Inicio » Nacional, Movemento obreiro » 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega

10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega

A FPG participou das diferentes mobilizacións que estaban convocadas por todo o país polas centrais sindicais CIG e CUT para o Día da Clase Obreira Galega.

Na conxuntura actual de novas e máis graves ameazas contra os intereses da clase traballadora galega, neste clima de ofensiva patronal e pactismo sindical, o capital pretende que a crise económica que eles mesmos provocaron sexa pagada por nós, polos traballadores e traballadoras.

A resposta non pode facerse agardar, nin se pode retroceder máis nos nosos dereitos e liberdades. Pola contra é a hora de actuar, e desde xa debemos ir articulando un movemento de reacción fronte estes ataques patronais e as súas comparsas dos gobernos autonómico e español coa inestimábel axuda dos seus aliados sindicais, CCOO e UGT. Desde a FPG insistimos, como primeira medida, na necesidade de poñer as bases para a folga xeral nacional.

Hoxe, como en 1972, e sen perder nunca de vista os obxectivos estratéxicos da clase obreira, toca loitar pola mellora das condicións de vida, dos nosos salarios e de convenios colectivos xustos, do sistema de pensións… e toca defender con firmeza as conquistas que tanto suor e sangue, e mesmo a vida, lle custaron á clase traballadora galega.

Premio do Día da Clase Obreira Galega

Premio do Día da Clase Obreira Galega 2010O noso partido máis un ano estivo presente como organización convidada na 4ª edición do Premio do Día da Clase Obreira Galega que entrega a CIG, e que transcorreu no día previo á histórica data nun clima de confraternidade e compañeirismo. Nesta edición foi recoñecido o labor e a loita das traballadoras e traballadores da empresa Caramelo, como exemplo de loita sindical na defensa dos seus postos de traballo e dos seus dereitos fronte ao Expediente de Regulación de Emprego que presentou a empresa contra 237 traballadoras e traballadores.

Foi de salientar a mención especial e recoñecemento que se lle fixo a Alfonso Tellado, militante participe nas mobilizacións de Ferrol no 72, así como a dous compañeiros falecidos no pasado ano, a Xosé Díaz Pernas e Fernando Pol, cuxo labor e entrega ao sindicalismo nacionalista lles foi recoñecida.