Inicio » Sobre movementos populares » Cando as críticas son só tópicos

Cando as críticas son só tópicos

É a Venezuela de Chávez populista ou socialista? Para a maior parte dos opinantes mediáticos é unha “ditadura”, un exemplo de “bananeirismo” e do peor populismo. Pero os logros sociais da revolución bolivariana son incontestables. A saúde é un exemplo. Só que fai falta querer tomar coñecemento do mesmo.

Algúns grupos da esquerda norteamericana e europea valoran positivamente os cambios realizados en Venezuela a partir da “revolución bolivariana” de finais dos anos noventa en aspectos sociais tan relevantes como o ensino, a distribución da terra ou a atención na saúde. Desafortunadamente, e seguindo unha tradición cultural moi enraizada no privilexio, a prepotencia, e a superioridade moral, son tamén moitos os que xulgan negativamente un proceso como o bolivariano que nin entenden superficialmente.

Nos EEUU, en revistas da esquerda como The NationScience and Society eZNET (coa excepción de Venezuela Watch), son moitos os analistas que negan o seu apoio ao proceso bolivariano, realizando afirmacións críticas contra as “tendencias autoritarias” de Chávez. No Estado Español, xornalistas de periódicos tan lidos coma El País, entre moitos outros, critican de forma moi dura o contido e tamén o talante das propostas que se veñen a realizar desde o goberno venezolano, que estaría intentando monopolizar de forma absoluta o poder. Un exemplo destacable é o de Rosa Montero, que lle chamou a Chávez “demagogo autoritario”, denominouno “cacique perigosísimo” e presentou a Venezuela baixo o “machismo atroz de militadoires”, o “acomodaticio medo de xuíces ante o poder”, e unha “estrutura social caciquil e abusiva”.

Se Chávez tivera a fibra autoritaria que lle atribúen estes comentaristas parecería lóxico que xa respondese aos numerosos ataques realizados contra a súa presidencia e contra si mesmo (amezas de morte, un golpe de estado, presións constantes dos medios en mans da dereita, unha folga xeral, etc.). Porén, máis que vingarse poñendo en prisión os seus opoñentes, Chávez mantivo a calma gañando democraticamente nada menos que 8 consultas populares (entre nacionais e locais) en 6 anos, incluíndo un referendo o 15 de agosto de 2004. Máis aínda, Chávez aceptou democraticamente unhas sinaturas da oposición (equivalentes ao 20% dos electores) obtidas de forma máis de dubidosa coa finalidade de convocar un “referendo revogatorio” no que Chávez obtivo o 60% dos votos.

Outra lamentable práctica amplamente utilizada entre diversos sectores da esquerda para subestimar os logros do proceso bolivariano consiste na frecuente utilización do termo “populista” (pódese ver p.ex. Steve Ellner enScience and Society). Seguindo un hábito extensamente utilizado durante a guerra fría, unha preocupación fundamental de parte da “esquerda” é evitar calquera vinculación con réximes que poidan ser etiquetados como “comunistas” ou que poidan ser sospeitosos de selo. Trátase dunha estratexia timorata, “defensiva”, que leva á desnaturalización, á negación de valores fundamentais dunha esquerda que se quere crítica e radical e á derrota. Así, mesmo aqueles que segundo o estándar dos países escandinavos tratan de promover un estado do benestar máis desenvolto tenden a ser etiquetados como “comunistas” ou “radicais” (foi o caso en EEUU, p.ex., da Guatemala de Arbenz nos anos 50).

Tomemos, por exemplo, o coñecido artigo de Christian Parenti “Hugo Chávez e o petro-populismo” (publicado o 11 de abril de 2005 na revistaThe Nation e reproducido na revista arxentina Debate ou en xornais electrónicos como “La insignia”). Parenti etiqueta a vontade política do goberno venezolano como “petro-populismo”, suxerindo erroneamente que se se realizan políticas sociais populares é grazas á riqueza que provén do petróleo. É deste xeito, por exemplo, como Parenti caracteriza o tipo de compromiso de Chávez na realización de reformas como as levadas a cabo no programa (chamado “misión” polos venezolanos) de Barrio Adentro. Contrariamente ao punto de vista que suxire Parenti, a constitución bolivariana non se atopa máis comprometida co capitalismo que co socialismo. De feito, a constitución formula explicitamente que o sistema económico é un medio que debe servir para mellorar a vida dos venezolanos (para unha detallada análise da Constitución Bolivariana pódese consultar o recente libro de Luís Salamanca e Roberto Viciano Pastor: “El sistema político en la Constitución Bolivariana de Venezuela”, Valencia-Caracas-Venezuela, 2004). Ademais, a caracterización que realiza Parenti das “Misións” (os novos Programas socias fundados polo goberno), ao consideralas unha democracia participativa “forzosa” dos cidadáns é claramente inxusta, xa que se trata dun proceso que reflicte como os venezolanos decidiron facer a súa constitución e organizar o seu país. Neste sentido, é claro que os gobernos “forzan” aos seus cidadáns dun modo ou outro. Cando un analista político utiliza os exemplos en lugar das enquisas para describir as actitudes políticas da poboación, é fundamental que seleccione individuos que sexan representativos da poboación. Parece claro que os exemplos que utiliza Parenti non son moi ecuánimes que digamos: mentres un chavista é retratado despectivamente coma unha “emotiva ama de casa”, guiada máis polas emocións que pola racionalidade, preséntase á oposición xornalística coma se realmente fora politicamente obxectiva, demócrata e cun grao elevado de madurez política. En realidade, esa “leal” oposición continúa menosprezando o goberno mediante accións tales como ameazar a vida de funcionarios públicos. Ademais, Parenti quéixase do frío tratamento recibido por parte do goberno venezolano. Sen embargo, é xusto queixarse do mesmo cando, a pesar de ser norteamericano, se lle permite entrevistar un ministro de gabinete e realizar as súas críticas?

Logros de Venezuela en saúde pública: a cooperación socialista internacional e a democracia participativa na antención sanitaria.

Ao tempo que esta clase de xornalismo prolifera, outras valoracións máis obxectivas non reciben un espazo adecuado nos medios de “esquerda”. Tomemos como exemplo a Misión Barrio Adentro. En contra das recomendacións realizadas polas institucións financeiras internacionais como o Banco Mundial, Barrio Adentro proveu de atención sanitaria gratuíta aproximadamente 17,5 millóns de venezolanos excluídos (arredor do 70% da poboación) que anteriormente non tiña ningún tipo de acceso a esta. O programa inclúe a xestión participativa de saúde integral por parte dos membros da comunidade (seguindo o artigo 84 da Constitución de 1999), un aumento no número de ambulatorios (construíronse 300 dos 5000 previstos) e a acción dos médicos que viven no seo das propios comunidades onde traballan (un médico por cada 12.500 residentes).

Este programa foi posible grazas ao acordo de cooperación establecido entre os gobernos cubano e venezolano. Dado que os médicos venezolanos non querían traballar nos barrios pobres, o alcalde de Caracas Freddy Bernal e o propio Chávez propuxeron a posta en práctica dun atrevido plan alternativo de saúde pública. Así, entre abril e decembro de 2003, máis de 10.000 médicos cubanos foron aos barrios venezolanos para cubrir as súas necesidades de atención primaria. Estes médicos tiñan polo menos 10 anos de experiencia como posgraduados e 2 anos de experiencia en Medicina Integral (é dicir, aquela que entende a saúde como o resultado de factores sociais en que xogan un importante papel a vivenda, a educación, o deporte, o medio ambiente ou a seguridade alimentaria). Cada mañá, os médicos realizaban entre 20 e 40 visitas, mentres que pola tarde visitaban a familia e realizaban numerosas actividades preventivas. Deste modo, traballando como un sistema de atención sanitaria independente, os médicos de Barrio Adentro levaron a cabo uns 80 millóns de visitas nos 23 estados do país ao tempo que o sistema de atención sanitario existente habitualmente no país só realizou 20 millóns de visitas cun alcance xeográfico limitado.

Por outra banda, e seguindo o artigo 84 da Constitución Bolivariana, que establece que a participación nas decisións relacionadas coa saúde é un deber e un dereito do pobo, a experiencia de Barrio Adentro realizouse segundo os principios da democracia participativa. Os comités locais da saúde escollidos polos veciños teñen o poder de contactar directamente cos gobernos federal e local para pedir novos e mellores servizos para as súas comunidades. Por exemplo, ao realizaren as súas visitas, tanto os médicos cubanos coma os veciños podían darse de conta de que os residentes necesitaban cursos de alfabetización, servizos dentais ou a limpeza de riscos ambientais, e establecían así os recursos apropiados por parte do goberno cos que obter os recursos necesarios.

Hoxe en día, os progresos de Venezuela en saúde pública parecen incuestionables. Estímase que o país gasta xa o 6% do PIB en cobertura de saúde pública, a que por outra banda inclúe por primeira vez unhas comunidades indíxenas historicamente excluídas. Arredor de 19.000 médicos e sanitarios cubanos están ao cargo de 12.000 centros de saúde no país, mentres que a OMS eloxiou a cobertura da saúde primaria venezolana como un importante logro que outros países deberan remedar. Ao mesmo tempo, o goberno formula novos obxectivos: conseguir atención de saúde “de segundo e terceiro nivel” mediante a construción durante este ano de 600 centros de diagnóstico con certa complexidade tecnolóxica, formar 10.000 novos médicos durante a próxima década, adoptar medidas que protexan a propiedade intelectual da medicina tradicional indíxena e poñer en marcha, con asistencia cubana, un programa de elaboración de medicamentos e vacinas retrovirais.

Unha recomendación para os analistas dos países ricos.

O asunto é sinxelo. Xunto á recente historia de intromisión que EEUU realiza na política venezolana (ver o traballo de Otto Reich no número de abril de National Review por exemplo), e dada a ampla campaña mediática internacional de desprestixio da revolución bolivariana, os escritores de esquerda deben axudar a informar con maior obxectividade do proceso bolivariano e das súas reformas sociais apoiando así, por humilde que esta axuda sexa, unha revolución aínda en proceso pero que amosa ter contidos socialistas. En caso contrario, os venezolanos deberán ir co posto, facendo o seu camiño en solitario contra a política exterior de gobernos como o norteamericano, ou contra os comentarios de xornalistas que atacan polo súa “falta de democracia” un goberno que fomenta a participación popular, que fala de implantar unha economía social para superar o capitalismo e que por vez primeira se preocupa por mellorar a saúde do pobo venezolano.

-------------

Texto de Carlos Muntaner (médico, profesor de saúde comunitaria e epidemioloxía na Universidade de Maryland, EEUU. Actualmente conselleiro de políticas da saúde do Ministerio de Saúde e Desenvolmento Social da República Bolivariana de Venezuela) e Joan Benach (médico, doutor en saúde pública, profesor e investigador en saúde pública, saúde laboral e epidemioloxía social na Universidade Pompeu Fabra, Barcelona)

publicado en El Viejo Topo, Nº 209-210, xullo-agosto 2005