Europa na encrucillada
Como resultado da necesidade de reconciliar as grandes burguesías alemana, francesa e do que logo sería o Benelux, ao termo da II Guerra Mundial empezou a abrirse camiño, coa Guerra Fría, a idea dunha unidade europea explicitamente dirixida contra unha parte de Europa: a formada pola URSS e as nacentes democracias populares. Este europeísmo contou, desde o seu inicio, coa protección dos EEUU, e escomenzou a ser executado polas Internacionais Socialista e Demócrata-Cirstiá.
Así, en 1951 xorde a CECA (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro) e en 1957 a EUROTOM (Comunidade Europea da Enerxía Atómica) e maila CEE (Comunidade Económica Europea). Estas tres institucións confluirían en 1965, e pasarán a denominarse Comunidades Europeas e logo, Comunidade Europea (CE). Esta última naceu integrada polo Benelux, Francia, Italia e Alemaña. Despois (1973) incluiríase Bretaña, Dinamarca e Irlanda; seguidas de Grecia, Portugal e o Estado Español (1986).
En Nadal de 1991, Xefes de Estado e primeiros ministros dos países membros da CE aproban en Maastricht unha reforma dos Tratados Constituíntes que visa a afondar na integración, sobrepasando a fase de PAC (Política Agraria Común) e unión aduaneira, na liña comandada pola Acta Única coa súa habilitación dun mercado interno. Os acordos de Maastricht xiran sobre UEM (Unión Económica e Monetaria), PESC (Política Exterior e de Seguridade Común), cooperación en materia xudicial e asuntos internos e outros aspectos recolleitos quer no corpo do documentos quer en protocolos adxacentes.
Desde a súa mesma xénese, a corrente galeguista de dereita anticomunista (Grupo Piñeiro) adheriuse ao proceso europeísta elaborando unha doutrina cuxos datos básicos son os seguintes: unha vez unificada “Europa”, soará a hora do renacemento das “comunidades básicas” como Galicia. Na actualidade, a dereita galeguista, con outros protagonistas (Camilo Nogueira) repite o ideoloxema con escasos matices de diferencia: ao perder soberanía o Estado español, gañaraa Galicia.
Pola contra a esquerda nacionalista mantivo e mantén unha posición contraria ao proceso de integración europea iniciado co Tratado de Roma, aínda que –polo menos no noso caso– sempre se considerou desexábel unha integración europea de corte diferente: ao servicio dos traballadores, recoñecedora do dereito de autodeterminación das nacións sen estado como Galicia e solidaria cos países do Terceiro Mundo.
Coa posta escena de Maastricht, nun mundo virado cara a dereita e dirixido unipolarmente polos EEUU, os pobos europeos occidentais atópanse divididos entre as tendencias favorábel e desfavorábel á liña marcada polo novo Tratado, como ficou demostrado co “non” dinamarqués e co estreito marxe do “si” francés.
Nunha Europa comunitaria na que se coñecen quince millóns de parados e cincuenta e tres millóns de pobres, cunha outra Europa non comunitaria no Leste sumida no desconcerto, na miseria e mesmo na guerra civil a causa da restauración capitalista, nós reafirmámonos hoxe na nosa negativa a este proxecto de integración que, con Maastricht, pretende dar un paso adiante cheo de perigos para Galicia e para os traballadores e resto do pobo de todo o territorio comunitario.
Nunha Europa comunitaria que nos descoñece e descoñece o dereito a autodeterminación das nacións, nós non podemos dicir outra cousa ca NON a Maastricht como dixemos NON ao que precedeu a Maastricht.
Nunha Europa comunitaria cun centro poderoso economicamente e cunha periferia atrasada onde precisamente estamos nós, non percibimos senón ameazas graves no proceso integrador que define Maastricht. Se o Estado español é un espazo humilde e condenado no proceso a frear o seu crecemento, dentro del Galicia –a Galicia sen poderes– non verá senón acentuar as súas carencia seculares.
Sabemos que o Tratado obrigará a unha meirande suxeición do desenvolvemento económico do Estado español aos intereses dos estados poderosos, notoriamente Alemaña, e ás estratexias das corporacións transnacionais e ao grande capital financeiro, o cal non beneficiará en nada ao noso país. Impedido de crecemento económico, o Estado español (impídeo a UEM), unha Galicia cun autogoberno a nivel escenográfico (moi inferior aos dos Länder alemáns, que se senten ameazados na súa autonomía por Maastricht) verase fatalmente encasquillada no subdesenvolvemento que padece.
Ocorre que unha boa parte do poder decisorio sobre a nosa vida económica alonxarase deica Bruxelas, permanecendo íntegro o poder político do Estado español preciso para gobernarnos. E ademais, ocorre que, dacordo coa liña de Maastricht, determinadas competencias autonómicas que hoxe posúe Galicia van ser absorbidas tamén por Bruxelas e revoltaranse contra nós en forma de directivas comunitarias aplicadas polo goberno de Madrid.
É obvio que o Estado Español que nos oprime hoxe, será compelido a perder parte dos seus poderes soberanos en relación a política monetaria, cambial e orzamental, política exterior, de seguridade interior, de defensa e de inmigración. Pero sería louco pensar que tales perdas sexan transferidas a Galicia. Tales poderes pasarán á Comunidade, a cal utilizará o Estado español como xendarme executor do seu poder na Nosa Terra.
En efecto, subxace na idea da Unión Europea que define o Tratado unha concepción “federalista” non explicitada pero, evidentemente, se non trata da libre unión pactada entre pequenos núcleos sociais coa que soñaran os federalistas europeos, desde Proudhon a Alexandre Marc, pasando por Pi y Margall. Nin moito menos nos achamos perante a realización da federación das nacións europeas, independentes ao non, en que pensaban o occitano progresista Guy Heraud (“Proxecto de Estatuto tendente á actuación do dereito dos pobos á autodeterminación e a protección das minorías lingüísticas e nacionais no seo dunha Europa Federada”), o etnista Yann Youéréré (“A Europa das 100 bandeiras”) cos ex-colaboracionistas do Partido nacional Bretón, o piñeirismo (“Revista de Economía de Galicia”) de forma gaseosa, o PNV e os catalanistas de dereita, e hoxe pensa Esquerda Republicana de Catalunya e o neogaleguismo da antiga Esquerda Galega. Certamente, no Tratado de Maastricht non existe mención de nada parecido: non se recolle palabra verbo do dereito de autodeterminación para as nacións europeu-occidentais sen estado que favoreza un proceso simétrico ao acontecido neste sentido no Leste coa queda do socialismo real. O que se establece é a base dunha “federación” dos actuais Estados membros que non vai permitir unha soa secesión ou independencia ou modificación de fronteiras ou perdas territoriais.
Fascismo de Seda
Fálase de que, con Maastricht camiñarase de cara un “déficit democrático”, o que, sen dúbida supón o enunciado dun eufemismo. Si: con Maastricht faise máis duro o proceso de autoritarismo e da liquidación democrática que hai tempo que vivimos e que se vén acentuando desde a perda do escudo soviético e a debilitación no mundo da organización comunista. No Estado español o autoritarismo vén de mao de Felipe González; en Galicia, tamén, da de Fraga Iribarne. Le Pen e o vergoñento proceso a Honnecker son indicadores de que camiñamos cara un fascismo de seda e luva branca.
Entre nós, pódese dicir que vivimos unha situación democraticamente deficitaria desde a implantación do réxime da Reforma no canto da Ruptura Democrática. A monarquía e o monarca impostos por Franco, a protección á Igrexa Católica, a lei D´Hont, a negación do dereito de autodeterminación, a desigualdade de oportunidades nos procesos electorais, a xeneralización da financiación dos grandes partidos con métodos de suborno e corrupción, a reforma da lei electoral en Galicia, o reforzo do consenso e a instauración dun dogma de obrigado acatamento, a vixilancia policial (p.ex. á semana de Filosofía de Pontevedra), os regulamentos parlamentarios que conculcan a liberdade de expresión dos representantes populares…., son outras tantas amósegas do “déficit democrático” que sofren os pobos do Estado Español e Galicia especialmente. Co Tratado de Maastricht o autoritarismo acentuase.
Segundo o que reza Maastricht, increméntanse as decisións que poden ser adoptadas por maioría cualificada (56 votos de 76). Isto quer dicir que decisións ningunha poderá ser tomada contra o desexo dos Tres Grandes (Alemaña, Francia e Reino Unido, que en conxunto, dispoñen de 30 votos). Polo contrario, calquera decisión poderá ser adoptada tranquilamente coa oposición de 5 pequenos (Portugal, Grecia, Países Baixos e Dinamarca) que non teñen máis que 21 votos.
Igualmente, moitas competencias dos Estados, importantísimas e definitorias de soberanía, serán abandonadas aos órganos “europeos” que non son responsables perante os parlamentos dos Estados membros nin perante o Parlamento Europeo. Visto desde esta perspectiva un pregúntase a que vai ficar reducido o noso Parlamento Galego, subalternizado até o ridículo.
Así e todo, insistimos en que o proceso autoritario e a escorregadura cara un sistema de fascismo camuflado é anterior a Maastricht e semella incorporado desde hai certo tempo ao movemento dea integración europea. Vesamos un exemplo: no recente incremento do Parlamento Europeo, os deputados pasaron de 518 a 567 (49 postos aumentados). O reparto foi notoriamente desigual e favorábel aos grandes Estados membros. Alemaña (a pretexto da incorporación ao anexión da RDA) gañou 18 escanos, Francia, Italia e Reino Unido gañaron cadanseu país 6 lugares. O restantes estados só aumentaron 1 escano cada un.
En tanto que demócratas, non podemos senón dar a voz de alerta sobre o camiño perigoso polo que está a esbarar esta Europa comunitaria que defenden os que parece que teñen o monopolio da democracia.
De Costas aos Pobos
O proceso de ratificación do tratado, no que se refire a nós, evidencia a arrogancia de Felipe González e Fraga Iribarne (e o que eles representan), acobillándose no secretismo e facendo ostentación dun estado de consenso absolutamente totalitario e despreciativo da intelixencia dos pobos. Seguindo a norma comunitaria, os procesos de ratificación –con excepción: Dinamarca– son vistos, tal como se ten dito, como “simples pro-formas, antecámaras do SI ao Tratado”. Tal actitude é unha prefiguración daquilo de nos espera e unha continuación do xa acontecido á sombra da CE: converxencia traumática. cota láctea, desmantelamento do sector naval, ruína pesqueira. Todo arbitrado desde arriba e cociñado de costas ao pobo.
O Estado español e o seu títere de Compostela néganse á celebración dun Referendo e conxúranse para collerlle ao pobo galego a oportunidade de debate e coñecemento do Tratado. En Dinamarca foron repartidos gratuitamente 500.000 exemplares do texto íntegro do Tratado, co resultado do que todos sabemos. Os poderes españois prefiren impor a desinformación e a ratificación despótica da mesmo modo como xa fixera coa adhesión á CEE nos días do goberno da UCD.
A UEM como alicerce
A UEM (Unión Económica e Monetaria) é peza central do tratado de Maastricht. Trátase de crear unha política monetaria e cambial única para todos os estados membros, dirixida por un BCE (Banco Central Europeo) que non responde ante os parlamentos evidenciando un risco máis da ausencia de democracia que caracteriza o proxecto. O obxectivo primeiro da UEM será a estabilidade nos prezos e o último a moeda única como base da “federación” política dos Estados.
Tamén está previsto un órgano chamado SEBC (Sistema Europeo de Bancos Centrais) que, aparentemente, sería unha coordenadora dos Bancos Centrais dos Estados membros. Orabén, non necesariamente todos os estados membros terían que formar parte do SEBC, senón unicamente os que cumprisen unhas durísimas condicións só ao alcance dos grandes e poderosos. Estas condicións suporían para o Estado Español a necesidade de medidas constrictivas dos orzamentos, que terían por forza que repercutir negativamente en Galicia, dado o feito de os nosos ingresos autonómicos depender fundamentalmente do Orzamento Xeral do Estado Español. Como Galicia non ten a penas outros ingresos, veríase estrangulada no seu cativo autogoberno. En todo caso, ao non dispor Galicia dun Banco Central nin cousa que se lle pareza de lonxe, nunca estaremos no SEBC. A perda de autonomía, en este caso financeira, do Estado Español non se transforma –unha vez máis– en autonomía financeira galega: tanto se o Banco de España entra no SEBC como se non entra (o primeiro só sería posíbel a costa da miserabilización das populacións).
Non podemos esquecer que se en 1999 desaparece a peseta e se impón o ECU, ou o FRANKEN que pretenden os alemáns, Galicia seguirá dependendo dunha moeda allea e incapacitada de exercer unha política monetaria propia.
A política económica pasará entón a ser defendida polo Consello Europeo por maioría cualificada, sobre propostas do ECOFIN, Consello de Ministros de Finanzas dos Estados Membros (velaquí outra grave eiva democrática), que, no caso galego, será aplicada a través do Estado Español o cal, a estes efectos, conservará as súas capacidades intactas. A nosa dependencia tamén permanecerá, daquela, intacta. Isto quer dicir que os obxectivos nacionais galegos de crecemento, previsión social, emprego, gandería e agricultura ou peca, veranse esmagados e submetidos aos obxectivos de estabilidade dos prezos, todo, ademais, matizado pola marxe de manobra que gardará España e que orientará a favorecer as súas preferencias estratéxicas por Andalucía e o Mediterráneo, preterindo a Galicia. Galicia verá que as alxemas históricas que a aferrollan llo apertan aínda máis. E o dito significa tamén que a empresa media e pequena e os labregos e criadores de gando e productores de leite e ovos veranse gobernados dacordo cos intereses dos grandes Estados e das multinacionais, todo agravado polo feito de o axente executivo das directrices europeas ser o Estado español. Deste xeito Galicia non poderá crecer e o Estado español só saberá facer fronte ás crises procedentes do exterior mediante conxelamentos, precariedade laboral, reduccións de salarios e desemprego.
En todo caso, o 1 de xaneiro de 1999, chamémoslle como lle chamemos á moeda única que entrará en vigor, esta na realidade non será outra cousa ca o marco alemán rebautizado e Alemaña a nación hexemónica. Non podemos menos que lembrar aquel mapa das produccións da Europa que disque difundiu o ministerio de propaganda do estado hitleriano: no NW da Península Ibérica podíase ler a especialización que nos tiñan asignada: Kartoffeln, “patacas”.
Finalmente Delors recoñece que o 80% da lexislación económica, fiscal e social emanará moi en breve dos órganos supranacionais –ou sexa das maiorías cualificadas, dos países fortes. Galicia non parece que vaia ser favorecida por este feito ou que vaia cobrar soberanía a resultas de tan cuantiosas transferencias.
Militarismo e represión
Desde o noso punto de vista, a Política Externa e de Seguranza Común que define Maastricht é preocupante, posto que basea unha perigosa práctica militar, ao instrumentalizar a UEO e casala, de facto, coa OTAN. Isto posibilitaría levar a guerra fóra de Europa (ou ao Leste de Europa, ao reducto iugoslavo…) por decisión dunha maioría. Mesmo no Tratado se menciona que, cando a unanimidade sexa requirida, “debe evitarse o exercicio do veto sempre que unha maioría cualificada for favorábel á decisión”. Neste caso, resúltanos evidente que o “déficit democrático” atópase en condicións de fundamentar un militarismo.
Por outra banda, o Tratado, seguindo a liña establecida na convención de Schengen e polo grupo de Trevi, conduce á constitución dunha policía comunitaria de seguranza e inmigración, ademais de servizos secretos supraestatais. A ameaza dunha Europa, ademais de deficitaria democraticamente, policiaca, está aí, coa eliminación do dereito de asilo e a obrigatoriedade das extradicións. Todo parece indicar que esta nova situación encarreiraría a solución dos problemas das zonas nas que existe violencia revolucionaria de liberación nacional por unha liña rigorosa e militar de confrontación e non por solucións de armisticios e pactos negociados. Trátase, sen dúbida, dun aparello represivo destinado aos 53 millóns de europobres, aos 15 millóns de europarados, ás masas de inmigrados do Terceiro Mundo, aos independentistas galegos, irlandeses, vascos, etc., insatisfeitos, que poden ameazar ao perturbar a edificación do novo estado europeo, de capitalismo monopolista de Estado.
Obreiros sometidos, patrias asoballadas
Para nós é evidente que todo o que signifique benestar e política social aparece minimamente en Maastricht. Non se ve por ningures vontade ningunha de pór en vigor a “Carta Social Europea”. As cuestións sociolaborais non figuran no Tratado, senón nun brevísimo codicilio adxunto (Protocolo 14); son vagarosas e ambiguas na súa exposición e, ademais, non foron subscritas pola Grande Bretaña. para os grandes temas requírese a unanimidade, co cal aparecen condenadas á parálise orgánica, e non se crea un ente sociolaboral. Os dereitos operarios (folga, sindicatos) brillan pola súa ausencia, o que confirma a Maastricht no carácter brutalmente burgués que nós lle atribuímos xunto con toda a esquerda europea.
Respecto ao “Fondo de Cohesión Económico e Social” (Protocolo 15), remítese a acordos posteriores e non ten aspecto de chegar a ser nada serio, pois as axudas aos países menos favorecidos case se reducen ás áreas de medio ambiente e infraestructuras de comunicación. pero o que resulta máis decepcionante é o feito de que, para recibir subvencións deste fondo de “benificiencia”, os Estados aspirantes, os Estados aspirantes teranse que someter a un programa de converxencia, co cal os Fondos de Cohesión amezan con ser máis ben uns idem de Coerción do centro sobre a periferia pobre de Europa. A respecto disto non podemos desdeñas o feito de que Alemaña está a redeseñar a súa tradicional Ostpolitik, consciente en expandirse polas chairas do Leste, senón militarmente como en tempos de Hitler, si mediante o controlo político e económico. Chegado o momento, os Fondos de Cohesión –aínda sen contido– ben poderían definirse en forma de axuda á Europa desfavorecida que, no Leste, pelexa por inventar a economía de mercado.
Por outra banda para cumprirse a UEM, as esixencias de converxencia non poden senón traguer máis reconversión, peches de empresas, absorción das máis interesantes do ponto de vista das multinacionais, precarización da agricultura e gandería, perda da capacidade pesqueira, no caso galego. Así a política social “harmonizada” perxudicará gravemente á clase traballadora porque reducirá as prestacións sociais, incrementará a flexibilidade laboral e comunitarizará a negociación colectiva. No camiño de Maastricht, xa vimos como o goberno de Madrid emitiu o decretazo sobre reducción do gasto social, en que termos está redactado o “Informe Abril Martorell” e mais o incremento do IRPF. neste panorama, ¡non comprendemos como existen centrais e correntes sindicais en Galicia e no Estado dispostas a asinar unha paz social coa patronal e co goberno español, como están a facer algunhas nestes intres, alén de xuntarse ao consenso do si a Maastricht!
En Maastricht non existe Galicia, nin Euskadi, nin Bretaña, nin Cataluña, nin Occitania, nin Frisia, nin ningunha das nacións europeu-occidentais sen estado: só se fala de “rexións”, categoría na que collen tanto as mencionadas como a Comunidade Autónoma de Madrid ou Vale do Ródano. Non figura, como xa dixemos, o dereito á autodeterminación dos pobos de Europa Occidental –para xustificar a anexión de DDR ou para fomentar a disolución da URSS ou Iugoslavia si que tal dereito foi enarbolado– e, como quen enche de mal grau un oco de modo formulista, aparece un “Comité das Rexións”, caixón de xastre simplesmente consultivo que, nomeado polos gobernos dos Estados membros, mal pode servir como canle de reivindicación das nacións que eles oprimen e, coa axuda de Maastricht, oprimirán máis doadamente.
Por todo o cal, en razón da nosa vontade de servizo á clase obreira e á causa da independencia de Galicia, negámonos a aceitar o Tratado de Maastricht tal como nolo mandan os poderes estatuidos de modo totalitario. Reclamamos un debate amplo e fondo en toda a sociedade galega para defender nel os nosos puntos de vista, que consideran este proceso de integración europea non desexábel para Galicia e para os pobos da Europa Occidental e o Tratado de Maastricht un paso adiante no retroceso da democracia e na construcción dunha “federación” que contribuirá a estreitar a cadea que aferrolla ao pobo galego. E pedimos a celebración dun Referendo, se for posíbel a nivel de todos os Estados membros da CE, no que podamos emitir o noso voto negativo.
Por unha Europa dos pobos e dos traballadores!
Viva Galicia independente e socialista!