Inicio » Nacional, Solidariedade » Non ao ataque imperialista en Libia!

Non ao ataque imperialista en Libia!

Perante a invasión de Libia por parte das potencias imperialistas, o Comité Central da Frente Popular Galega quere manifestar o seguinte:

a) A decisión de invadir Libia é consecuencia da situación de crise enerxética dos Estados e das corporacións supraestatais capitalistas na súa fase imperialista terminal e desesperada. O país norte-africano é un dos maiores produtores de petróleo e, desde o 2009, o Congreso Popular libio aprobou a completa nacionalización e xestión popular dos seus recursos petrolíferos, algo que o imperialismo non está disposto a permitir de xeito algún. É, polo tanto e sen lugar a dúbidas, outra guerra por petróleo.

b) A escusa de “defender á poboación” por parte do antidemocrático e malchamado Consello de Seguridade da ONU resulta completamente cínico e hipócrita se lembramos a completa pasividade dos mesmos actores ante os impunes e inmunes masacres, crimes e bloqueos do Reino de Marrocos sobre os civís do Sáhara ou do Estado Sionista de Israel sobre o pobo indefenso de Gaza, por pormos só dous exemplos dos máis recentes. Non se vai parar un suposto masacre con outro masacre maior.

c) A esperpéntica escenificación de aprobación no Congreso dos Deputados en Madrid do apoio á invasión por parte do Estado Imperialista Español amosa o control absoluto da oligarquía sobre os partidos do réxime (PP-PSOE), partidos apéndices e medios de comunicación do sistema. Como se víu coas recentes reformas anti-obreiras, todo ven cociñado desde arriba, desde organismos pseudodemocráticos como a OTAN, ONU, UE, FMI, BM ou G-8. Os gobernos lacaios, tan só teñen que obedecer submisos.

Desde a Frente Popular Galega manifestamos que debe ser o pobo traballador libio quen decida soberanamente sobre o seu futuro sen ningún tipo de inxerencias dos voitres do capitalismo internacional. Solidarizámonos profundamente cos traballadores e coas traballadoras de todos os países árabes e apoiamos as súas reivindicacións de democracia e soberanía nacional cara un horizonte de socialismo, laicismo e igualdade.

Comité Central da Frente Popular Galega

27 de marzo de 2011

Etiquetas: ,