Inicio » Nacional, Movementos sociais » Posición da FPG sobre a catástrofe

Posición da FPG sobre a catástrofe

Asumimos as posicións consensuadas anti-PP de Nunca Máis, pero introducimos na doutrina común as nosas posicións de partido.

Primeiro: Non concordamos en que Nunca Máis lle negue a entrada a grupo ningún de carácter antifeixista, como se ten feito coa nosa opinión e os nosos votos, e os de outros, en contra.

Segundo: Insistimos en puntualizar as inconsecuencias do PSOE que outros silencian: piden a demisión de Fraga Iribarne e non a de Aznar, toleran o españolismo e cantonalismo de dereitas de Francisco Vázquez, presentan moción de censura no parlamentiño do Hórreo pero non na Carrera de San Jerónimo.

Terceiro: Denunciamos que a autonomía galega non é un verdadeiro autogoberno, posto que no decorrer dos acontecementos ficou claro para todo o pobo que a Xunta non ten autoridade nin sobre a franxa marítimo-terrestre, nin sobre as augas xurisdiccionais ou 200 millas de zona de exclusión, nin sobre os grandes portos, nin sobre a mariña de guerra e demais corpos armados, nin mesmo sobre o servizo de Protección Civil. A FPG nega a existencia dun poder galego, sequera mínimo, e considera ilícito usar o termo de “cidadáns” referido aos galegos: a penas somos súbditos do Reino de España. É o intre de afondar na propaganda independentista e de alicerzar na conciencia pública o feito de que Galicia é unha Colonia da Corte.

Neste sentido, e despois da Catástrofe, a FPG cre que nunca máis deberán ser usados os termos goberno, parlamento, cidadanía e outros semellantes, referidos á realidade autonómica galega. Facelo así, como o fan outros, contríbúe á anestesia, á mentira e a perpetuar o pobo galego na ignorancia do seu dereito á autodeterminación e á independencia.

Cuarto: Apoiamos o vivo sentimento de repulsa á Monarquía demostrado contundentemente en Vigo (inauguración do museo MARCO) e Compostela (inauguración da sede da Fundación Torrente Ballester). Corresponde á FPG liderar o movemento para acentuar o sentemento republicano, na idea independentista de República galega e non española.

Quinto: Denunciamos ao PP de Madrid e aos seus cipaios de Compostela como culpable, e apoiamos a súa supresión da politica, moi especialmente en Galicia, onde nos fan sentir envergoñados. Pero consíderámolos a penas marionetas movidas por fios que outras mans superiores manexan. A FPG fai énfase en apuntar o capitalismo máis transnacional, máis desrregulado, máis ligado ás estratexias financeiras superiores aos Estados vixentes, máis ávido de lucro sen control, máis neoescravista nas condicións de traballo do seu proletariado, máis alonxado do capital monopolista de Estado de antano e máis achegado á pura lei darwinista, como culpable da Catástrofe do Prestige. A FPG sinala o labirinto de empresas Crown Resources, Alpha Group e navieira Couloutros como artífice e culpable da Catástrofe: transportaban un cargamento barato, só rendible con barcos obsoletos e cunha tripulación escasa e tecnicamente non dotada; ademais, por unha costa, a nosa, onde o tránsito carece de controlo e regulamentación. O resultado foi o naufraxio e os culpables teñen nomes: Marc David Rich (antes Reich) e Mikhail Fridman, na cúpula do edificio capitalista do que depende o Prestige: dous dos homes máis ricos do mundo en cuxas nóminas é seguro que se encontran, entre outros, Juan Carlos de Borbón, a familia real de Grecia, o vigués Fernández Tapias e, en vida, Camilo José Cela. E outros e outras …

A FPG non comprende nin o silencio mediático nin a carencia de accións contra esta xente que a máis solvente prensa norteamericana asocia ao novo gangsterismo nado da predación das empresas públicas soviéticas, ademais doutras vías irregulares e deshonestas.

Etiquetas: ,