Inicio » Nacional, Día da Patria, Día da Patria 2003 » Contra o imperialismo: República Galega

Contra o imperialismo: República Galega

A todo o pobo traballador de Galicia:

Unha vez máis, a FPG comparece perante as galegas e os galegos. Quere o noso Partido facer diferentes consideracións, na espera de que sexan tomadas en conta.

Na memoria de todos está a resposta dos galegos á catástrofe marítima ocasionada polo naufraxio do “Prestige”. Todos lembramos o clamor popular e a posta en vigor das nosas mans e dos nosos brazos en defensa da Natureza, sen agardar, como dicía Ramón de Valenzuela, por ninguén. Milleiros de homes e mulleres puxeron en acción a súa intelixencia, os seus medios económicos, a súa razón colectiva, os seus músculos, para defender o mar e a costa.

Estes homes e mulleres, mariñeiros e non mariñeiros, estiveron sós, coma no poema náutico de Manuel Antonio. O Estado español desapareceu durante meses, non sendo para mentir, desfigurar, degradar con palabras falsas a terríbel situación. A Xunta tamén se eclipsou. Houbo un apagón de poder que foi substituído pola auto-organización das masas nacionais, axudadas leal e desintesadamente por un número incalculábel de internacionalistas solidarios que viñeron axudar a nosa Patria nesta hora de adversidade.

Os que quixeron entender entenderon: nin as millas marítimas de exclusión nin a zona marítimo-terrestre nin os grandes portos son competencia da Xunta de Galicia. Pertencen a España e adminístraas o Goberno español. O chamado polo BNG e polos partidos españois “autogoberno galego” non é tal: é só un xoguete sen categoría operativa en ocasións importantes como foi a catástrofe do “Prestige”. Cando nós pedimos Independencia, pedimos tamén cousas tan concretas como sermos donos do noso mar e da nosa costa.

En todo caso, o pobo galego soubo que estaba desasistido e só, confiou nas propias forzas, púxoas en acción, e tivo unha experiencia de poder popular que dificilmente vai esquecer.

Pouco despois, multitudes activas do noso pobo uníronse ao clamor mundial contra a agresión imperialista, secundada polo goberno de Aznar, contra o pobo árabe de Iraq. Tendo a FPG puntos de vista propios, baseados no recoñecemento como lexítimo o goberno do Partido Socialista Árabe Baath, sumouse ao conxunto dos que reclamaron e reclaman unhas relacións internacionais fundamentadas na igualdade dos pobos e no diálogo. A mobilización dos galegos e das galegas contou co noso contributo leal.

Apoiou a FPG a plataforma Nunca Máis e estivo en todas e cada unha das mobilizacións con todos os seus efectivos e toda a súa influencia.

Pero non podemos senón dicir que a organización interna de Nunca Máis sufriu unha presión manipuladora do BNG e traballou cunha estrutura verticalista e escasamente democrática. Isto demostrouse especialmente no intre en que se lle negou a entrada a colectivos e grupos tachados garzonianamente de “violentos” ou de “independentistas”. A estas manobras opúxose, ficando en minoría, a FPG e, con ela, outras organizacións sociais ceibes.

Igualmente, debemos dicir que a Coordinadora Galega pola Paz non contou coa FPG, a pesar do cal estivemos presentes activamente en tódalas convocatorias. E estivemos presentes a pesar do repugnante que nos resultou a utilización polos seus organizadores burocráticos de textos esotérico-místicos en castelán de Paulo Coelho, a selección de intelectuais destacados na súa posición anti-castrista e a ocultación que se fixo nos mitins finais da agresión imperialista contra Iugoslavia. Fomos humildes, pero non podemos estar por máis tempo calados, porque non somos parvos e a Coordinadora Galega pola Paz, no día de hoxe, oculta que a guerra defensiva do pobo de Iraq continúa. Nós estamos cos actuais combatentes populares de Iraq e a favor da súa violencia patriótica contra os invasores.

Nunca Máis e Coordinadora Galega pola Paz foron marcos utilizados, de distintas maneiras, polo BNG con intereses electoralistas. O primeiro estivo dirixido pola forza hexemónica UPG, o segundo pola marxinal interna UG. Nos seus fins tácticos ambas fracasaron: quen recibiu o proveito electoral das mobilizacións polo “Prestige” e contra a guerra foi o PSOE.

Nós celebramos que nas pasadas eleccións municipais retrocedese en número de votantes o PP e aumentase o BNG, así como sabemos que o incremento, moito maior, do PSOE significa en Galicia un retroceso da dereita de raíz franquista. Tamén interpretamos a proliferación de candidaturas independentes como unha amósega da degradación interna do PP e da creba de autoridade de Fraga Iribarne. Vemos con moi bos ollos a perda de respaldo dos alcaldes maioritarios absolutos, así como celebramos que os de esquerda real, como os independentes de Oleiros e Narón, non só non minguaron en apoios senón que aumentaron estes. Como tamén estamos satisfeitos dos resultados obtidos pola FPG alí onde acordou presentarse: en Cangas, onde revalidou, con moitos máis sufraxios ca no 1999, o noso portavoz nacional Mariano Abalo, e en Arteixo, onde acadou niveis de aceptación para moitos inagardados. Interpretamos os votos nulos, os votos brancos e unha taxa imprecisable de abstención como demostracións políticas de rexeitamento ao sistema político monárquico e non independentista que, todos a unha, PP, PSOE, BNG sosteñen abertamente.

En canto ao futuro da plataforma Nunca Máis, nós propoñemos, de non constituírse nun polo electoral puntual contra o PP, que se convirta nun movemento unitario da esquerda para a reivindicación social e nacional.

A FPG contempla con preocupación a deriva, desnorteamento e progresiva indefinición ideolóxica e política do BNG en materia social e de afirmación nacional. Pensamos que esa forza do nacionalismo se encontra nun cruzamento de camiños histórico. Ou ben se orienta cara un claro perfil de alianza de clases con predominio dos intereses dos traballadores, ou ben persiste no seu soño de absorber camadas propietarias e empregadoras. Así mesmo tería o BNG que orientarse a unha política de alianzas coa esquerda nacionalista ou permanecer no soño morboso de eles seren os únicos nacionalistas presentes neste país.

O BNG, superado polo PSOE no plano electoral, diminuído polo independentismo marxista e polo republicanismo no ideolóxico e cultural, desputado duramente no eido sindical, deberá saír da súa autosuficiencia inmobilista se é verdade que o seu horizonte é… ¿a soberanía nacional de Galiza?

A FPG tamén debe emerxer da onda de mobilizacións (LOU, “Prestige”, Guerra) reorganizándose internamente, sobranceando a testemuñalidade, acentuando a súa presencia on line na rede desde a súa web e nas que lle sexan abertas, difundindo os documentos políticos e facendo máis e máis presentes os seus militantes no sindicalismo, na fronte cultural, na práctica teórica, no municipalismo, na defensa da Terra e da Natureza, no movemento da mocidade, na avangarda da recuperación do idioma propio. No debate político aberto, en suma. Estamos en todos eses sitios, pero debemos incidir con maior persistencia, agudeza, dureza, e cunha firmeza baseada na conciencia da validez do noso razonamento e da nosa convicción.

A FPG sábese parte do combate mundial anti-imperialista e anti-capitalista, e considera que o seu obxectivo estratéxico é a abolición do sistema dominante e a liberación dos traballadores, das traballadoras e dos pobos asoballados, entre os que se encontra o noso.

A FPG proponlles ás galegas e aos galegos a asunción reivindicativa dun obxectivo: a República Galega Independente e Socialista como parte da revolución mundial.

O formarmos parte dunha España monárquica que non recoñece o noso dereito á Autodeterminación sitúanos contra a legalidade vixente. A consecución dos nosos fins políticos obríganos a tender as mans nos pasos inmediatos á esquerda nacionalista e á esquerda, en xeral; aquí e agora.

Neste 25 de Xullo saudamos co puño levantado as masas dos traballadores e a todo o pobo de Galiza e, máis unha vez, enunciamos a consigna única que libera:

VIVA GALIZA CEIBE E SOCIALISTA!

CONTRA O IMPERIALISMO: REPÚBLICA GALEGA!

En Galiza, a 25 de Xullo de 2003

Etiquetas: