A Frente Popular Galega, (FPG), organización política ligada á defensa das clases traballadoras, chama ao pobo galego a mobilizarse este Primeiro de Maio nas manifestacións convocadas polas centrais sindicais nacionais Confederación Intersindical Galega (CIG) e Central Unitaria de Traballadores (CUT).
Consideramos que nun período de carestía da vida que é indicativo dunha forte desaceleración económica, a silenciada crise, é fundamental a mobilización social para facer notar unha forza de contención ante as posíbeis reformas laborais que faga o goberno español do PSOE. Sabemos ben para quen traballan os gobernos do Estado español e por iso debemos estar alerta.
Perante unha crise económica mundial provocada polo imperialismo nos seus agoiros sanguentos na procura da espoliación, así como o interese das grandes potencias de fomentar o biodiesel condenando a morte a milleiros de pobos do terceiro mundo, a clase obreira debe tomar posicións e berrar claro: nin un só paso atrás.
Polo tanto, a FPG continuará reclamando neste 1º de Maio a nosa soberanía nacional plena, camiño do socialismo, un modelo social transformador que respecte aos pobos do mundo, a harmonía co medio ambiente e a loita decidida contra o destrutivo modelo de produción capitalista.
Por unha Galiza ceibe e socialista!
Viva o 1º de maio! Viva o pobo traballador!