Inicio » Nacional, Día da Patria 2002 » De FRENTE pola República Galega

De FRENTE pola República Galega

Hoxe, as multitudes de Galiza mobilízanse polo dereito da Nación a se facer dona dela mesma. A FPG declara que non hai outra forma de nacionalismo galego que o independentismo.

So o signo da violencia planetaria, exercida por uns EEUU que están a reducir a cinsas o Dereito e a impoñer a súa ditadura militar en todas partes, Europa ve como fracasa a utopía da súa unión. Dentro desa Europa que nós nunca quixemos, imos perdendo e perderemos máis. A carestía da vida acentúase e dos organismos non democráticos de Europa só nos chegan, como é o caso da Pesca e da Gandeiría, novas que agoiran a nosa ruina económica.

De gardián ao servizo do imperio, o PP en Madrid e Compostela, son a extrema dereita que nos impide medrar, ser libres e autodeterminarnos. Coa súa política de bilingüismo harmónico, a Xunta está a asasinar o noso idioma e a nosa cultura. Coa nova Lei de Partidos, intentan reprimir a liberdade de pensamento, asociación, prensa, expresión.

Por outra parte, unha fracción do nacionalismo galego, a que se congrega no BNG, acentúa os seus caracteres sectarios e de ditadura interna ao mesmo tempo que rebaixa ao máximo as súas aspiracións autodeterministas. Aceptan a dominación española e, mesmamente, co achegamento Fraga/Beiras, renuncian ás posicións antifascistas que antano servían para diferenciar a decencia e indecencia políticas.

Nesta hora na que a Folga Xeral coñeceu en todas as cidades de Galiza un éxito total e as mobilizacións máis grandes da historia do movemento obreiro, a FPG séntese máis ca nunca na necesidade de declarar que a nosa INDEPENDENCIA e o SOCIALISMO no mundo, e a igualdade, a xustiza e a democracia verdadeira, só serán posibles se o proletariado encabeza os procesos de liberación.

A FPG chama a todos e a todas á unidade, á organización. Declara, hoxe, a necesidade de facer partido, pois nestes intres de máxima dificultade, xa non é posible ser nacionalista e non estar organizado.

O inimigo é poderoso: o Estado Español, a Unión Europea, os EEUU, unha burguesía local e global cobizosa e sen máis lei cá do lucro. Unimos as nosas forzas ás que no mundo enteiro se enfrontan a este estado de cousas.

INDEPENDENCIA E SOCIALISMO!!!

25 DE XULLO DE 2002

Etiquetas: