Inicio » Opinión » Continuar avanzando como cabalo novo

Continuar avanzando como cabalo novo


Afirma a FPG nalgures do relatorio que aprobou na súa recente Conferencia Política máis ou menos que a década na que xa estamos vai ser decisiva para o noso futuro como Pobo e que da altura de miras con que todos e todas actuemos dependerá que podamos rectificar ou non as actuais tendencias que levan á nosa destrución como nación. Non quero ser catastrofista mais non podo menos que concordar plenamente con esta visión e fico coa idea de en dez anos ou mudamos radicalmente moitas inercias, hábitos e métodos e, alén disto, poñemos as bases para modificar a correlación de forzas actual, ou a historia pasará por riba nosa irremediabelmente.Temos diante de nós dúas poderosas forzas unidas, ollo ao piollo, de maneira indisolúbel: por un lado a forza antinacional que visa a destrución definitiva de toda posibilidade de erguermos o noso propio Estado, tantas veces escamoteado, e por outra a denominada crise na que está envolvido o modo de produción capitalista e que está funcionando á perfección como ariete para un novo e brutal embate da grande burguesía frente unha oposición obreira e popular cando menos feble na maior parte de Europa e do mundo tras décadas de hexemonía daquela. Estes dous vectores conflúen na nosa Terra cun poder tremendamente destrutivo dada, entre outras cousas, a situación de indefensión nacional na que nos atopamos e a actual correlación de forzas, produtos non do acaso mais da loita de clases nesta formación social que arrastra unha secular e peculiar posición colonial no contexto da Europa occidental. Neste senso podemos facilmente comprobar como os vinte ou trinta anos de autonomía que levamos soportando non serviron practicamente máis que para seguir afondando na mesma dirección antinacional e antipopular.

A FPG ven promovendo desde hai polo menos un ano a necesidade de unificar todas as loitas sectoriais que se veñen sucedendo no país nunha xornada nacional de loita como punto de partida imprescindíbel para frear a ofensiva da grande burguesía e as súas correas de transmisión. Nesta estratexia a folga xeral era, e a pesar de todo aínda continúa sendo, unha peza fundamental e así o levamos defendendo os comunistas da Frente con desigual éxito no seo do sindicalismo de dirección nacional. Hoxe con todo non só o sindicalismo reformista español actuante en Galiza mais tamén os sectores máis timoratos do autonomismo aniñados na dirección da maior organización sindical galega están baleirando de contido (en varios sentidos que xa teremos tempo de analizar) a posibilidade dunha folga xeral, nacional e combativa. Na miña opinión persoal acho que un dos obxectivos inmediatos da Frente é tender pontes entre distintos axentes políticos para acompañar e no seu caso amplificar as loitas que a clase obreira e as camadas populares están dando ou podan dar na rúa. Isto implica unha metodoloxía de traballo cando menos baseada na honestidade e en certa discreción, sen evitar por iso a necesaria confrontación de ideas e liñas políticas e ideolóxicas. Neste senso, debemos afastarnos, por exemplo, dos debates que tanto abundan no mundo virtual realizados só para amosar quen ten o verbo máis afiado e envelenado e que nada axudan a alicerzar procesos profundos de achegamento entre organizacións e colectivos. Eu desde logo teño que felicitar ás tres forzas que nos últimos tempos asinaron xa dous manifestos conxuntos (Espaço Irmandinho, Movemento pola Base e a propia FPG) e que a pesar das posíbeis limitacións apuntan un interesante camiño a percorrer. Porén, unha cousiña é evidente de entrada: isto amosa ben ás claras en que polo se sitúa a maioría do independentismo político organizado e en que outro polo, o do isolacionismo e o sectarismo, fican outros.

Curiosamente, nos últimos días semella que a recurrente campaña anti-FPG que percorre certos subterráneos deste país volveu tomar novos azos tras a súa participación nun acto público promovido por Esquerda Unida. Desde logo nada novo encontramos nestes ataques contra a organización decana do independentismo galego, tan só, se cadra, deberemos apuntar como dato significativo a miseria ética e política a que chegou certa organización, miseria xa antes exposta de xeito diáfano na campaña das últimas eleccións autonómicas, mais que agora volta con furor renovado. Precisamente é esa organización e unicamente esa organización a que voluntariamente se situou no polo do independentismo isolado e sectario que comentamos.

Partindo da base evidente de a FPG ser libre e soberana para levar a mensaxe que quixer alá onde quixer sobre a única condición do mutuo respecto, e parece ser isto xa moito pedir nos tempos que corren, semella que deberemos insistir frente os francotiradores que a FPG só entende calquera proceso de construción dunha nova ferramenta política nacional desde o principio irrenunciábel da autoorganización do pobo galego, e, aínda máis, por se alguén o dubida, desde a Frente tense claro que de se construir esa ferramenta esta deberá configurarse, desde a pluralidade, como expresión do republicanismo independentista de esquerda. Obviamente, salvagardando a independencia de clase, en paralelo deberase construir o partido comunista galego. Se cadra para alguén isto pode resultar oportunista de máis, e reformista, e españolista, e promiscuo e outras lindezas que, en calquera caso, tan só califican a quen así de alegre se pronuncia.

Que unha parte organizada do independentismo galego sistematicamente e de maneira cuase enfermiza insista en atacar á Frente en vez de desenvolver o seu propio proxecto permanecendo ademais ancorada en posicións de suma cero apenas é unha anecdota. E é unha anecdota porque ademais as tácticas de guerra suxa da organización que o fai son abondo coñecidas no campo independentista e retratan perfectamente a quen así actúa, por moito que pretendan agocharse tras as cortinas dun falso purismo. Por poñer tan só un pequeno exemplo algúns compañeiros de boa fe –que de certo os hai, podedes crelo- aínda están agardando que dean explicacións sobre unha acta da súa dirección nacional filtrada na internet na que planificaban o boicot a certa plataforma autodeterminista na que participaban.

O verdadeiramente significativo en calquera caso é comprobar como desde os sectores máis reaccionarios do autonomismo é realmente onde se deseñan grande parte destas campañas hostís, xusto en momentos na que se torna máis nítida a posibilidade de certos reagrupamentos pola súa esquerda. A pinza, consciente ou non -algún día saberémolo-, entre o lobby dirixente do autonomismo e a organización independentista de que falamos, ou dito doutra maneira entre o oportunismo de dereita e o oportunismo de esquerda, non só pretende manter na fragmentación ás organizacións da esquerda independentista senón, e isto é o verdadeiramente importante, esterilizar calquera iniciativa política que poda xurdir de carácter nacional e popular.

Na miña opinión sinxelamente debemos obviar a todos aqueles elementos provocadores que aparezan no camiño, hoxe os peóns son estes mañá serán outros, pois tamén nesta capacidade de detectar e aillar os elementos destrutivos se demostra a madurez dun movemento, e continuar falando, achegando posicións, sempre desde a honestidade e sen evitar a batalla de ideas que permita acadar as sínteses aglutinadoras que a clase obreira e o pobo traballador galego precisan. En definitiva, deberemos continuar avanzando para construír máis cedo que tarde a República Galega camiño do socialismo e do comunismo. Agallopando como cabalo novo.


Etiquetas: