Inicio » Outras voces, De economía » De reformas económicas e beneficios empresariais. Noticias para un relato da crise

De reformas económicas e beneficios empresariais. Noticias para un relato da crise

Empresas multinacionais que, nun contexto de crise económica, pulverizan todos as marcas de obtención de beneficios. Executivos destas grandes compañías que mentres apoian reformas que abaratan o despedimento sóbense o soldo. Gobernantes que viaxan por todo o mundo, acompañados polos maiores empresarios, para asegurar os negocios das compañías transnacionais que teñen a súa sede [neste] país. Exgobernantes que, para pechar o círculo, son contratados agora polas mesmas empresas que no seu día privatizaron. Nos últimos meses, as multinacionais españolas convertéronse nas protagonistas dunha sucesión de noticias como estas. Se se fixer o exercicio de poñelas todas xuntas unha detrás de outra, pode construírse, sen necesidade de demasiados comentarios, o relato dos gañadores e perdedores da crise actual. Iso é, precisamente, o que trataremos de facer a continuación. [1]

“En crise? Quen está en crise? Desde logo, o grupo Santander non”, dicía Emilio Botín, presidente da maior entidade financeira española, ao anunciar a compra dun banco inglés en pleno boom da crise económica global. [2] A principios do ano pasado, Botín mostrábase exultante ao presentar os números do banco: “Se agardan escoitar malas noticias, equivocáronse de sitio. Só ouvirán boas informacións porque os resultados son magníficos”. [3] Xa en febreiro deste ano, o banqueiro volvía sacar peito polos resultados da compañía: “O Banco Santander logrou completar un ano excelente”.

De igual maneira, as maiores empresas multinacionais españolas tamén aumentaron as súas ganancias no último ano. Para comprobalo, algúns titulares recentes: “Telefónica supera os 10 000 millóns de beneficio”; “Repsol YPF triplica beneficios pola venda de activos e a suba do cru”; “As empresas do Ibex gañaron un 22 por cento máis en 2010”. Hai uns días, o diario El País resumía esta situación con tres palabras: “Uns beneficios extraordinarios”.

I

“Zapatero acelera as reformas e os empresarios piden máis”; “Os empresarios esixen a Zapatero que non lle trema o pulso”, dicían as portadas ao día seguinte da reunión que tivo o presidente en Moncloa, a finais de novembro de 2010, cos 37 maiores empresarios [deste] país. “Hai que facer reformas, por impopulares que sexan. E se se sobreactúa, non pasa nada”, afirmaba Rodrigo Rato, presidente de Caja Madrid. Ao remate daquel encontro, Zapatero comparecía ante os medios e deixaba clara a mensaxe: “O Goberno comprometeuse con seguir coas reformas estruturais e a algo máis, a realizalas coa máxima celeridade”. Efectivamente, unha semana despois, o Consello de Ministros aprobaba o novo plan anticrisis: “Zapatero privatiza aeroportos e elimina a axuda de 426 euros”.

O 2 de febreiro, o Goberno, a patronal e os sindicatos maioritarios asinaban o acordo de reforma do modelo de pensións. “O pacto é unha mensaxe de confianza a España e á UE”, dicía o líder do Executivo, mentres Francisco González, presidente do BBVA, afirmaba: “O pacto social é bo pero non suficiente. Hai que facer máis fotos e con máis xente porque queda moito traballo por diante. (…) Hai que sacrificarse e facer do país un país de progreso”, dicía, á vez que pedía “unha reforma laboral de verdade”.

Un día máis tarde, as medidas económicas do Goberno recibían o apoio internacional coa visita de Angela Merkel ao [noso] país: “España está en moi bo camiño”, dicía a chanceler alemá nunha cea cos presidentes de compañías como Telefónica, Iberdrola e Acciona. E, ese mesmo día, Emilio Botín mostrábase “contento de como están a ir as cousas” e da “rapidez das medidas”, que “son magníficas”.

“A gran empresa únese para propor medidas contra a crise. 17 compañías forman o Consello Empresarial para a Competitividade”, podiamos ler en Público a finais de febreiro. “O noso nome é a competitividade e o noso apelido, a economía española”, afirmaba César Alierta, presidente de Telefónica e do recentemente creado think tank empresarial, cuxo labor será “facer todo o que estea nas nosas mans para que as medidas, cambios e reformas a tomar co obxectivo de mellorar a economía se fagan de forma decidida”.

II

“Dotar dun marco xurídico aos investimentos, que garanta a estabilidade dos mesmos e que atraia outros investimentos no futuro”. Nas súas propias palabras, ese era o principal obxectivo da viaxe que levou á ministra de Asuntos Exteriores a Bolivia en outubro do ano pasado. “Jiménez pide a Bolivia estabilidade para as empresas españolas”, dixo a prensa, e é que reclamou ao seu homólogo boliviano unha maior seguridade xurídica para os negocios que teñen no país andino multinacionais como BBVA, Repsol, Abertis e Santillana. “O goberno traballa en beneficio dos pobos”, dicía entón Trinidad Jiménez.

É certo que noticias deste tipo adoitan darse ao longo de todo o curso político, mais tamén é verdade que se incrementaron nos últimos tempos: ante a recesión económica que se vive no Estado español, as multinacionais decidiron afanarse noutros mercados para seguiren incrementado os seus resultados. [4] E niso tivo moito que ver o apoio do Goberno español a través da acción exterior e as relacións diplomáticas: “León sae de cazaría. Zapatero confía ao secretario de Estado a procura de contratos polo mundo” (El País, xuño de 2010).

Así, multiplicáronse as visitas de membros do executivo e da Casa Real a outros países chave para os intereses das empresas españolas. Citando só as viaxes máis recentes, un breve reconto: en febreiro, “O ministro Blanco parte ás Américas”; ese mesmo mes, unha delegación parlamentar viaxou a Guinea Ecuatorial: “É moitísimo máis o que nos une que o que nos separa”, podía lerse nos xornais que lle dixo José Bono a Teodoro Obiang; en marzo, o presidente do Goberno visitou dous países do Golfo Pérsico: “Zapatero consegue en Qatar 3 000 millóns de euros en investimentos” e “Emiratos Árabes investirá nas caixas 150 millóns”.

Con idéntico propósito producíronse viaxes en sentido inverso. En xaneiro, visita a España do viceprimeiro ministro chinés: “Acordos comerciais por 5 650 millóns” cos que “España pecha contratos no sector de enerxía, finanzas e alimentación”; en marzo, Sebastián Piñera dicía no Foro Nova Economía que “Chile ten un status xurídico que garante un trato igualitario e amigábel tanto aos inversionistas estranxeiros como nacionais. Quixésemos ver moito máis investimento español no noso país”.

III

Quen saen beneficiados de toda esta bonanza? Pouco que engadir á simple lectura dalgúns titulares das últimas semanas: “Altos executivos a millón por cabeza”; “Os altos directivos do Ibex sóbense un 20 por cento o soldo”; “A austeridade no Ibex empeza a facer augas: os presidentes de Repsol e de Iberdrola gañan sete millóns”; “O presidente do BBVA gañará 4,97 millóns de euros en 2011”; “Amancio Ortega xubílase con 9.100 millóns máis que no peor momento da crise”.

Tamén saen moi ben parados os accionistas (“Telefónica pagará un dividendo marca de 7 300 millóns en plena crise”) e os exgobernantes que atravesaron as portas xiratorias: “Gas Natural incorpora ao seu consello ao expresidente Felipe González”; “Aznar ficha pola eléctrica que privatizou. Endesa contrata ao expresidente do Goberno como asesor externo para Iberoamérica”.

“Como pode ser que nun ano en que os beneficios empresariais achegáronse ao 25 por cento e os salarios apenas medraron un tres por cento non estoupase a revolución social?”. En 2005, o Colectivo Todoazen facíase esta pregunta en “El año que tampoco hicimos la revolución”, un libro escrito tomando como base unha sucesión de noticias de prensa sobre “despedimentos, beneficios de escándalo, corrupción financeira, medo laboral, reaxustes salvaxes, ganancias multimillonarias…”. Hoxe, seis anos despois, cuns niveis de desemprego que non deixan de medrar, un Goberno que outorga prioridade aos intereses “das nosas empresas” á hora de deseñar as súas políticas e uns empresarios convencidos do seu poder tras marcar as liñas mestras da economía española para os próximos tempos (di Botín que 2011 “volverá ser un ano excelente”), unha inquedanza similar xorde cada vez con máis forza: será que este ano tampouco poderemos facer nada por cambiar esta situación?

NOTAS:

[1] Todos os titulares e citas de prensa que aparecen neste artigo, a non ser que se indique o contrario, pertencen a noticias publicadas durante o último semestre nos diarios Público, El País, El Mundo e Expansión.

[2] “O Santander desafía a crise coa compra dun banco hipotecario inglés”, El País , 15 de xullo de 2008.

[3] “España, Brasil e o Reino Unido manteñen o beneficio do Santander”, El País , 5 de febreiro de 2010.

[4] E de seguro lográrono: na actualidade, os negocios no estranxeiro repórtanlle ao Banco Santander o 85 por cento dos seus ingresos, a Inditex o 70 por cento e a Telefónica o 68.

¦¦ Fonte: Observatorio de Multinacionais en América Latina

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: ,