CONSTRUÍNDO A NACIÓN DESDE A ESQUERDA
Sendo de condición traballadora a inmensa maioría dos habitantes que conformamos a nación Galicia, carecemos hoxe dunha representación política que responda aos nosos verdadeiros intereses como clase e como pobo. A coalición que ocupa desde hai case un ano o Goberno da Xunta non está respondendo ás expectativas creadas nin está poñendo as bases para unha solución profunda das nosas necesidades.
QUEN ABAIXO ASINAMOS consideramos imprescindible a expresión pública das reivindicacións conxunturais e de carácter estratéxico que indicamos neste documento; e, para reclamar o seu cumprimento, CONVOCAMOS A UNHA MANIFESTACIÓN UNITARIA NO DÍA DA PATRIA GALEGA DE 2006.
Non é cun proceso de reforma estatutaria de carácter propagandístico como se van resolver os graves problemas de Galicia. Non se dan as condicións políticas imprescindibles para abrir un debate que nace morto. Nin coa autonomía, aínda que fose no seu máis alto grao, as nosas eivas estruturais serían superadas.
A controversia non está na definición de Galicia como nación. A cuestión está na capacidade de Galicia para decidir, ou sexa, no exercicio do Dereito de Autodeterminación. Hai ben anos que Galicia está constitucionalmente definida como nacionalidade histórica, pero iso non serviu de gran cousa; lonxe de converxer con España e con Europa, diverxemos retrocedendo. O noso idioma, lonxe de robustecer a súa posición, precisamente entra en desuso.
O problema está na correlación de forzas, no carácter socio-político desas forzas, na súa vontade e decisión: se contemplan a necesidade dun cambio radical, ou se do que se trata é dunha acomodación ao sistema establecido. Ou sexa, se manda Madrid e o coro mediático, ou se decidimos facer unha política propia, emanada da propia nación, do propio pobo, do pobo traballador.
A esquerda, republicana e laica, superadora do neoliberalismo imperial non ten unha expresión orgánica nin, moito menos, institucional. Velaí o grande esforzo para agora mesmo. Non pode pasar máis o tempo por diante de nós. Cada período de catro anos, cada lexislatura representa un empeoramento relativo nas condicións de vida e de traballo, no espazo sociocultural, na vertebración política da nosa sociedade.
Deberiamos estar dando resposta á nova Reforma Laboral pactada por UGT e CCOO coa patronal e o Goberno, e non o estamos a facer coa contundencia necesaria. Movémonos na tesitura de apoiar gobernos -o de Touriño e o de Zapatero-, con tintes liberais e democráticos, fronte á caverna do PP; ou abrir un novo camiño para a esquerda.
Parécenos perfectamente asumible a irrupción dunha forza política resultante do entendemento entre colectivos e organizacións da esquerda nacionalista. A intervención de tal forza, lonxe de debilitar o campo democrático, había clarificar o espectro político da nación; sen dúbida que un goberno dos ditos “de progreso” había contar cos votos dos nosos parlamentarios. O que non se pode continuar é na indefinición e, moito menos, na dereitización.
Non aceptamos a opción GALEUSCAT-ZP, como sagazmente a bautizou un dos nosos debuxantes satírico-humorísticos máis preclaro; non é aceptable un posicionamento favorable ao estatuto de Cataluña, sen nación nin financiamento; non é de recibo un apoio permanente ao goberno do PSOE nas Cortes de Madrid.
Insistimos no rexeitamento deste falso debate estatutario. Sabemos que non vai dar de si nada substancial, e acabará por representar unha nova frustración. O que nós reclamamos é que se traballe arreo en buscar solución a cousas de agora mesmo:
*Saneamento político-administrativo (remoción de cargos políticos procedentes do PP e investigación a fondo de subvencións e corruptelas da Xunta anterior).
*Articulación dunha nova orde informativa (potenciando a radio e a TV públicas, e promovendo medios escritos tamén de titularidade pública).
*Instauración de políticas de emprego, en condicións de continuidade e de seguridade; reconstrución do Sector Público fronte ás políticas neoliberais de privatización.
*Acordo urbanístico nacional, a base dun urxente e amplo debate sobre as Directrices de Ordenamento do Territorio para Galicia, que garantan un planeamento autosostido e beneficioso para a vida e o progreso en concellos, parroquias e lugares, fronte á especulación e a información privilexiada.
*Inmediata reforma administrativa, tendo en conta as especiais características de asentamento poboacional: eliminación das provincias e das súas Deputacións; recoñecemento da parroquia.
*Política nacional de medio ambiente, afondando en medidas xa adoptadas por este novo equipo e promovendo outras novas.
*Refundación agraria e gandeira, e reformulación dos montes comunais.
*Atención especial ao ensino público. Laico e en galego.
*Sanidade pública. Liquidación dos concertos coas empresas privadas da saúde.
*Política de salvación da lingua.
Só unha política decidida, baseada no diálogo e na negociación, pero firme ao mesmo tempo, poderá facer cambiar o estado de cousas, colocando ás dereitas no seu lugar, e pasando as chamadas forzas de progreso a ostentar unha maioría suficiente para levar a bo termo o inxente labor de transformación que Galicia necesita para comezar a facerse valer no concerto das nacións, para entrar na senda que nos leve á constitución da República Galega do século XXI.
ASINANTES
Anxo Angueira
María Esteirán
Pedro Cortegoso Gago
Pepe Montenegro Villanueva
Xoaquín Freixeiro Álvarez
Carme Hermida Gulías
Afonso Ribas
Darío Xohan Cabana
Marcial Gondar
Francisco Fernández Rei
Antón Dobao
Chus Pato Díaz
Iván Prado
Manuel Ayán Díaz
Francisco Sampedro Ojeda
Henrique del Bosque Zapata
Antonio Ricón Rodríguez
Catuxa López Pato
Mariano Abalo Costa
Xosé Fco. Miranda Vigo
Manuel Domínguez Pereira
María Xosé García Gómez
Cati Collazo
Fátima Rodríguez
Xabier Cordal
X. L. Méndez Ferrín
Mariola González Fernández
Rosario Piñeiro Pastoriza
Manuel Igrexas
Xiana López Penedo
Francisco Currás Domínguez
X. Lois Romero Falque
Xosé M. García Crego
Xenaro García Suárez
Xosé Luís Regueira
Iria Sobrino Freire
X. L. Sebio Peña
Assumpta Vázquez Rodríguez
Paola Bar Franco
Susana Paz Díaz
Marcelo Couñago Lorenzo
Rosa Garrido Burgo
Mercedes Expósito García
César Lago
Ricardo Lourenzo
Jorge Fernández Bello
Xosé A. Laxe Martiñán
Mª Carme Feáns
Miguel Solla
Xoán Gabeiras
Íñigo Méndez
Xulio Fernández Alonso
Alberto Gonçalvez Herrero
Gonzalo González González
Manuel Camaño
Carlos Vázquez
Manuel Seixas
Fran Aneiros
Pancho Niño Ricoi
Xan Carballo
Xabier Xil Xardón
Ye Fernández Rodríguez
Oriana Méndez Fuentes
Moncho Lareu
Brais González
Daniel Salgado
X. Carlos Hidalgo Lomba
José Alberte Corral Iglesias
Santiago Martínez López
Moncha Fuentes Arias
Manuel Vidal Villaverde
Elvira Riveiro
Emma Lázare Rodríguez
Foad Alawi
Mª Teresa Viñas Neira
Sofía González Peña
Marisa Lázare Rodríguez
Raimundo Viejo Viñas
Gonzalo Araújo Sáinz
Isabel López Domínguez
Iago Alawi González
Xorxe Martínez
Mª do Carmo Lázare Rodríguez
Aitor Rivas
Begoña Martínez