Inicio » Movemento obreiro » O Sector Metalúrxico contra o Neoliberalismo

O Sector Metalúrxico contra o Neoliberalismo

SOBRE A FOLGA DO METAL NA “PROVINCIA” DE PONTEVEDRA

40278_NpAdvHover

A FPG está cos traballadores do metal e dende este espazo quere denunciar a acción represiva e violenta das forzas e corpos de seguridade do Estado que tivo a Vigo por escenario o luns, día 8 de maio, e a da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que é quen dá as ordes, ou quen acepta feitos consumados.

Denunciamos a súa actuación de violencia como un fin en si mesma e como medio para reprimir dereitos fundamentais de traballadores e traballadoras: os dereitos de folga e de manifestación.

A política neoliberal acelerou nos últimos anos a precariedade laboral, a eliminación dos dereitos dos traballadores, instaurando as quendas de traballo interminábeis e obrigatorias para chegar a un salario miserento… A política neoliberal pactou cos grandes sindicatos a desmobilización da clase obreira a cambio de prebendas segredas -aínda veñen de asinar nestes días unha nova contra-Reforma laboral-, pero a clase traballadora reacciona ante un horizonte abafante, e faino unha mocidade que non acepta o sindicalismo reformista de salón.

Tal é o fondo deste conflito do sector metalúrxico: a negociación dun convenio colectivo que non se limita a unha suba salarial ou a unha redución de xornada; aquí váiselle ao corazón do capitalismo de hoxe, aquí reclámanse contratos de traballo dignos e denúnciase a precariedade e a temporalidade perpetua establecida.

A reacción do poder establecido -non esquezamos, o Estado burgués- non é facer de mediador; a reacción é a represión policial e as detencións, seguindo unha política que xa experimentaron outros sincalistas: lembremos as condenas contra os compañeiros da CIG en Lugo por formar parte dun piquete.

Hoxe é o momento de reclamar a unidade do proletariado nunha loita que non só afecta aos traballadores do metal, afecta á dignidade de toda a clase obreira galega. Hoxe estamos ante un deses saltos históricos nos que temos que reaccionar como pobo e ser suxeito activo dun cambio de camiño.

Cada vez máis traballadores e traballadoras que non son do ramo ven neste movemento metalúrxico de Vigo un exemplo en clave de clase para encarar tamén noutros sectores o tema da precariedade, do abuso e da prepotencia da patronal; cada vez máis voces reclaman unha folga xeral, contra a precariedade, e pola defensa dos salarios fronte á carestía da vida.

Dende a FPG facemos un chamamento á solidariedade obreira e popular, denunciamos abertamente o papel desenvolvido polo Estado como brazo armado da patronal e apoiamos abertamente toda mobilización a favor dun cambio social nos comportamentos e sistemas de relación laboral.

Vigo, a 10 de maio de 2006
A Dirección Nacional da FPG