A FPG fai público o seu apoio á manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e chama ás súas e aos seus militantes e simpatizantes a participar na mobilización que terá lugar o próximo domingo 21 de novembro en Compostela.
Desde a FPG queremos denunciar unha vez máis a tentativa do Partido Popular de privatizar os servizos máis básicos dos e das galegas, tentativa especialmente grave ao tratarse dun dereito tan esencial como é o da sanidade pública.
Unha vez máis, a oligarquía económica e política, desta vez a través do PP, pretende facer un novo furado nun dos piares máis básicos das clases traballadoras, atacando de novo os dereitos conquistados durante anos en duras batallas.
Así, en base a supostos criterios de austeridade das arcas públicas, dinnos que a sanidade, o ensino e a asistencia social son no futuro dereitos que debemos desistir de reclamar, converténdose nun servizo de consumo máis que debemos pagar para usar. Ao mesmo tempo, inxectan cantidades millonarias de diñeiro público en entidades bancarias privadas, da automoción, en subvencións a empresas amigas, en “inflar” os orzamentos de obras públicas, en salarios máis que dignos do “persoal de confianza”, etc.
A crise económica orixinada polo capital e os seus dirixentes económicos e políticos, é usada como coartada para facer e desfacer en favor só dos seus intereses. Así os recursos públicos son usados outravolta para facer negocio, aínda que sexa a conta da saúde e da vida da inmensa maioría social.
Dirannos que os servizos públicos, por moi básicos que sexan, non son posíbeis, que estamos en crise e que hai que ser austeros. Despois “demostrarannos” que a xestión privada supón un aforro millonario para os orzamentos públicos. Mais non nos din, por exemplo, os miles de millóns de euros que o seu “entramado empresarial” se mete no peto como novos xestores privados dos servizos públicos. Así, a construción, explotación e xestión de hospitais, centros de saúde, escolas, xeriátricos, e outros servizos públicos básicos que son demandados pola sociedade deixan de ser universais, deixan de ser dereitos para converterse en obxectos de consumo, e polo tanto, quen non os poida pagar non pode chegar a eles.
Vemos como o discurso da dupla moral é predominante, non se pode gastar nunha cousas pero si noutras.
O modelo que a Xunta do PP pretende instaurar na Galiza é un modelo xa fracasado noutras partes do Estado, instaurado e xestionado polo PP máis rancio, extremista e corrupto. O resultado é o aumento multiplicador dos custos de construción, o pago millonario pola xestión dos hospitais e centros de saúde, e a redución da calidade aos/ ás usuarias con redución de persoal sanitario por paciente. A isto haille que engadir que os dereitos actuais dos traballadores e traballadoras da saúde desaparecen.
A clase traballadora galega non pode ficar calada diante deste novo ataque, e debe mobilizarse en defensa dos seus dereitos máis básicos que unha vez máis nos pretenden recurtar.
Xa abonda de agresións!!