Inicio » Liberación nacional, Movemento obreiro, Constitución Europea » As razóns polo NON

As razóns polo NON

Os voceiros oficiais din que esta Constitución é “o maior paso dado polos europeos cara a unha soñada unión política do continente”. Pero a onde imos é cara a unha Europa máis reaccionaria, máis neoliberal e máis inimiga dos traballadores, das mulleres e dos pobos.

Esta Constitución inscríbese nun marco internacional de “guerra preventiva” decretada polas potencias contra os pobos e os traballadores, coas tráxicas consecuencias coñecidas: ocupación e destrución de Iraq, apoio ao Estado de Israel na súa política xenocida en Palestina, agresión constante aos pobos de América Latina, como Venezuela, Cuba, etc.

Os mesmos que din Si a esta Constitución son os que queren impor retrocesos nas conquistas sociais dos traballadores europeos, ampliando a xornada laboral ou rebaixando os salarios baixo o medo á “deslocalizacion”. En Galiza temos o exemplo directo de Izar, en que a actuación conxunta da UE, o Goberno Español e a Xunta busca rebaixar as condicions laborais dos traballadores a fin de mellor privatizar os estaleiros.

Esta Constitución é parte desta política, pois é garante da expoliación que as multinacionais europeas fan no mundo, sexa dos recursos petroleiros, mineiros, mariños, etc. O capitalismo europeo necesita da unidade que lle dá a Constitución Europea para mellor competir co dos EUA ou de Xapón.

As razóns do non

O carácter da Galiza como nación sen estado, oprimida por un Estado imperialista ao que a nova Constitución lle garante a estabilidade das súas fronteiras, o cal significa que esta CE impide o exercicio do lexitimo dereito dos pobos á autodeterminación, sería suficiente motivo para dicir NON a esta Constitución.

Deste xeito, a pesar do despregamento mastodóntico dos chamados fondos de cohesión -que serviron para axustar e facer presentábeis as cifras macroeconómicas da propaganda-, non queda oculto o papel de Galiza na división do traballo na Europa que queren, nunha posición de atraso relativo en todas as ordes fronte aos países da súa contorna.

Recollemos contra este modelo de Europa neoliberal e imperialista as experiencias dos anos máis recentes de loita obreira e popular de Galiza: desde as folgas xerais contra da primeira reconversión industrial do naval, pasando polas tractoradas contra as limitacións á produción agraria, as recentes folga xerais do 15 X e 20 X, as mobilizacións contra a LOU ou a tremenda resposta popular ao afundimento do Prestige e as mobilizacións contra a guerra de Iraq.

Recollendo esta longa tradición de loita contra do modelo de “progreso”, progreso antiobreiro, depredador, desarticulador e contrario aos mínimos dereitos democráticos, só podemos dicir NON Á CONSTITUCIÓN EUROPEA.

1. O proceso é unha burla á propia democracia formal

Todo proceso constitucional ten que partir dun requisito previo: a construción desde a base dunha asemblea constituínte. Mais a UE non deu estes pasos; o texto que se vai votar no referendo foi elaborado por unha convención de 200 “sabios”, dirixida polo ex Presidente francés V. Giscard d’Estaign, e presentado sen ningunha corrección ao Consello de Europa para a súa ratificación.

Ainda máis. O referendo é consultivo e non vinculante; e no caso dunha nación sen estado como Galiza o rexeitar masivamente, tal acto non tería
influencia na decisión.

2. Unha constitución contra as nacións sen estado

Esta Constitución eliminou toda referencia aos pobos de Europa, deixando ben claro que non hai lugar para eles na UE, que as nacións sen Estado deben perder toda esperanza e que os únicos que mandan aquí son os actuais Estados. Máis aínda, estes Estados son reafirmados nas suas “funcións esenciais”, en particular a de “garantir a propia integridade territorial, manter a orde pública e salvagardar a seguranza interior”. Ningunha mención hai ao Dereito de Autodeterminación dos pobos, en claro retroceso en relación á Carta de NN.UU e mesmo ao pacto dos Direitos Civis e Políticos (1996) asinado polos membros das UE.

3. Unha constitución para o capital e contra da clase traballadora

Por primeira vez na historia dos textos constitucionais, non estamos diante dun marco de aparencia neutra no que se poderían, teoricamente, desenvolver todos os proxectos políticos. Moi pola contra, asistimos á consagración legal e xurídicopolítica da ortodoxia neoliberal: o libre mercado europeo é principio fundamental da nova arquitectura política (artigo I.3., 2-3); as medidas sociais son contempladas sempre que non hipotequen a competitividade da economía da Unión (artigo III- 103) e recoñécese o obxectivo fundamental de chegar a unha economía de mercado altamente competitiva (artigo I.3.3.). No extremo contrario, non figura recoñecido o dereito básico ao traballo, senón o dereito a procuralo; nin o dereito á práctica da folga. Os dereitos sociais e laborais ao contrario do que ocorre coa política monetaria, represiva ou militar non son potestade comunitaria, pois quedan nas mans de cada un dos Estados membros.

4. Unha constitución que perpetúa o patriarcado

Non se recolle a igualdade de mulleres e homes como principio fundamental da Constitución. Para aló de medidas puramente retóricas, non se profunda nos medios e nos procedementos para camiñar cara á superación do patriarcado. Non se recoñece o dereito ao aborto libre e gratuíto e só se asume o modelo familiar baseado no casamento. Carece de calquera mención á explotación sexo-económica e, por tanto, non deseña medidas para a abolir.

5. Unha constitución para o imperialismo e a represión

Militarización e intervencionismo son obxectivos convictos e confesos dos máis entusiastas do SI a esa Constitucion, quer para fortalecer un imperialismo propio baixo o eixo París-Berlín, quer para ensamblar un militarismo europeo na grande estrutura norteamericana, como desexan os gobernos británico e italiano. De aí que se aposte con absoluta clareza pola necesidade de mellorar progresivamente as capacidades militares de cada Estado (artigo I.40.1) e se asuma a complementariedade da política común de defensa e seguridade coa lealdade á OTAN (artigo I.40.1), co que a UE se arrogaría o dereito de intervir en calquera zona do Planeta onde os intereses do centro capitalista se visen ameazados.

No plano interno, e de maneira paralela ao reforzamento dos labores de represión de baixa intensidade e control social da disidencia por parte das policías estatais, os organismos Europol e Eurojust (tamén privados de calquera fiscalización institucional) consagrarán o seu labor a focar os problemas sociais como problemas de orde pública, nomeadamente a oposición política real e a inmigración que asaltará a Europa búnker.

Galiza 2004