Tal día como hoxe pasaron polas armas tras dun Consello de Guerra fraudulento a Alexandre Bóveda, no Monte da Caeira (Concello de Poio).
Pouco despois da nosa derrota na Guerra Civil Española, a Irmandade Galega (órgano político que sustituiu o Partido Galeguista no exílio), con Castelao á cabeza, instituiu a data como Día dos Mártires Galegos, que nalgunhas ocasións, e cos mesmos contidos, tamén foi chamado Día da Galiza Mártir.
A FPG asumiu o espírito dos fundadores da Irmandade: non conmemoramos só a morte violenta dun patriota nin só a inmolación dos moitos galeguistas que foron vítimas entre 1936 e 1975 (ano da morte de Moncho Reboiras); nós conmemoramos hoxe a todos os homes e mulleres que no tempo inicuo do franquismo, inermes ou coas armas na man, caíron baixo as balas da represión. Conmemoramos todas as vítimas galegas do antifascismo, fose cal fose o ideario que profesasen.
Tal e como Castelao ten escrito, Bóveda representa con enteira dignidade todos os mártires (el utilizaba este termo) que coa súa morte deron testemuña das conviccións liberadoras en Galicia: republicanos, nacionalistas, comunistas, anarquistas, socialistas, agrarios de esquerda,…
E por que representa Bóveda todos e todas os que perderon a vida a mans dos inimigos da vida?
Para a FPG Alexandre Bóveda foi un home de organización e de partido, práctico e teórico en materia, especialmente, de economía, de política e de finanzas públicas.
Por unha banda, Bóveda foi un dos autores principais do movemento de converxencia de grupos e individuos nacionalistas que se unificaron a finais de 1931 no que se configurou –cun programa nacional republicano e minimalista– como Partido Galeguista, aínda que moitos nacionalistas ficasen fóra del. Daquela, Bóveda foi un activo lider no proceso constitutivo galeguista unificado.
Por outra banda, a FPG quer enfatizar que no individuo Alexandre Bóveda actuaba de xeito radical e constitutivo a súa condición de fiel católico.
Esta súa condición non lle impediu apoiar a unión entre o Partido Galeguista e Izquierda Republicana (extremista laica) e, por conseguinte, cos partidos integrantes da Frente Popular española: republicanos, socialistas, comunistas,… A Frente Popular española era a expresión rexional da política que nos anos 30 preconizaban para Europa Dimitrov e Stalin desde a Komintern. Bóveda viu que este camiño de unidade antifascista era o único que se identificaba coa dignidade, a democracia e a liberación de Galicia.
Así, Bóveda foi protagonista no proceso de entrada do Partido Galeguista na Frente Popular en 1936. Non lle tremeu o pulso ao facelo nin coida, a FPG, que chorara moito porque esgrevias figuras galeguistas de dereitas, levados pola furia sectaria anticomunista, se separaran daquela do Partido Galeguista para formar unha Dereita Galeguista: Vicente Risco e Filgueira Valverde, entre outros. Pola contra, Alexandre Bóveda debeu de sentirse feliz cando Otero Pedrayo (católico coma el e coma el demócrata e nacionalista) se negou á escisión miserábel e ficou co Partido Galeguista.
Aprobado así o Partido Galeguista no cumio da Frente Popular e liberado do lastre dereitista, Bóveda foi un habelencioso timonel que soubo dirixir a bon porto o conxunto dos partidos frentepopulistas a conquerir a vitoria do SI no plesbicito do Estatuto de Automonía de 1936. Nas eleccións dese mesmo ano, o Partido Galeguista participou activamente na campaña electoral coa Frente Popular, que culminou coa derrota en Galicia e en España das dereitas, á súa vez coaligadas. Otero Pedrayo, o católico candidato galeguista da Frente Popular, representando a imaxe do antifascismo galeguista en Galicia e o católico Alexandre Bóveda, intimamente unido ao seu amigo o comunista Benigno Álvarez na dura campaña electoral de Ourense (frente a Calvo Sotelo), deberon espertar o odio e a ira da Igrexa Católica, da reacción, do fascismo e dos militares: eles non eran como Risco e como Filgueira!
Finalmente, cando o golpe de estado triunfa en Galicia o 20 de Xullo (e non o 18) de 1936, Bóveda resistíu. No nome do Partido Galeguista entrou ao Goberno Civil de Pontevedra. Prescindindo dun Gobernador pusilámine, Bóveda xuntouse a outros valentes de conciencia democrática e ocupou con eles o poder provincial; destacaremos a Zsbarsky (comunista) e a Guiances (socialista), aínda que foron máis. Con eles Bóveda constituiu o Comité da Frente Popular. Requisaron armas e organizaron continxentes. Pendurado do teléfono, Bóveda intentaba coordinar a resistencia. Falaba especialmente con Lois Soto e co Comité de Ponteareas. Con Tui, con Vigo. Con todos. Bóveda intentouno todo.
Finalmente os sediciosos triunfaron e os herois do Goberno Civil de Pontevedra foron presos. Bóveda, Zsbarski e Guiances, condeados a morte. Ao último foille conmutada a pena por condea perpetua; Bóveda e Zsbarski, fusilados.
Os fusilamentos por consello de guerra e os paseos encheron os noso campos de sangue. Falamos dun holocausto galego.
Alexandre Bóveda é hoxe emblema daquel holocausto horríbel. El está de forma privilexiada no corazón da Frente Popular Galega.