Dous mozos independentistas, un deles militante da mocidade comunista de ADIANTE, van ser xulgados en poucas semanas -baixo ameaza de 8 anos de prisión- por teren participado hai dous anos nunha concentración popular en repulsa a un acto galegófobo e supremacista do grupúsculo ultradereitista Galicia Bilingüe. Dúas ducias de activistas a prol do galego poden ser multados até con 60.000 € por participar na mesma concentración pacífica. Moitos dos multados nin sequera estaban presentes na mesma, o que dá idea do carácter político das represalias.
A historia tennos aprendido como en épocas de crise, o capitalismo amosa o seu rostro máis punitivo e represivo para tentar domesticar aos movementos populares. Para facerlles fronte, debemos respostar coa unidade e a solidariedade de clase, a nosa mellor arma contra os ataques do imperialismo español. Así, desde a Frente Popular Galega expresamos toda a nosa solidariedade con estes dous mozos e cos demais activistas represaliados pola súa consecuente defensa do noso idioma nacional. Para alén, apoiamos incondicionalmente a campaña solidaria de ADIANTE.
A continuación reproducimos o comunicado da organización xuvenil:
Solidariedade cos represaliados por defenderen o idioma galego!
O 20 de Febreiro de 2008, a organización ultradereitista, supremacista e galegófoba Galicia Bilingüe, celebrou un acto contra o idioma galego en Vigo. A oposición cidadá a esta aldraxe foi duramante reprimida polos mercenarios da Policía Española. A consecuencia da violencia policial, varias persoas defensoras do noso idioma propio -da nosa única lingua nacional- resultaron agredidas, feridas e contusionadas. Un militante de ADIANTE foi detido, espancado e maltratado durante 20 horas na comisaría viguesa de López Mora.
Para pechar o círculo de represalias, a Xustiza Española quere condenar a exemplarizantes penas de prisión, que suman mais de 8 anos, ao noso compañeiro e a outro xoven que foi identificado -até tres veces- pola policía naquela tarde de hai dous anos. Para alén, ambos son traballadores que alternan empregos en precario con longas tempadas no paro. Ademais, esta malchamada Xustiza, solicita mais de 60.000 € de multa a outros activistas defensores do galego. Moitos nin se atopaban naquel lugar naquela hora. Os represores tiraron mais unha vez das súa listas negras.
Como temos manifestado noutras ocasións, a represión económica é unha estratexia transversal que pretende boicotar e sabotar de xeito efectivo, selectivo e coactivo a actividade normal e habitual das entidades políticas, sindicais, xuvenís, estudantís, sociais,… coa fin de interferir plenamente na súa soberanía organizativa e condenalas a centrar case toda a súa actividade exclusivamente na resistencia, na neutralización e na supervivencia á citada represión económica do Estado.
Nunha situación coma a que estamos a padecer por causa da voracidade criminal do capitalismo e do imperialismo global, esta estratexia represiva tórnase aínda mais eficaz, perversa e selectiva. Queren frear a disidencia a base de multas e, se fai falla, de prisión. E todo isto, ademais, coa irresponsábel cumpliciade dos medios de comunicación empresariais, que dan eco e voz a grupúsculos ultras -liderados por dementes- coma Galicia Bilingüe (auspiciado pola fundación neofascista FAES), e silencian as desmesuradas represalias aos que lles fan fronte.
Para neutralizar estes ataques e evitar a entrada en prisión dos dous compañeiros defensores do idioma galego, desde ADIANTE activamos o número de conta solidario 0031 0015 82 1121002388 do Banco Echeverría, no que calquera persoa conscienciada e de ben pode facer aportacións económicas co concepto CR1 (Caixa de Resistencia nº1) ou co concepto que cada quen prefira. É unha mostra de coerencia de calquera persoa democrática e de esquerdas ?dos bos e xenerosos, que dí o noso hino nacional? evitar que estes mozos paguen polo que debería ser un dereito: defender a lingua galega.
Lembramos que todas as aportacións, por cativas que sexan, son moi importantes para frearlle os pés á estratexia de represión económica que pretende afogar á disidencia galega (en xeral) e á defensa da lingua (en particular). Por iso facemos un apelo á solidariedade, tan difícil de aportar nestes tempos que padecemos, pero que axudará a continuar a loita por subvertermos tal situación.
A solidariedade amósase con feitos!
Absolución dos defensores do galego!