Inicio » Liberación nacional, Movemento obreiro, Constitución Europea » Non aceptamos a Europa dos mercaderes nin a súa constitución

Non aceptamos a Europa dos mercaderes nin a súa constitución

A Europa dos mercaderes

A elaboración dunha constitución para Europa forma parte de toda unha montaxe propagandística pensada para homoxeneizar política e ideoloxicamente as sociedades dos Estados integrados na Unión Europea.

Trátase dun intento por dotar cunha superestrutura xurídico-política o armazón interestatal existente desde hai xa ben tempo no terreo da economía. Pero entendido máis como método publicitario para estandarizar conciencias que para unha real operativa práctica.

Desde os europeístas de principios do século XX, pasando polo Congreso da Haia de 1948, como nos Tratados de Roma de 1957, ou na ampliación á Europa dos 12, en 1975, como na sinatura da Acta Única Europea de 1987 ou nos Tratados de Maastricht de 1991, ou na máis recente ampliación a 25, en todos estes encontros ou cimeiras, o que importa é a economía: o Mercado Común Europeo de onte, como a Unión Europea de hoxe foron e son un instrumento das burguesías (ou da Burguesía) para a ampliación dos mercados e, cada vez máis, para a planificación da produción agraria, pesqueira, industrial e dos servicios, así como de todo o sistema financeiro.

O movemento obreiro e revolucionario púxolle nome a esta Europa: a Europa dos mercaderes.

Tan claro está isto na conciencia popular que os niveis de abstención nas consultas electorais para o Parlamento europea acadan porcentaxes de escándalo.

A Unión Europea só interesa ós propietarios. As masas traballadoras sofren as políticas restrictivas e de permanente axuste que aqueles establecen.

Desde 1948 todo foi crear organismos económicos: a OECE (Organización Europea de Cooperación Económica), a CEE (ou Mercado Común Europeo), a EURATOM (Comunidade Europea da Enerxía Atómica), a CECA (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro), …

E a definición dos obxectivos establecidos polo Tratado de creación da CEE era ben clara:

Libre circulación de mercadorías, servicios e persoas no interior dos seis países firmantes.
A libre circulación dos traballadores.
O dereito ó establecemento e á liberdade de cambios e servicios.

Habían aparecer máis siglas: establecemento do PAC (Política Agraria Común), creación das OCM (Organizacións Comúns de Mercado), creación do FEOGA (Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola). E xa desde o 1975 comezouse a sentir falar do FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

En 1991 asinábase o Tratado de Maastricht que desde as estruturas políticas e sindicais galegas tivemos ocasión de denunciar e rexeitar. Veu logo a Europa Azul, que trataba da cuestión pesqueira, e todo o Proceso de reestruturación do Tecido Industrial Europeo, nomeadamente na Siderurxia, no sector Naval e no Téxtil, que significaron a perda de máis do 45% dos postos de traballo e a redución de máis do 30% da produción.

Foi precisamente Maastricht o punto definitivo. A partir de aquí o comité central da burguesía decidiuse a actuar xa a cara descuberta. Para uns, a Europa unida era a panacea; para nós, nacionalistas de esquerda, Europa era unha falacia: pronto soupemos que a política económica desta Europa traía no seu interior as mesmas doses de irracionalidade e de insolidariedade que caracterizan o sistema capitalista desde que o capitalismo é capitalismo.

Qué maior exemplo de insensatez e de inxustiza que establecer cotas, limitacións á produción de leite, cando medio mundo está morrendo de fame?

A Unión Europea e Galicia

Que repercusións tivo para Galicia a integración do Estado español na CEE? A negociación do Acordo de Adhesión, arredor de 1985, produciuse en condicións nefastas para o noso país: primaron alí os intereses da agricultura mediterránea, descoidándose os intereses galegos (a pesca e a agricultura atlántica.)

En tan desfavorable situación, o sector agro-gandeiro non estivo parado. Cando Europa reclamaba profesionalización e conversión da pequena esplotación en industria, non se reparou no esforzo, apareceron novos sistemas de estabulación: as pequenas cortes pasaron a ser instalacións capaces para un bo número de cabezas de gando. Pero impúxose desde Bruxelas un duro sistema de cotas límite á produción.

E se do mar falamos, difícil será dar con mellores e máis arriscados investigadores que a nosa xente, buscando novos caladoiros, novas especies, e procurando acordos económicos (como o das empresas mixtas) para superar os atrancos ou dificultades que os cambios político-económicos nos impoñen.

Para Galicia todo foron problemas desde a integración do Estado español na CEE.

Haberá quen diga que presentamos unha visión sesgada, pois Galicia está a beneficiarse dos Fondos Estruturais e dos Fondos de Cohesión que emanan desta Unión Europea. Estes fondos tentaron amortecer o tremendo e negativo impacto que a integración tivo para nós, pero nunca chegaron, nin chegan para avanzar na converxencia. Os investimentos en infraestruturas non compensan o deterioro da nosa industria e dos nosos sectores económicos punteiros noutrora.

Aínda que non deberemos atribuír toda a culpa a Europa, pois tamén ós gobernos autonómico e central corresponde unha boa parte, pola súa desidia e incapacidade.

Galicia retrocede relativamente, e non se albiscan ventos de cambio.

Unha constitución europea a referendum

E nestas circunstancias preséntasenos o referendum sobre a Constitución europea previsto para febreiro de 2005.

De entrada debemos avisar sobre un lugar común. Os Estados e as institucións comunitarias alentan unha idea: para eles, dicir Europa é dicir Comunidade Europea. E esta tendencia refléxase decote nos medios políticos, na comunicación social e nos cidadáns. Falso! Europa é un ámbito xeográfico, un conxunto de nacións, con ou sen Estado propio, cunha historia ou historias propias; mentres a Unión Europea é un encofrado superestrutural concebido pola burguesía ou burguesías locais para unha maior expansión do capitalismo, para unha mellor superación das crises e para a consecución dun máis alto coeficiente de beneficio para o accionariado das grandes corporacións.

A FPG e a esquerda nacionalista opuxéronse e opóñense a esta Europa capitalista. Nunca fomos cómplices. Nunca pensamos, como si fixeron Piñeiro e Nogueira, que os Estados membros fosen perder soberanía en favor das nacións sen Estado; estes Estados perden ou ceden soberanía política, económica, militar, pero a favor da UE, nunca ó noso favor.

De tal xeito que non consideramos positivo e nunca imos aceptar este marco socio-económico-político para o desenvolvemento da nosa nación. Fose cal fose o proxecto constitucional que nos ofrecesen, non o iamos aprobar, e sempre votariamos non.

Queremos dicir ben alto que cando depositemos o boleto do NON nas urnas o próximo 20 de febreiro estaremos dicindo NON á Europa do capital.

Pero por se aínda alguén tivese dúbidas, podemos caracterizar de xeito pormenorizado os contidos desta Constitución que nos propoñen, e farémolo na liña do que xa expresaron organizacións políticas e sindicais e, tamén, consontes coa Plataforma Galega polo Non á Constitución Europea, constituída por unha ducia de organizacións e colectivos dispostos a utilizar o referendum como arma de denuncia e de rexeitamento:

A constitución europea ampara un proxecto militar, apostando por manter unha política de exteriores e de seguridade común que os países teñen que apoiar de xeito activo e sen reservas. Créase mesmo unha Axencia Europea de Armamento. Todos os Estados quedan integrados na OTAN e apróbase a posibilidade de realizar ataques preventivos.

Conságrase a policía interna Europol e a fiscalía Eurojust que reforzan o control policial e a represión.

Con esta constitución os dereitos sociais irán á baixa. Do seu articulado non se deduce garantía ningunha para o cumprimento dos dereitos sociais. Nin se indica claramente que toda persoa ten dereito a un emprego digno e estable. Dificúltase a convocatoria de folga xeral europea e fálase dunha “man de obra adaptábel ás necesidades do mercado”.

A constitución europea fai un recoñecemento formal das liberdades democráticas básicas, pero todas están subordinadas ó respecto polo mercado único. Nin sequera se realiza un recoñecemento da igualdade entre homes e mulleres como un principio a respectar.
E no que fai referencia ós dereitos nacionais, a constitución europea proclama a primacía dos Estados sobre os pobos ou nacionalidades, ós que, en caso de teren recoñecida algún tipo de organización territorial, seralles permitido participar no xa existente Comité das Rexións, organismo sen poder decisorio: trátase dun organismo puramente consultivo. Tamén o texto constitucional esixe o respecto á integridade territorial de cada Estado, polo que nega o dereito á autodeterminación daqueles pobos que o soliciten.

O idioma galego non é recoñecido oficialmente.

En política económica fíxase como criterio principal o respecto ó principio dunha economía aberta e de libre competencia. Conságrase a independencia do Banco Central Europeo con respecto ao Parlamento.

Maniféstase a FPG, en consecuencia, contraria á Constitución europea e proclama a súa decisión de realizar campaña activa a prol do voto negativo no próximo Referendum.

Esta campaña realizarase dentro da Plataforma polo Non á Constitución Europea, integrada por numerosas organizacións políticas e sindicais, e outros colectivos de carácter socio-cultural.

Galicia, 2 de novembro de 2004.
A Dirección Nacional da FPG