Inicio » Día da Patria 2004 » Por un novo Rexurdimento

Por un novo Rexurdimento

No Día da Patria Galega

No día de hoxe, unha vez máis, declarámonos contrarios ao dominio mundial do capitalismo e unidos solidamente a todas as forzas, individualidades, colectivos e movementos que arredor do Globo se concitan para a abolición da esplotación dos humanos por outros humanos.

Coa mesma forza, co mesmo énfase e co mesmo desexo manifestámonos contra o dominio imperialista que nos intres presentes amosa a faciana terríbel da tortura, da guerra, da disolución do Dereito de Xentes, da desaparición dos Dereitos do Home, moi especialmente en Iraq, lugar no que a atención mundial está concentrada.

Nós, galegas e galegos, definímonos polo dereito a exercermos a nosa liberdade colectiva: Autodeterminación e aspiración fundamental a separarnos da Hespaña que masacrou e exterminou o mundo árabe andalusí e a América dos pobos indíxenas, e intentou deglutir a nación galega e as irmás vasca e catalá. Eis o noso compromiso histórico: independencia, socialismo, nun réxime de liberdade republicana.

Estamos un algo felices porque o PP, de raíz franquista, deixou paso ao PSOE; aínda que tamén destes desconfiamos no que se refire ao goberno do Estado español. Sabemos ben que PSOE e PP son as dúas caras dun único réxime político, o da Restauración Borbónica. Celebramos a chegada de Zapatero pero seguimos na oposición política, moral, intelectual e extra-parlamentaria.

Pensamos que o PSOE enviará de novo tropas ao servizo dos EEUU a controlar militarmente o Oriente Medio, sexan baixo o palio dunhas Nacións Unidas sen vergoña ou dunha NATO na que Felipe González nos metera con artes más. Estamos certos de que o PSOE non modificará a política exterior de Aznar sustancialmente, e que seguirá no acoso a Cuba e a participar na conspiración contra o goberno democrático bolivariano de Venezuela.

En canto a nós, aos galegos, nada recibiremos dos nosos dereitos nacionais por riba do trato colonial que recibimos do aznarismo e do seu actual persoeiro Rajoy, o bugallalista e calvosotelista de Pontevedra. E non podemos ocultar o noso noxo ao ver que o PSOE mantén para o País Vasco a mesma política contra-democrática, eliminando unha opción política, HZ, nas pasadas eleccións europeas, a pesar de que cumprisen con creces os requisitos legais. Tras fechar xornais e ilegalizar movementos sociais de esquerda nacionalista, impídeselle a unha formación que Francia recoñece o participar no xogo electoral. O PSOE segue as pegadas do PP.

Vimos de saír dunhas eleccións europeas nas que o pobo galego, na mellor tradición rupturista, se negou a participar mediante a abstención política, o voto nulo e o voto en branco. Como nos días do referendo constitucional e do referendo da autonomía.

Observamos que determinada forza política herdeira da esquerda nacionalista, o BNG, eliminou as súas marcas de identidade e reinventou as teses fraudulentas do europeísmo reaccionario que en Galicia puxeran en circulación Ramón Piñeiro, a Revista de Economía de Galicia e os aproveitados do grupo de Galaxia nos anos cincuenta e sesenta. A falacia é esta: na Unión Europea os estados (España) perden poder e vanno gañar as nacións sen estado. É mentira: a UE é a unión dos estados realmente existentes, como Francia e España, que en ningún caso estarán dispostos á auto-inmolación e á perda de territorios propios (Galicia, Bretaña, Occitania…) que, segundo a fantasía de Galaxia/BNG pasarían a incrementar o número de estrelas da bandeira de Europa. Trátase dunha ilusión mintireira. A UE é unha construción non democrática, no Parlamento de Estrasburgo non se elixen gobernos nin se elaboran leis nin se votan orzamentos, e o BNG, alén de comparecer ás eleccións en compaña de partidos pro-capitalistas e católicos anti-abortistas, mentiu tratando de lle inocular aos galegos vacuas esperanzas en forma de Europeísmo infantiloide.

O pobo non tragou con tanta falsidade.

Entrementres, en Galicia permanece aínda o franquismo e a barbarie primitiva en forma de goberno autonómico de Fraga Iribarne.

Se a autonomía que nos permite a Constitución e o Estatuto de Galicia non chega a ser nin de lonxe un verdadeiro autogoberno, unha Xunta de Galicia dominada por Fraga Iribarne, un franquista práctico e confeso, non puxo nin pon todas as posibeis competencias ao servizo dos intereses obreiros, populares e da cultura nacional. Da Xunta de Galicia nunca sairon políticas de protección dos traballadores marxinalizados, especialmente os mozos e mozas, de medio ambiente (cada vez máis deteriorado), de lingua nacional (que vai perdendo vixencia perante os nosos ollos.) Gobernada a autonomía polo PP, a nación galega vaise descompoñendo aceleradamente mentres vemos con admiración que Euskadi e Cataluña se recuperan da adversidade histórica.

Resulta, pois, necesario e urxente dar os pasos prácticos precisos para, sen perder de vista o obxectivo final independentista, socialista e republicano, expulsar do goberno autonómico o Partido Popular.

Pro isto só se conseguirá con prácticas políticas unitarias baseadas en acordos históricos. Con mobilizacións e combates na rúa e na cultura que logo cheguen a ser explotados en acción política e non se perdan por sectarismo e falta de visión de futuro de determinados partidos.

Vivimos unha Galicia autonómica vergoñenta na que toda a cultura e a política parece xirar no eixo do Xacobeo, fomentado en clave confesional católica. A política portuguesa do Eixo Atlántico é un globo desinflado e os poderes autonómicos permiten que a UE nos proíba pescar e producir leite. O sector naval avanza cara unha nova crise sen que a Xunta de Galicia se persone no asunto e unha práctica de apariencias e nepotismo clientelar, simbolizada no esperpento das Medallas Castelao, búrlase dos galegos e das galegas cada día. Os traballadores des-regularizados e precarizados perden progresivamente interese na construción nacional, con sobrada razón. Imponse un Rexurdimento.

Nós non estamos dispostos a que esta lenta agonía nacional se prolongue. Chamamos á unidade contra o inimigo principal que, no plano da política institucional, é hoxe o Partido Popular herdeiro do franquismo.

Galicia, 25 de xullo de 2004
A Direción Nacional da FPG