Inicio » Estatais 2004 » Análise electoral da FPG

Análise electoral da FPG

(Eleccións Xerais do 14 de marzo de 2004)

BOTAMOS A JOSÉ MARÍA AZNAR DA PRESIDENCIA DO GOBERNO DE ESPAÑA E AGORA CÓMPRE REMOVER A FRAGA IRIBARNE COMO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA.

A FPG congratúlase do cambio producido como consecuencia do resultado das eleccións xerais do 14 de marzo. Finalmente, o esforzo sostido da poboación máis dinámica en España, en Euskadi, en Cataluña e mais en Galicia conseguiu erradicar do Goberno central a unha das máis negras e reaccionarias expresións políticas dos últimos tempos.
A mobilización social destes meses, coa cooperación inestimable dun determinado holding de comunicación próximo ao PSOE como de outros medios de prensa cercanos á oposición nacionalista; utilizando ademais as canles da internet para a difusión de ideas, argumentos, investigacións, tamén acompañados coas nada despreciables armas da arte e mesmo do humor; unidos a unha decisión gubernamental absolutamente equivocada subseguinte á masacre do 11-M producida en barrios obreiros de Madrid, provocaron unha resposta electoral que deu lugar a un cambio substancial na composición política do Congreso dos Deputados. Quere a FPG realizar algunhas consideracións:

1. Foi a mobilización popular o caldo de cultivo que propiciou a expresión da necesidade de cambio reflectida nas urnas:
A mobilización popular contra a ineptitude administrativa e a mentira permanente, manifestada polo Partido Popular, en Galicia e tamén en Madrid, no tratamento da catástrofe do Prestige (movemento Nunca Máis, voluntariado,…); A mobilización popular contra a decisión do Goberno español, aliado cos EEUU e Inglaterra, de declarar a guerra e invadir Iraq, coa utilización tamén permanente da mentira e co envío a ese país de tropas de ocupación; A mobilización obreira, coa súa máxima expresión en folgas xerais; A mobilización estudantil contra a LOU; As mobilizacións antiglobalización, como as realizadas en Compostela; A mobilización das xentes da cultura, da arte e da investigación nun labor constante de difusión de ideas, de búsqueda das verdades e de expresión pública da protesta; A mobilización popular na noite do sábado, día 13 de marzo, manifestando a repulsa contra a infamia diante das sedes do PP. En Galicia, foron fundamentalmente militantes da esquerda nacionalista quen acudiron de inmediato á convocatoria espontánea, do mesmo xeito en que os mariñeiros levantaran coas súas propias mans un muro de contención ao chapapote para que non entrase nas nosas rías.

2. Non imos explicar aquí o papel dos medios de comunicación na evolución das sociedades. O que si podemos dicir é que nos últimos meses, no Estado español, a prensa xogou unha partida decisiva. Cadena SER, GARA, CNN foron o contrapunto á diaria manipulación informativa do Goberno do PP, particularmente nos medios públicos de TV e Radio. A baza definitiva xogouse nos días 11, 12, 13 e 14 de marzo cando estes medios contrapuxeron os seus datos contrastados fronte á monstruosa mentira gubernativa en relación aos responsables da matanza de Atocha.
Non queremos dicir con isto que as empresas de comunicación do grupo Prisa sexan un modelo informativo. Responden tamén a intereses, comenencias que ás veces coinciden e outras non, cos intereses e cos prantexamentos de traballadores e traballadoras e das súas organizacións. Nesta ocasión xogaron nun sentido, pero aínda na mañá do 11-M falaban sen base ningunha da responsabilidade de ETA nos atentados; como tamén a penas falaron dos mortos de Euskadi (Pamplona e Hernani) a mans de membros das policías española e autonómica, consecuencia directa que o foron do atentado de Atocha. Claro que da “inxenuidade”, nalgúns, como da decisión consciente, noutros, de
atribuír a ETA a matanza participaron tamén Ibarreche, o novo presidente do PNV Imaz, Carod-Rovira, o alcalde de Pontevedra e outros responsables do BNG, etc.; ¡todos seguidistas da palabra do Ministro do Interior do goberno de Aznar!

3. O PP cometeu un grave erro, derivado do seu sistema natural de facer política. Temos claro que de non ser pola liña informativa que o Consello de Ministros decidiu adoptar ás 9,00 horas do 11-M, de imputar a ETA os atentados, e pola subseguinte reacción popular e mediática producida, os resultados electorais habían ser outros.

4. En Galicia, a pesar do incremento no índice de participación (77,21% fronte ao 68,71% rexistrado no 2000), o PP perde 75.810 votos. Mentres, o PSOE gaña 263.598 votos; o BNG perde 100.000; e Esquerda Unida tamén sube na súa votación. (Datos a 15 de marzo, sen computar os votos da emigración.) O BNG perdeu adhesións, en primeiro lugar, pola gran influencia que nestas eleccións tivo o chamado voto útil, pero tamén pola súa política errada na solución á crise do concello de Vigo. É precisamente nesta cidade onde se produce un dos maiores descensos do BNG: case 16.000 votos menos; pero os resultados da entrega do goberno municipal ao PP víronse en toda Galicia, onde parte do voto de esquerda que pertencía ao BNG foi dar a EU ou ao PSOE. Ao tempo, quen si consegue unha boa aceptación como candidato ao Senado é o concelleiro do BNG menos significado na crise. Prodúcese nas últimas consultas unha tendencia á baixa para o BNG: canto máis se quere parecer ao PSOE, máis xoga na súa contra o bipartidismo. Aquí está un dos maiores problemas: o BNG xa non se diferencia do PSOE, nin no grao de reivindicación nacional, nin no tratamento dos conflictos sociais, nin na práctica institucional. Ámbolos dous partidos son de centro-esquerda; ámbolos dous autonomistas, sen outras arelas superiores; ámbolos dous impecablemente respectuosos co réxime monárquico.
Precisamente nestes días comezan a escoitarse xa algunhas voces neste sentido desde dentro do BNG, mentres a oficialidade orgánica nin se autocritica nin asume o problema. Non dimite nin o máis culpable.

5. Houbo en Galicia máis de 7.000 persoas que decidiron, que non consideraron inútil dar o seu voto ás candidaturas da FPG para o Senado. Ou sexa, outras tantas persoas que manifestan estar polo entendemento da esquerda nacionalista e das forzas máis progresistas. A FPG conseguiu 1.888 votos para as súas candidaturas ao Congreso, ou sexa, unha cifra semellante á das últimas consultas.
Considerando o cerco informativo sufrido en tódolos medios, desde o semanario A Nosa Terra ata calquera dos outros periódicos comerciais; considerando a tremenda inferioridade de medios; considerando a conxuntura favorable ao voto útil (que para os galeguistas é hoxe o do BNG); considerando todo isto, a FPG cumpriu o seu obxectivo de facerse visible nos colexios electorais, despois dunha campaña de propaganda discreta pero digna, acorde coas nosas posibilidades económicas e de efectivos.
E xa que decidimos presentarnos ás eleccións, deberemos tomalas no sucesivo moi en serio, preparalas debidamente e aplicar criterios políticos e de técnica electoral para conseguir os mellores resultados posibles. Como tamén debe a FPG continuar facendo esforzos por aglutinar, baixo as nosas siglas ou con outras, a grupos, núcleos, organizacións que con nós compartan un programa de mínimos.

6. A mobilización popular debe proseguir, esixindo a demisión de Fraga Iribarne e reclamando a convocatoria antecipada de eleccións autonómicas; para concorrer ás cales propoñemos, desde a independencia de cada quen, a aplicación dunha política, cando menos, de non agresión entre as forzas de progreso, así como a apertura dun tempo de reflexión para o entendemento básico cara a un posible goberno “de progreso” na Xunta de Galicia.

7. No que fai referencia ao conxunto do Estado español, podemos dicir que estas eleccións deron o máis importante respaldo ao novo goberno da Generalitat constituído polo PSC-PSOE, por ERC e mais por ICV, despois da crise derivada da filtración á prensa dos contactos de Carod-Rovira con ETA: espectacular e madura reacción dos cataláns votando masivamente ao “negociador”; mentres no que respecta a Euskadi, ademais de subliñar o importante descenso do PP, dicir que PNV e PSOE sitúanse en primeiro e segundo lugar, respectivamente, cunha diferencia porcentual do 6,50% e que Batasuna, por medio do voto nulo (papeletas pola autodeterminación), consigue cerca dos 120.000 apoios. Quédalle agora ao PSOE unha boa papeleta. Presentábase cun programa de máximos, sen pensar nunca en que acabarían por gañar as eleccións. As
promesas ofrecidas ao longo dos últimos meses deberán ser cumpridas: retirada das tropas españolas de Iraq, eliminación da obrigatoriedade da asignatura de relixión, apoio decidido á sanidade e ao ensino públicos. O apoio que a mocidade e unha importante porción da esquerda lle outorgaron deberá ser tomado en consideración pola
dirección e o goberno do PSOE. O talante, o estilo de goberno deberán concordar co que se viña reclamando: diálogo.
Moi abertas haberán ter as orellas para atender as esixencias expresadas aínda neste sábado, día 20 de marzo, con milleiros de persoas nas rúas, reclamando precisamente a retirada das tropas españolas de Iraq, estea esta nación baixo administración dos USA ou da ONU.

8. E o diálogo será imprescindible para o tratamento de dúas cuestións prioritarias:
Unha) A reformulación xuridíco-política derivada do recoñecemento real da plurinacionalidade do Estado español. De como se trate e se resolva esta cuestión dependerá tamén a solución para o tema da violencia; violencia que queremos desapareza por dous motivos: porque desexamos a paz e porque iso significaría que Euskadi, Catalunya e Galicia estarían moito máis cercanas a unha situación que como nacións nos é necesaria: a do exercicio do dereito de autodeterminación. (O martes, 16 de marzo, Chirac e Schröder, máximos dirixentes de Francia e Alemaña insistían “na necesidade —para loitar eficazmente contra o terrorismo— de actuar sobre as orixes do mal, os conflictos e o subdesenvolvemento.” Ou sexa que a cuestión da violencia non nace na mente de determinadas persoas porque si, senón que ten orixe no propio cerne das nosas sociedades e nas propias entrañas da organización socio-política-económica do Mundo.) Dúas) A análise e búsqueda de alternativas no terreo do económicosocial.
A mellora das condicións de vida e de traballo do proletariado e de tódolos traballadores e traballadoras, co restablecemento de dereitos hoxe perdidos, rematando coa precariedade e a incerteza no futuro. O estudo e establecemento dunha política económica, industrial, fiscal apropiada para cada territorio. No caso de Galicia: atención prioritaria aos problemas derivados da catástrofe do Prestige; posta en marcha de políticas de infraestruturas e de reindustrialización que conduzan a unha acelerada converxencia cos parámetros medios europeos, aplicación de medidas coercitivas encamiñadas a impedir a deslocalización de empresas, consecuencia da progresiva globalización, …

9. De experiencias anteriores de goberno, da actitude cómplice do PSOE na adopción de moi recentes medidas contra as liberdades (ilegalización da esquerda patriótica vasca, peche de medios de comunicación,…), das declaracións actuais da súa baronía, da presencia activa e decisoria de personaxes como Paco Vázquez, Pérez Mariño e outros, tamén non deberiamos tirar conclusións desmedidas nin lanzarnos a un optimismo desmesurado, porque non hai base para iso. Si deberemos, máis ben, estar atentos á evolución dos acontecementos e non ceder o máis mínimo na reivindicación social nin na denuncia de actuacións corruptas, antipopulares ou dictatoriais.

Galicia, 21 de marzo de 2004
A Dirección Nacional da FPG (Frente Popular Galega)