Hai moitas cousas das cales falar cando Estados Unidos está envolvido nun colosal escándalo como consecuencia dos documentos publicados por Wikileaks, cuxa autenticidade -independentemente de calquera outra motivación dese sitio web- ninguén puxo en dúbida.
Con todo, o noso país neste instante está inmerso nunha batalla contra o cólera en Haití, que á súa vez se converte en ameaza para os demais pobos de América Latina e outros do Terceiro Mundo.
No medio das consecuencias dun terremoto que matou ou feriu a máis de medio millón de persoas e causou unha enorme destrución, desatouse a epidemia que, case de inmediato, foi agravada polo azoute dun furacán.
O número de persoas afectadas pola enfermidade elevábase onte, 29 de novembro, a 75.888, das cales a Brigada Médica Cubana atendeu a 27.015, con 254 falecidos para o 0.94%. O resto das instalacións hospitalarias estatais, ONGs e privados, atenderon a 48.875, das cales faleceron 1.467 para o 3.0015%.
Hoxe, 30 de novembro, a Misión Médica Cubana, que conta por certo con 201 graduados da Escola Latinoamericana de Medicina, atendeu a 521 pacientes de cólera para sumar un total de 27.536.
O pasado domingo, 28 de novembro, chegaron ao Centro de Tratamento ao Cólera do hospital de referencia comunitario situado na comuna L’Estere do Departamento Artibonite, 18 persoas en estado moi crítico, procedentes dunha subcomuna chamada Plateau, as que foron atendidas inmediatamente polos 11 médicos e 12 enfermeiras da Brigada Médica Cubana que alí traballa. Afortunadamente, puido preservarse a vida de todos.
A segunda feira 29 chegaron desde a mesma subcomuna 11 casos máis, entre eles, un neno de cinco anos cuxos pais faleceran por cólera. Puido de novo preservarse a vida dos mesmos.
Ante tal situación, o Dr. Somarriba, xefe da Misión Médica, decidiu o envío dun vehículo todo terreo con 5 médicos, 2 enfermeiras, un enfermeiro e un rehabilitador á subcomuna, cos recursos necesarios para atender con urxencia os casos.
Dos cinco médicos, catro son graduados da ELAM: unha uruguaia, un paraguaio, un nicaraguano, un haitiano e o xefe da brigada cubana do departamento de Artibonite.
Percorreron seis quilómetros por estrada, camiñaron seis máis por terraplén, e finalmente outros dous quilómetros por terreo abrupto con todo o equipamento e os recursos encima para chegar á subcomuna.
Plateau está situada entre cinco montañas con casas humildes agrupadas en tres puntos; calcúlase que o número de habitantes aproxímase a cinco mil. Non hai rúas, nin electricidade, nin comercios segundo informaron, e só unha igrexa protestante.
A poboación, de pobreza extrema, dedícase fundamentalmente ao cultivo de maní, millo, feixón e cabaza.
Cando chegaron a Plateau, o pastor da igrexa brindouse para organizar dentro da mesma o Centro de Tratamento, con seis catres e catro bancos dos fieis, que permite ingreso de urxencia a 10 persoas.
Hoxe ingresaron oito, tres en estado crítico.
Os veciños comunican que faleceron ao redor de 20. Eses datos non aparecen na cifra oficial de falecidos. Durante a noite traballarán coas lanternas que levaron.
A Misión decidiu crear un Centro de Atención ao Cólera nesa intrincada comunidade, que terá 24 camas. Mañá enviaranse todos os recursos, incluíndo a planta eléctrica.
Informa igualmente que os camarógrafos acudiron á comuna ao coñecer a noticia.
Hoxe non houbo falecidos, e abriuse un centro máis no norte, para un total de 38 centros e unidades de tratamento ao cólera.
Relato o caso para explicar as circunstancias e os métodos cos que alí se libra a loita contra a epidemia, que con decenas de falecidos diariamente vaise aproximando a 2.000 vítimas mortais.
Cos métodos de traballo que se están aplicando e o reforzo programado, será máis difícil que o número de falecidos continúe ao ritmo que levaba.
Coñecendo as paixóns con que os procesos electorais tradicionais se desenvolven, á parte do abstencionismo típico que caracteriza a moitos deles, preocupábanos o que puidese ocorrer en Haití no medio da destrución e a epidemia. Un principio básico e xamais violado é o respecto ás leis, os partidos e as crenzas relixiosas dos países onde prestan os seus servizos os nosos médicos ou a Brigada “Henry Reeve”.
Inquietáronnos, con todo, as versións amplamente divulgadas polos medios internacionais de prensa que presentaron un cadro de violencia xeralizada no país, que estaban lonxe de ser realidade. Os observadores internacionais estaban asombrados daquelas noticias que se divulgaban no exterior, cando en verdade os feitos que deron lugar aos mesmos foron illados, afectando só nunha reducida porcentaxe aos electores que exerceron o seu voto.
Os propios líderes que chamaron ao pobo a saír ás rúas comprenderon que non era correcto, no medio da tráxica situación do país, a realización de accións que podían estimular enfrontamentos violentos que farían imposíbel controlar e derrotar a epidemia. Se tal obxectivo non se logra, esta podería converterse en endémica e dar lugar a un desastre sanitario en Haití e a unha ameaza permanente para o Caribe, así como para a América Latina, onde millóns de persoas pobres en número crecente acumúlanse nas grandes cidades; tamén para outras moitas nacións pobres de Asia e África.
Non esquecer nunca que Haití debe ser ademais reconstruído desde os seus cimentos, coa axuda e a cooperación de todos. É o que esperamos para o seu nobre e abnegado pobo.
Fidel Castro Ruz
30 de novembro de 2010
9 e 34 p.m.