Aproveitando a tempada estival, en linguaxe xudicial “con nocturnidade e alevosía”, a Xunta do PP aprobou un pacote de medidas de enorme calado político e de grande importancia para o pobo traballador galego e para os seus recursos enerxéticos, medioambientais, culturais e sociais. A pretensión clara é a de pasar o máis desapercibido posíbel diante da cidadanía, contando para iso coa inestimábel axuda dos “mass media” lacaios do poder, por suposto da cada vez máis repugnante RTVG.
Estas medidas falan por si soas, un novo plano hidrolóxico que abre a porta a 31 novas minicentrais, lei de costas especulativa, novo concurso eólico de espoliación dos nosos recursos, (que deberan ser públicos e polo tanto repercutir na maioría social do País), privatización de parte da xestión dos expedientes de “Dependencia”, nova lei de montes e xestión anti-lumes nefasta, centros xuvenís da Xunta subscritos á moral católica, programas de educación favorábeis cos colexios privados fronte aos públicos, e un longo etcétera de tramitacións urxentes que pretenden meter pola porta de atrás. Algunhas destas iniciativas, as menos, do goberno autonómico pasaron por sé parlamentaria, mais a resposta da oposición política aló presente pódese comparar coa do cura que sabéndose pecador condena pecados impuros desde o púlpito. Deixa ao descuberto a inoperancia non só dunha oposición domesticada senón da inanición e morte de certas institucións autonómicas. Alén disto, non se pode pasar por alto a falta de crenza do PP na institución supostamente lexislativa, obrigándonos a criticar unha vez máis o seu “goberno por decreto”.
O plano hidrolóxico e a tramitación da lei de augas de Galicia
O PP anda artellando dúas medidas chave en materia de xestión hidrolóxica: unha, a tramitación da nova lei de augas de Galicia que incide fundamentalmente na extracción, subministro e evacuación das augas, a segunda é a exposición pública do borrador do novo plano hidrolóxico, como parte do proceso, xa en exceso retrasado, de adaptación e implementación da Directiva Marco da Auga (DMA) da UE vixente desde o ano 2000.
Todo isto acompañado do anuncio de novas minicentrais para os nosos ríos, que ven supoñer a sentenza de morte para a lei 5/2006, como visión legal que contempla os nosos ríos coma un activo ecosocial, e cuxa orixe está na ILP promovida polo movemento ecoloxista e de defensa da Terra.
As minicentrais supoñen o 2% da enerxía xerada na Galiza, e sen embargo o dano e o impacto causado no medio é enorme, acrecentado en relación ao beneficio obtido, e sendo ademais o criterio favorábel a súa implantación única e exclusivamente de orixe lucrativo e sen repercusión no interese público.
A todo isto haille que engadir o feito de que máis da metade do noso territorio non está xestionado desde Galiza, é dicir, o pertencente ao Miño, Eo, Navia, Támega e Limia. E o peor é a total desidia na esixencia destas competencias.
Concurso eólico. O novo decreto de repotenciación eólica
O novo reparto eólico feito pola Xunta carece dunha verdadeira e axeitada ferramenta de avaliación ambiental que vaia evitar graves impactos ambientais, nin tan sequer na Rede natura. A Xunta non ten ningunha intención de minorar impactos, todo lle vale nesta “libre” ampliación de potencia de megavatios.
Debemos esixirlle á Xunta que estableza unha demarcación de zonas de exclusión baseadas en criterios de conservación da fauna, flora e paisaxe, e que este novo reparto eólico se someta a unha avaliación estratéxica ambiental, tal e como recolle a normativa europea.
O aproveitamento dos recursos enerxéticos dun País debera repercutir no seu Pobo, ou se se quer no interese das clases maioritarias e populares. Pola contra vemos, unha vez máis, ás empresas depredadoras como a Fenosa reaparecendo (nunca se foran) con novos desexos sobre os nosos recursos. Desta vez, a través da “Fenosa Wind” e participada por Gas Natural e Copasa, pretende facerse co 52% dos 2.325 megavatios ofertados pola Xunta de Sir Javier Guerra. Pero hai máis, outra das empresas que destacan é o Banco Pastor, aliada coa alemá E.on solicitando 585 megavatios, ou Caixanova, que ao contrario que a entidade coruñesa xa fora beneficiada na adxudicación de 2008.
Nada novo baixo o sol!
A Lei do Solo vs lei de Costas
A reforma da lei do solo é outra das normas que deixa a porta aberta á destrución do noso territorio, aínda que aprobada en marzo e en sé parlamentaria, a súa repercusión foi menor do agardado.
Esta reforma pode supor a legalización de edificacións e construcións sen licenza anteriores ao ano 2003 (que non teñan expediente aberto), sendo un vía de paso aberto ás vivendas e naves levantadas ilegalmente en primeira liña da costa. A isto haille que engadir a autorización pola Xunta, en chans rústicos de protección de costas e ríos, de piscifactorías, instalacións para talasoterapia e termas, estaleiros ou turismo rural. A estes usos, vixentes desde a reforma de 2004, a Xunta engadiulle na última revisión os aparcadoiros para praias, deportes náuticos e paseos marítimos e fluviais.
Fronte a esta reforma, o goberno do Estado, alega que a norma autonómica debe estar suxeita á lei de costas (estatal) e contar para calquera autorización cun informe sectorial elaborado polo ministerio. Mais a experiencia histórica dinos que as 2 institucións , a través dos partidos que as sustentan, chegarán a un acordo, pois na verdade PP e PSOE defenden intereses miméticos. Nesta liña xa foi constituída unha comisión bilateral xunta-Estado.
De novo, a nosa nación queda en mans dos depredadores capitalistas que nada lles importa no seu afán de facer diñeiro.
Necesidade dunha resposta popular e galega na mesma dirección
Sabemos de sobra que estas agresións non se van quedar aquí, pola contra irán a máis na súa natureza de saqueadores e colonizadores. O Plano de Residuos Urbanos de Galicia coa aposta clara pola continuación da incineración é unha mostra disto.
A nosa resposta como xente de esquerda e patriotas galegos debe ser unitaria, traballando na mesma dirección na defensa do pobo traballador galego. O paso previo é o de tomar consciencia do perigoso que é que o descontento popular sexa hexemonizado por forzas que nada queren cambiar. “Oposición política” que só pretende a continuación dun sistema político que garante ao sector empresarial, e non á cidadanía, a total disposición do “Público”, exercendo o papel de valedores que copan as institucións de representación popular.
É responsabilidade, en primeiro lugar, das forzas políticas do espectro da esquerda nacionalista e soberanista estar á altura das circunstancias, saber pactar e ceder no que nos une, mais non só. Tamén os movementos sociais máis concienciados na defensa da Terra e da nosa lingua, o movemento polos dereitos civís, os de defensa dunha sociedade non patriarcal, e fundamentalmente o movemento sindical máis combativo deben ter altura de miras para comezar a facer camiño na mesma dirección.
Crear un Movemento de Oposición ao novo colonialismo español e canalizalo a través dunha mesma ferramenta política de intervención sería sintomático de que a forza e capacidade desa “oposición real” medra e a nosa alternativa pode ser posíbel.