras atópase no Ferrol o día 12-VIII-1975, nun piso da organización, xunto con dous compañeiros. Acaban de ser detidos varios militantes da UPG en compaña dos homes de ETA, Villanueva e Goitia, na provincia de Lugo. Alguén bule a cantar o piso do Ferrol, e horas máis tarde nesta cidade non funcionan as chamadas telefónicas de seguridade, os ocupantes do piso síntense rodeados. Os outros compañeiros foxen e refúxianse nun piso, onde os agachan e sálvanse. Reboiras so, colle outra dirección; é tiroteado por unha compañía da Policía Armada, non atopa lugar onde cobexarse; responde ao fogo do inimigo coa súa pistola. Morre, finalmente, acribillado. Os “patriotas” pequenoburgueses viron un obstáculo menos no seu camiño, e preparáronse para controlar toda a UPG e convertila no que hoxe é.

Artigo publicado no número 2 do Sempre en Galicia, voceiro do Partido Galego do Proletariado (PGP), en febreiro de 1979.

Etiquetas: ,